Igualiño que xa é…

Posted: under O tempo.

Acabouse a fin de semana, para algúns de nos cun día máis, e retomamos a rutina diaria xa mirando cara o mes de agosto e botando contas de se seguirá ou non este verán que xa temos con nos, non si? Xa vos saco de dúbidas agora mesmo.

Antes de contarvos o que ven toca ver como temos a situación neste momento e para iso so tes que mirar a seguinte imaxe de satélite desta tarde onde pode ver como o sol é o que manda porque, salvo polo norte, a ausencia de nubes é practicamente total. A destacar tamén son as nubes do nordeste que deixaron algunha que outra treboada nesa zona.

satélitePois ben, visto isto e consultados os modelos meteorolóxicos, o que se espera nos seguintes días é maís do mesmo. As altas presións seguen no Atlántico, pero un poco debilitadas o que fará que entre aire frío e refresque un pouco o ambiente e manteña as nubes polo Cantábrico e mesmo deixando algo de chuvia no día de mañá martes e xa desaparecendo nos seguintes días. Xa canto máis ao sur da Península, menos nubes e máis sol. Graficamente tes isto reflexado nas dúas seguintes imaxes previstas para o vindeiro mércores ao mediodía para os campos de presión e nebulosidade á esquerda e de precipitación á dereita.

nubes mércoreschuvia mércoresDe temperaturas relaxamos un pouco hoxe, continuando mañá martes e o mércores e recuperándose a valores calurosos xa o xoves.

O vento seguirá incordiando por todo o norte ata o mércores que será cando amaine e so quede algo del pola costa coruñesa.

Ben, e Galicia que? Pois igual que estes días, con máis nubes polo norte por culpa do nordés que mesmo poden deixar algunha chuvia a primeiras horas do día. A medida que vaiamos cara o sur do país será o sol o que mande, aínda que non quente moito no día de mañá e comece de novo a facelo a partires do mércores. O vento aínda se notará un pouco mañá mércores, quedando libre del o mércores as provincias do sur e xa cara finais de semana só presente na costa coruñesa.

Como les, non che cambia moito o conto para os vindeiros días e seguen as nubes polo norte e o sol canto máis ao sur. Iso si, algo refresca que non ven mal.

Comentarios (0) Xul 28 2014

Día da Patria Galega

Posted: under Política.

Si, chegou o 25 de xullo e toca celebrar o noso día, o Día da Patria Galega, esa á que moitos queren matar aplicándolle doses de veleno anti galego cada día por parte dos nosos gobernantes. Non conseguirán o seu obxectivo e, coma sempre fixo o pobo galego, revelarase ante iso e sairá fortalecido.

Para que iso ocorra temos que estar unidos e afrontar a loita conxuntamente seguindo o dito de que “a unión fai a forza”. Pois iso!! Temos que deixar de lado todo o que nos poida separar, tanto a cada un de nos individualmente coma aos distintos colectivos, asociacións, partidos políticos, etc e cinguirnos ao que nos une, que é moito, para polo en valor e loitar contra este goberno retrógrado que nos está a devolver a anos pasados en canto a niveis de vida, recortando todo o posible e máis para darlle os cartos aos seus e se enriquezan con eles e fagan os seus negocios. Así que, como digo, pensar en conxunto e en unión para derrotalos civicamente e que sexamos nos, o pobo, o que goberne o noso futuro.

Non quería rematar estas liñas sen recordar o acontecido fai un ano en Angrois e ter en consideración ás victimas de tan tráxico accidente e as súas familias e que, dunha vez por todas, se esclarezan as circunstancias do sinistro e, se houbo algunha neglixencia técnica, os culpables paguen por ela e non quede ningún responsable, directo ou indirecto, libre de culpa.

ADIANTE A PATRIA GALEGA!!!

Comentarios (0) Xul 25 2014

Sol e calor, así de simple…

Posted: under O tempo.

