Temporal gordo á vista…

Posted: under O tempo.

Ben, está a piques de rematar a semana e moitos de vos pensando na fin de semana e no tempo que vai vir, pois aquí estou eu neste rinconciño da rede para contárvolo que, xa volo adianto agora, trae moita miga.

Pois ben, despois de que a noticia meteorolóxica da semana fosen as intensas nevadas, sobre todo na zona pirenaica; temos que isto nos deu unha tregua e aínda que segue a estar cuberto de nubes en moitos puntos da Península, tal e como vedes na seguinte imaxe de satélite, as nevadas copiosas cesaron polo momento, pero non si a chuvia.

E con todo isto teremos unha fin de semana moi movida xa que nestes momentos xa temos unha fronte entrando polo oeste e que durante esta madrugada e no día de mañá vai deixar fortes precipitacións polo noroeste peninsular, chegando a activarse diferentes avisos por todo o norte por acumulacións de cantidades importantes de auga e estendéndose por toda a Península. Xunto a esta auga teremos o vento que soprará con intensidade moderada todo o día de mañá e aumentando cara a xornada do sábado.

E chegamos ao sábado, un día cunha meteoroloxía moi adversa en toda a Península debido ao paso sobre a mesma dunha profunda borrasca que na súa formación e profundización podemos considerala como explosiva. Por que dicimos que é explosiva? Pois porque na súa formación ata a profundización baixa o seu centro entre 20-24hPa en 24h, entre outras característica que están moi ben explicadas aquí. Nas dúas seguintes imaxes podedes ver esta profundización: na da esquerda prevista para mañá ao mediodía vedes unha baixa de 1000hPa que 24 horas despois, no mediodía do sábado xa está sobre a Península cunha presión de 980hPa.

Con isto o que se espera para o sábado é que o ceo peninsular esté cuberto de nubes e de esas nubes caia bastante cantidade de chuvia, chegando a acumular grandes cantidades de auga en moitos puntos do norte e oeste peninsular. Pero non só de auga nos imos fartar, tamén estará o vento que coa profundización da baixa, este estará soprando con intensidade moderada e refachos fortes en bastantes puntos, especialmente en zonas altas. Un resumo disto védelo nas dúas seguintes imaxes previstas para o mediodía do sábado: na esquerda a chuvia e na dereita o vento.

Xa o domingo a situación relaxa un pouco porque a baixa marcha e queda o ceo menos anubrado con menos chuvia á espera de que unha fronte comece a entrar polo oeste xa cara a tarde.

Parécevos pouco isto, pois ben, aínda queda algo que contar e é que tamén voltará a neve porque a baixada de temperaturas será importante, especialmente o domingo, debido á entrada dunha masa de aire frío polar que podedes ver na seguinte imaxe pintada en verde para a medianoite do sábado ao domingo. Esta masa de aire enfriará o ambiente principalmente polo norte facendo baixar a cota de neve ata os 600/700 metros e aumentando segundo nos despracemos cara o sur peninsular. Nas dúas últimas imaxes podedes ver este descenso das temperaturas, ámbalas imaxes son do mesmo instante temporal, o mediodía, pero á da esquerda correspondese para mañá venres e á da dereita para o domingo.

Pois Galicia non vai ser allea a este temporal e teremos unha vindeira madrugada e o día de mañá venres con moita chuvia e xa para o sábado segue a chuvia e ven un aumento na intensidade do vento con tendencia a chover menos ata o domingo que aparecerá outra fronte e voltará a deixar bastante auga, xunto con neve nas montañas do país. As temperaturas baixarán na fin de semana.

Como acabades de ler, temos un temporal en toda regra para esta fin de semana, así que o mellor que se pode facer é quedar na casiña e velo a través da fiestra e evitar calquer desprazamento que non sexa necesario e para saber como evoluciona a situación, ireina pondo no meu twitter (@omtesouro).

1 comentario

  1. Chega a neve a moitos sitios… Says:

    […] do paso de «Gong», a profunda borrasca desta fin de semana e da que din boa conta da súa acción o xoves pasado, hoxe tocou certa calma chicha, tal e como vedes na seguinte imaxe de satélite desta tarde, co ceo […]



RSS feed for comments on this post.



Sorry, the comment form is closed at this time.