Post-eleccionando…

Posted: under Política.

Xa pasou un mes desde que se celebraron as eleccións á Xunta de Galicia e xa temos o novo parlamento constituído e a piques de comezar a sesión de investidura. Penso que foi tempo dabondo para poder facer unha análise sobre os resultados das mesmas xunto co todo o seu debate posterior, sen actuar en quente.

Nin que dicir ten e é maioritariamente notorio que houbo dous vencedores claros e outros tantos derrotados. Polo bando dos vencedores temos a Feijoo que revalidou o ser presidente da Xunta e penso que case contra prognóstico xa que todas as enquisas dos días anteriores non o daban tan claro, pero é que non só revalidou, senon que tamén ampliou en 3 deputados a súa maioría absoluta. E, por ese mesmo bando, o outro gran vencedor foi Xosé Manuel Beiras e a súa coalición electoral de AGE (Alternativa Galega de Esquerdas) que conseguiu en menos dun par de meses un gran número de votos ata acadar 9 deputados que nin eles mesmos contaban. Pola contra, no bando dos derrotados temos ao PSdeG e ao BNG, cada un coas súas cousas propias, pero co argumento principal de defraudar aos seus siareiros durante os últimos anos, non só como resultado do seu goberno durante a época do bipartito cando non souperon demostrar unha ruptura co pasado, senon tamén por un discurso monótono sen presentar oposición algunha que fixera que a xente os considerase unha alternativa cribel contra as políticas do Partido Popular. En menor medida cabería dicir que tamén sairos derrotados outras formacións políticas que contaban, a priori, con entrar con algún deputado no parlamento e que foron Compromiso x Galicia, Sociedad Civil y Democracia de Mario Conde e UPyD de Rosa Díez.

E por que de todo isto? Pois en parte xa o comentei anteriormente coa derrota do PSdeG e BNG, éstes non souperon canalizar todo o descontento existente na sociedade e víronos como algo do mesmo os que estaba a gobernar; o mesmo can con distinto colar, como se soe dicir. E ese descontento canalizouno a alternativa que presentaba a coalición AGE con Beiras e o seu discurso rupturista, alleo e diferente ao que se está a oír e facer neste momento e avalado pola experiencia e sabiduría de el mesmo. E o éxito do PP que? Pois baseouse na gran cantidade de xente que quedou na casa que fixo que a abstención fose case do 46% e non do 36% tal e como se explica aquí e que agora anda a tirarse do pelos e laiarse de non ter ido a votar. Outro dos factores da victoria popular foi a axuda prestada pola extensa rede clientelar e de caciquismo que mantén no país e que fixo que a carretaxe, ameazas e demais artimañas fosen aínda maiores do que soe ser habitual en calquer proceso electoral.

E agora que? Pois comeza unha gran e crucial lexislatura coma xa se pudo entrever o outro día na toma de posesión cando Beiras xa mostrou o que vai a ser, polo menos pola súa parte. Preséntase unha lexislatura de retos e desafíos, tanto polos vencedores coma dos perderdores que comentei anteriormente:

   1.- O PP ten o reto de non crerse que o resultado avala toda a súa política de recortes (menos para os seus) e desmantelamento do estado do benestar que estiveron a facer durante toda a lexislatura anterior e pensar que ten carta branca para seguir por ese camiño. Ademais agora non hai herdanza recibida á que botar man para excusarse pola súa acción de goberno nin goberno “inimigo” en Madrid que lles esté a facer a puñeta. Coido que van seguir polo mesmo camiño, dalles exactamente igual que día tras día estemos na rúa protestando e reivindicando o gañado durante estes últimos anos que eles seguirán ao seu pensando que as súas políticas son “dogma de fe” que hai que facer e cumplir a toda costa.

   2.- AGE ten ante si o desafío máis grande de todos os grupos parlamentarios. Se xa foi difícil conseguir o que acadou o día das eleccións; aínda será máis difícil o cumplir as expectativas que moita xente puxo nas súas mans que non son baixas, é dicir, manterse e como non superarse. Tamén é verdade que co seu discurso rupturista e anovador puxeron alicerces para que sexan mirados con lupa e o resultado deixe de ser anecdótico e pase a ser un continuo en vindeiras citas electorias. Pero máis que as citas electorias estará o seu traballo de cara a cidadanía que ten que ser a que acapare e disfrute de todo o seu traballo parlamentar, tanto aportando para desenvolvelo como o de conseguir os seus resultados a raíz diso.

   3.- PSdeG e BNG pois nuns primeiros meses estarán nunha travesía do deserto entre o de desenvolver a súa actividade parlamentaria e pilotar o seu camiño interno cara unha renovación e/ou reformulación das súas estruturas co obxectivo de recuperar eses votos perdidos e máis importante aínda, o de atopar un discurso que os volva a conectar coa cidadanía.

      3.1.- No caso de PSdeG non é nada novo ese camiño xa que na súa historia xa son varias veces que o tivo que facer; o que pasa agora é que a parte do carro que tira a súa pata PSOE non é tan grande xa que éstes aínda andan na súa travesía despois do resultado das eleccións de fai un ano e fará máis complicado que ese camiño do PSdeG sexa máis sinxelo. E aínda por riba temos unhas memoria do ex-presidente Touriño nas que non deixa moi ben parado a ese partido e, sobre todo, a moitos dos seus dirixentes.

      3.2.- E no caso do BNG o reto da súa refundación aínda é máis grande xa que nunca antes se vira nunha destas e agora non hai a quen botarlle a culpa de que está a entorpecelos no seu traballo. Moito se falou cando o Encontro Irmandiño e +Galiza abandonaron a fronte alá por febreiro e marzo, invitandoos a abandonar canto antes a casa común do nacionalismo se non estaban a gusto e de que se fora ía ir moito frío, etc. Pois ben, parece que tanto frío non fai e os que o colleron foron eles dentro da casa. Nunha precampaña e campaña con certa soberbia pensaron que con quedarse coas siglas e a experiencia dos últimos anos íalles chegar para manterse como terceira forza política e porque non, pasar por riba dun PSdeG en horas baixas. Viuse que non, que pasaron a ser a cuarta e o que máis lle doe, con Beiras pasándolle por riba (o demo e culpable dos males do BNG nos últimos anos para moita xente dentro do BNG) e aparecendo como rutilante figura da nova lexislatura. Agora acordan ou lanzan ao ar que hai que unificar o nacionalismo e todo iso porque lles foi mal nas eleccións. E preguntome eu, se o resultado non fose o que foi, estarían a dicir o mesmo? Penso, sinceiramente, que non. Mal faría Anova, unha das patas de AGE en atender a estes cantos de serea agora e que desestabilizasen todo o traballo que teñen por diante no parlamento. Agora ben, tampouco pode pechar a porta de todo de cara a un futuro, non sei se curto, medio ou longo prazo.

E dito todo isto, creo que estamos ante unha gran e apaixoante lexislatura para os que temos este vicio de gustarnos a política, onde o nivel do debate debería aumentar e non cinguirse a un “ti máis” como estaba a ser nestes últimos meses. Esperemos que faga que moitas e moitos que agora mesmo están asqueados coa clase política actual, podan volver confiar nela porque os atenden e lexisltan para o pobo. Iso si, non debemos esquecer o feito de reivindicar pacíficamente todos os nosos dereitos ante todos os atentados que estamos a sufrir mediante estas políticas capitalistas que non están a impor.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.