Ben, estamos na metade da semana e te preguntas que fago eu aquí que non é xoves; pois que como o venres é festivo, Día da Patria Galega, toca adiantar un día a predición para que poidas planificar mellor esta fin de semana longa.

Como ves na imaxe de satélite desta tarde, o sol é o protagonista. Agás pola costa noroeste onde as brétemas e algunha que outra treboada romperon este panorama de ceo despexado.

satélitePois ben, esta situación anticiclónica vai continuar con nos durante os vindeiros días e comezos da semana que ven, así que o que se espera é que se manteña a ausencia de nubes en liñas xerais, menos polo norte onde o nordés fará que se acumulen algunhas nubes polo cantábrico. Iso si, por todo o norte peninsular haberá que estar atentos porque o aire frío que temos en altura vai facer que se formen treboadas e poida caer algunha durante toda a fin de semana nesas zonas. Resumido isto en imaxes telo a continuación coa imaxe do campo de presión á esquerda e o campo de nebulosidade e precipitación á dereita previstos para a madrugada do venres ao sábado.

presión venres sábadonubes chuvia venres sábadoDe calor, pois seguiremos con el, tal e como se pode supoñer nesta época do ano; sendo máis intenso canto máis ao sur estés.

O vento tranquiliño, agás polo oeste onde si se notará moito máis, pero só para molestar un pouquichiño.

E si, nesta fin de semana longa que temos en Galicia o tempo vai a acompañar. As altas presións farán honra ao que se espera delas e teremos moito sol e calor. Unicamente polo norte haberá algunha que outra nube máis, como se pode supoñer debido ao nordés e as brétemas poden aparecer polo oeste. O vento si tocará as narices un pouco, pero non moito, especialmente pola costa atlántica e momentos puntuais no interior.

Como les, o verán está aquí e veu para quedarse uns días, así que o que toca é gozar del e estar atento/a que non te pille algunha treboada se andas polo norte peninsular.

Comentarios (0) Xul 23 2014

De novo quentando…

Posted: under O tempo.

Rematou esta fin de semana fresquiña para ser verán e comeza unha nova semana na que, de seguro, te estás a preguntar onde está a calor do verán, non si? Pois a resposta é moi sinxela, só tes que seguir lendo para tela.

Antes de ter a resposta hai que ver como temos a situación e para elo so tes que ver a seguinte imaxe de satélite desta tarde para comprobar como a ausencia de nubes é practicamente total sobre a Península Ibérica.

satélitePois ben, así imos a seguir toda a semana. O anticiclón veu para quedarse como podes comprobar na seguinte imaxe da esqueda prevista para o mércores ao mediodía. Isto fará que o ceo peninsular non presente nubes, agás algunha que outra polo norte que decorará o ceo, tal e como ves na figura seguinte da dereita para o mesmo momento anterior, pero neste caso cos campos de nebulosidade e precipitación. Iso si, ollo que algo de aire frío en altura podería colarse mediada a semana e faría que aparecese algunha treboada polo norte.

presión mércoresnubes chuvia mércoresCo afianzamento deste anticiclón as temperaturas recuparán valores máis típicos desta época do ano, así que, irán subindo segundo avancen os días, sendo o mércores o día de máis calor da semana. Esta subida de temperaturas pódela ver comparando a imaxe da esquerda correspondente á  temperatura deste mediodía de hoxe luns e a prevista para esa mesma hora o vindeiro xoves.

temp lunstemp xovesO vento, menos polo oeste que se deixará notar e ben, estará tranquilo durante toda a semana.

E chegará o verán a Galicia? Pois si, polo menos nesta primeira parte da semana onde o sol e a calor serán os protagonistas na atmosfera. Agora ben, hai dous fenómenos invitados esta semana que son a posibilidade de treboadas polo interior tanto mércores coma xoves e as brétemas costeiras tamén neses días que fagan que o conto de verán non sexa tal, malia a subida de temperaturas que imos ter. O vento, salvo mañá martes polo norte e o xoves polo oeste, non dará problemas ao longo da semana.

