Rematou a campaña…

Posted: under Política.

Ben, aquí me tedes co meu terceiro e último post adicado ás eleccións antes de que o domingo pasemos polo colexio electoral correspondente a exercer o noso dereito ao voto. Os seguintes posts xa serán para analizar os resultados e as súas consecuencias.

Son dos que sempre dixo que as campañas electorais non valen para nada e xa case todo está vendido, mais desta vez teño que recoñecer que esta campaña foi distinta e de seguro que moita xente a tomará como guía para ir o domingo a votar. Son moitos os que aínda hoxe están indecisos e non saben a quen votar ou ben están pensando en quedar na casa. O meu humilde consello é que vaian a votar, especialmente en contra dos actuais inquilinos na Xunta. Xa foron varios os posts adicados ao seu goberno neste blogue, así que non vou repetir os seus “méritos”, só tedes que ir a buscalos á sección de política neste blogue e lelos.

Como dicía, coido que esta campaña si fixo que a xente se movilizase, tanto os de un bando como os do outro, entendendo bandos como goberno e oposición, esta última nas súas distintas forzas políticas. A xente estase a implicar un pouco máis no desenvolvemento desta campaña que remata hoxe e hai unha forza política que o fixo especialmente e que non é outra que a liderada por Xosé Manuel Beiras, a Alternativa Galega de Esquerdas. Creo que nin el mesmo, como repetiu en varias entrevistas estes días, contaba ter ese gancho cara a xente nin que a fose a aguantar, pero aí estivo, pateando todo o país para explicar o seu programa. Nestes días foron varios os actos nos que ateigaron os recintos reservados e incluso quedou xente fora escoitando todo o que tiña que dicir por megafonía. O resto de partidos tamén tiveron os seus incondicionais, uns en maior medida polo seu poder de convocatoria con compañeiros de fora do país e as outras dúas forzas do país coa súa xente e pateando o país tanto para a celebración de mitines e reunións con diversos colectivos.

A verdade é que me sinto sorprendido da limpeza da campaña, salvo o típico de pegar cartaces uns por riba doutros e algunha cousa máis, do resto transcurriu con tranquilidade e os cruces de declaracións típicos nestes casos coa novidade do uso das redes sociais para elo en moitos casos non foron moi subidos de tono. Como novidade tivemos a celebración de dous debates na televisión pública galega, e digo ben porque o terceiro, entre os candidatos do PSdeG e BNG foi unha pantomina tendo en conta que queiran ou non queiran son compañeiros de viaxe cara o obxectivo común de derrotar á maioría absoluta do PP. Nos dous debates verdadeiros non se puido apreciar nada novo mais que o típico “e ti máis” de como transcurriu a lexislatura e reproches mutuos. Faltaban o resto de formacións políticas para entrar no debate, pero non conviña non vaia ser que lle quitaran protagonismo, especialmente o animal político que é Beiras que non rexeita calquer tipo de confrontación dialéctica sabedor de que a súa experiencia e sabiduría fanlle gañar por goleada.

E con isto chegamos ao día de reflexión de mañá e ao de votación o domingo coa incerteza de se o PP será capaz de revalidar a maioría absoluta ou non e no caso de non facelo, as forzas que entren no parlamente sexan capaces de armar unha alternativa de goberno eficaz ante todos o retos que se aveciñan. Por mal camiño irán se PSdeG, BNG, AGE e demais formacións que poidan entrar no parlamento se non poñen os intereses do país por riba de calquer outro para que este pais levante cabeza e mellore que boa falta nos fai.

E para rematar só me queda facer a miña quiniela de como será o resultado. Nunca soio acertar, pero desta vez espero que si e se cumpla porque de non ser así, mal imos. Coido que o PP non revalida a maioría absoluta, cun empate técnico entre BNG e AGE, co PSdeG por riba deles e con CxG a piques de entrar ou entrando cunha mínima representación. Pase o que pase, haberá un gañador moral e que non é outro que Beiras que conseguirá que o seu grupo entre no parlamento e puidésemos disfrutar da súa oratoria e sabiduría estes días facendo que a xente se movilizase a redor da súa figura e volte a ilusionarse cara o fin deste goberno.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.