Como les, parece que chega o verán e ven para quedarse, pero a ver; toca ver como evoluciona a situación cara finais de semana e iso xa volo conto o mércores, previo a festividade do 25 de xullo, Día da Patria Galega.

Comentarios (0) Xul 21 2014

Refrescando…

Posted: under O tempo.

Ben, estamos a piques de rematar esta semana calurosa que nos recordou que o verán existe e chega a fin de semana na que tes o punto de mira, así que vou a contarche que trae a atmosfera.

O que temos enriba é un ceo despexado con moito sol, tal e como ves na seguinte imaxe de satélite desta tarde. Unicamente polo noroste, onde senon, aparecen algunhas nubes.

Pois ben, esta situación vai cambiar algo, especialmente polo norte. Unha baixa no Atlántico, ao oeste das illas británicas, vai facer que no día de mañá venres unha fronte, feble, pero fronte entre por Galicia e recorra a súa cola o norte peninsular nos seguintes días. Polo tanto, na tardiña de mañá chegarían as nubes con precipitacións ao noroeste e de aí seguirán por todo o norte peninsular, deixando inestibilidade durante toda a fin de semana, especialmente o sábado con bastantes chuvascos. Xa canto máis ao sur, máis sol; aínda que con algunha nube no ceo. Coma sempre ilustro esta situación coas imaxes do modelo, neste caso as previstas para o sábado ao mediodía onde podes ver as baixas presións ao oeste das illas británicas na imaxe da esquerda e a nebulosidade e a precipitación afectarían ao norte peninsular especialmente na imaxe da dereita.

Aparte deste cambio polo norte, o outro cambio principal desta fin de semana será a baixada das temperaturas e chegarán uns valores menos calurosos, tal e como podes comprobar ao comparar as dúas seguientes imaxes da temperatura deste mediodía de hoxe xoves e a prevista para esa mesma hora o domingo.

Do vento só haberá novas polo norte e sur, sendo nesas zonas onde máis se notará nos vindeiros días e quedando o centro máis libre del.

Galicia, como podes supoñer despois de ler o anterior vai cambiar o seu panorama meteorolóxico case totalmente con respeito ao que tivemos estes días. As nubes comezarán a chegar pola tarde de mañá venres e xa durante a noite, madrugada do sábado, deixarán chuvia por todo o país e quedando o sábado un día con bastante nubes e chuvascos, puidendo chover en calquer punto e en calquera lugar. Xa o domingo so quedarían chuvascos illados polo oeste e comezando a deixarse ver máis o sol segundo avance o día. A calor destes días marchará e chegarán temperaturas máis frescas, así que unha chaquetiña polas noites non virá mal. O vento deixarese notar algo na fin de semana, especialmente pola costa.

Como ledes, o verán pleno resistese a chegar, sobre todo polo norte. Aínda quedará moito sol polo sur, pero con temperaturas non tan elevadas como as destes días.

Comentarios (0) Xul 17 2014

Quecendo…

Posted: under O tempo.

De novo comezando outra semana despois dunha fin de semana tranquiliña no meteorolóxico, pero que promete non ser tanto para esta semana como che conto a continuación.

A situación actual é a que ves na imaxe de satélite desta tarde, onde apenas hai nubes, salvo polo norte peninsular e que mesmo durante a mañá deixaron algunha que outra precipitación.

Pois ben, esta situación vaise a manter en liñas xerais así nos dous vindeiros días. As altas presións seguirán a ser as protagonistas e farán que o ceo peninsular presente unha ausencia de nubes case total, agás algunha que outra polo norte, tal e como poder ver nas imaxes que che poño a continuación do campo de presión (esquerda) e os campos de nebulosidade e precipitación (dereita) previstas para a medianoite do martes ao mércores.

Xa o xoves comeza a cambiar o tempo polo norte co paso dunha fronte asociada a unha baixa sobre a Bretaña francesa e que irá anubrando o ceo e deixará algunha que outra chuvieira. Xa canto máis ao sur, máis sol, é dicir, que seguen como están. Graficamente tes isto nas dúas seguintes imaxes previstas para o mediodía do xoves cas mesmas variables anteriores.

Porén, a noticia esta semana vai ser a subida das temperaturas xa que unha masa de aire cálido procedende de África vai facer acto de presenza sobre a Península e fará que haxa máis calor, pasando dos 40º en moitos puntos do sur e algúns do interior a partires de mañá martes e especialmente nas xornadas de mércores e xoves. Polo norte notarase esta subida, pero non tanto e xa o xoves, co paso da fronte, refrescará un chisco. Podes ver esta subida comparando estas dúas seguintes imaxes da temperatura en superficie deste mediodía de hoxe (esquerda) e a prevista para o mércores á mesma hora (dereita).

Do vento non haberá moitas noticias durante a semana. Unicamente mañá martes polo oeste deixarase notar e xa cara finais da semana polo sur o levante molestará e bastante.

Que si, que a Galicia tamén chega a calor e da boa para as xornadas de mañá martes e a do mércores. Ademais tamén ven con bastante sol e sen ese vento tan molesto que tivemos a semana pasada. Agora ben, isto dura ata o xoves porque para ese día xa volven a baixar as temperaturas e chegan máis nubes no ceo galego co paso dunha fronte e que deixará chuvia principalmente na noite do mércores cara o xoves. O vento aínda se notará mañá pola costa atlántica, pero logo xa nada en todo o país.

Como les, chegou a hora das primeiras temperaturas de verán coa entrada de aire quente, aínda que polo norte non se note moito.

Comentarios (0) Xul 14 2014

Soleando…

Posted: under O tempo.

Ben, xa chegamos ao xoves e aquí estou eu para dicirche se chega o verán en serios, se seguimos nun si, pero non ou se ven outra cousa; así que non me lío e paso a contarcho.

Como estás a comprobar, menos se estás polo Cantábrico, o sol é o que manda no ceo con moi poucas nubes. Non fai falta a imaxe de satélite para confirmalo, pero aquí a tes para ver a Península limpa de nubes agás polo norte onde o nordés é o que proboca esa nebulosidade.

Pois ben, o conto vai seguir así nos vindeiros días. Co anticiclón no Atlántico pero sen entrar de cheo sobre a Península fará que o ceo esté soleado en liñas xerais, menos polo norte onde aparecerán algunhas nubes e mesmo poderían deixar algunhas gotiñas de nada, especialmente o domingo. Resumoche isto con dúas imaxes do modelo previstas para a medianoite do sábado ao domingo: á esquerda o campo de presión previsto onde ves como o anticiclón segue sobre o Atlántico influenciándonos de refilón e á dereita tes os campos de nebulosidade e chuvia coas nubes e algo de chuvia polo Cantábrico.

De temperatura aínda non tocará calor intenso. Si, fará calor e cada día que pase un pouquiño máis, pero o forte aínda non toca nesta fin de semana.

O vento normalizarase polo norte e salvo mañá venres no val do Ebro, voltará á tranquilidade; agás polo oeste onde si se manterá a súa intensidade.

Pois parece que o verán de cheo aínda non toca que nos visite por Galicia. Seguiremos con esta mesma configuración da atmosfera que nos deixará máis nubes canto máis ao norte e máis sol canto máis ao sur. Iso si, irá quentando só un pouquiño máis cada día, aínda sen chegar a valores calurosos, superando os 30º por pouco no interior e rozandoos pola costa e sendo pouco máis dos 20º polo norte do país. O vento irá a menos, pero por momentos seguirá a ser molesto, sobre todo pola costa atlántica durante toda a fin de semana.

Como les, seguiremos con “bo tempo”, pero sen facer calor do gordo durante a fin de semana á espera de se o anticiclón entra de cheo e chega esa calor que tanto demandas.

Comentarios (0) Xul 10 2014

Cantábrico e o demais…

Posted: under O tempo.

Comezamos unha nova semana despois dunha fin de semana relativamente tranquila, agás por Galicia, onde nos mollamos e ben co paso dunha fronte. E que? Chegará o anticiclón de cheo ou seguiremos con inestabilidade? Paso a responderche xa.

De momento o que temos é que a baixa aínda segue polas illas Británicas coa súa fronte asociada, tal e como ves na seguinte imaxe de satélite desta tarde, e que está a deixar xa nubes sobre o ceo galego.

Pois ben, estate tranquila/o que por fin o anticiclón vai gañar a batalla a esta baixa e vaise a ir impondo segundo avance a semana. Vai ir entrando un pouco máis sobre a Península facendo que o ceo en liñas xerais esté pouco anubrado ou despexado. Agora ben, como o anticiclón non entra en plenitude, os ventos do norte/nordés na costa cantábrica farán que se forme nebulosidade por esa zona e que mesmo se produza algunha que outra precipitación durante a semana. Visualmente tes isto nas dúas seguintes imaxes do modelo previstas para o mércores ao mediodía: á esquerda o campo de presión e como o anticiclón quere e non pode porse por riba da Península e á dereita os campos de nebulosidade e precipitación con esas nubes e a chuvia polo cantábrico.

Por isto que che conto de que o anticiclón non chega con moita forza é polo que as temperaturas non vai ser altas durante a semana, seguirán en valores similares aos destes días cunha lixeira subida cara finais de semana, pero non a calor intensa como podería indicar o estarmos en verán.

O vento deixarase notar polo norte e val do Ebro e, sobre todo, polo oeste penisular; mentres que polo resto apenas pouca cousa.

E Galicia que? Virá o sol dunha vez? Seguro que esas son as túas preguntas e a miña contestación é que si, pero non tanto. Explícome. Despois do paso dunha fronte durante esta madrugada de luns a martes e que deixará algunha que outra chuvia, será o anticiclón o que vaia a mandar durante a semana, pero non de todo, quedando o norte con máis nubes e o sur con máis sol ao longo de toda a semana. As temperaturas non subirán ata valores calurosos, manténdose ata mediados de semana nestes valores e subindo un chisco para rematar a semana. O vento estará con nos toda a semana, sendo a costa atlántica e máis concretamente a Rías Baixas, onde máis se vai notar.

Como les, parece que o anticiclón quere entrar e deixar sol e calor completo sobre a Península, pero aínda se resiste o norte; pero algo é algo, así que a ver como evoluciona a atmosfera e o xoves vos conto se chega xa ese verán caluroso e soleado.

Comentarios (0) Xul 07 2014

Galicia ao seu…

Posted: under O tempo.

Xa chega a fin de semana e se estás en Galicia estaste preguntando se este sol vai aguantar durante a fin de semana e se estás no resto da Península, especialmente por todo o norte, nordeste e centro, desexarás que rematen xa estas treboadas tan bruscas que estás tendo. Pois ben, sácoche de dúbidas nun instante de nada.

Antes toca ver o que o que temos enriba e, como ves na seguinte imaxe de satélite desta tarde, as treboadas seguen a fastidiar as tardes de sol, pero fastidiar moito porque o que están a deixar é importante de carallo.

Pois ben, parece ser que esta inestabilidade provocada pola DANA, tal e como vos adiantaba na predición do luns, vai a ir desaparecendo ao longo das vindeiras horas. Aínda quedará algo para esta madrugada e parte da mañá de mañá venres polo nordeste peninsular principalmente. Logo diso xa chega algo de estabilidade, manténdose polo sur onde non “pasou nada” estes días e o sol será o protagonista, aínda que con algunha nube por aí solta. Agora ben, haberá un recuncho da Península onde isto non pasará e si, ese lugar é Galicia onde as nubes e a chuvia serán as protagonistas coa entrada dunha fronte asociada a unha baixa sobre as illas británicas e que irá anubrando todo o norte peninsular e deixará chuvias, algunhas o sábado, pero sobre todo o domingo, quedando o resto da Península con sol e algunhas nubes. En imaxes podes ver isto nas seguintes saídas do modelo previstas para a madrugada do sábado ao domingo para os campos de presión (esquerda) e os campos de nebulosidade e precipitación (dereita).

De temperatura, pois haberá de todo, pero o importante é que polo norte baixarán e fará algo máis de fresquete; uníndose o resto da Península o domingo, previo paso dunha lixeira subida no sábado polo sur e sureste.

O vento non dará guerra esta fin de semana. Mañá venres polo leste si se deixará notar e ben e na fin de semana tamén polo noroeste, pero no resto da Península tranquiliño.

Como xa avancei máis arriba, Galicia será o recuncho onde non haberá sol na fin de semana e as protagonistas serán as nubes coa súa chuvia asociada e deixando uns días que máis de verán serán outono porque ata as temperaturas contribuirán a iso porque se espera que baixen e refresquen con respeito ás de hoxe. Tamén o vento estará con nos e soprará o suficiente para que se faga algo incómodo.

Como les, Galicia vai ao seu co tempo, mentres que no resto da Península van gozar dun adianto do verán en canto a estado do ceo porque de temperatura non tanto á espera de que para a semana queira entrar o anticiclón que está no Atlántico, pero iso xa será unha cousa que vos contarei o luns.

Comentarios (0) Xul 03 2014

Inestabilidade da boa…

Posted: under O tempo.

Comezamos unha nova semana despois dunha fin de semana relativamente tranquila nisto do tempo, pero, seguirá? Ah, esa é a cuestión que te estás a facer e para que eu traio resposta nas seguintes liñas.

A situación actual é a que ves na seguinte imaxe de satélite desta tarde cunha baixa situada ao noroeste da Península e que nos está a mandar unha fronte como podes ver xa coas nubes cubrindo xa Galicia.

Pois ben, con esta baixa aí e desprazándose e case desaparecendo cara o seu nordeste irá deixando inestibilidade por toda a Península facendo que o norte presente máis nubes con chuvascos, bastantes deles de caracter treboentos con aparato eléctrico e saraiba por todo o centro e norte peninsular e quedando o sur máis libre desta inestabilidade con máis sol, tal e como podes ver nas dúas seguintes imaxes do modelo previstas para o mércores ao mediodía para os campos de presión (esquerda) e de nebulosidade e precipitación (dereita).

Xa cara finais de semana esta inestabilidade vaise trasladar ao leste con importantes chuvias provocadas por unha DANA (Depresión Aislada en Niveles Altos) que parece que se vai a formar e que nesa zona pode deixar importantes precipitacións, como podes observar na imaxe do modelo de nebulosidade e chuvia (dereita) e na do campo de presión (esquerda) previstas para tarde do xoves.

De temperatura seguiremos frescos para a época do ano na que estamos xa que de calor imos descansar esta semana, comezando a subir un pouco as temperaturas cara finais de semana.

O vento en xeral estará tranquilo, pero non tanto polo oeste e sur peninsulares onde si se notará bastante máis e por momentos polo norte.

Galicia non se librará da inestabilidade, así que unha vez xa mañá pola mañá martes pase esta fronte que temos enriba coas súas chuvias quedarán un par de xornadas de chuvascos espallados por todo o país e será o xoves cando o anticiclón comezará a facer acto de presenza, aínda que de xeito tímido, pero suficiente para que se limpe o ceo galego de nubes e suban as temperaturas de xeito considerable con respeito ás de días anteriores que se manterán igual. O vento estará con nos toda a semana deixándose notar algo e moito máis polas Rías Baixas ao longo de toda a semana.

Como les, o verán como quen di aínda non chega, pero parece que por aí asoma, así que o xoves podería traervos algunha nova sobre iso, pero antes toca andar co paraugas a man se estás máis cara o norte e leste e poderás deixalo na casa se andas polo sur.

Comentarios (1) Xuñ 30 2014