COB: comenzando…

Posted: under Deportes.

Ben xente, desta vez cambio de rexistro por un día e vouvos falar de deporte e mais concretamente do meu Clube Ourense Baloncesto, o COB, como comunmente o coñecemos.

Despois dun comezo de verán convulso, como xa soe ser habitual todos os veráns con este equipo, confeccionouse unha nova xunta directiva que aglutina a xente que levaba nela os anos anteriores, outra que voltou a entrar e algunha que non tiña estado no basket, todos con Antonio Gavilanes ao fronte dela e na que ao final non puido/quixo entrar o grupo de Armando Álvarez e uns empresarios que estaban con el aportando os cartos necesarios para inscribir ao equipo en LEB Ouro.

Non vou entrar no conto dese desencontro ou non encontro entre ámbolos grupos xa que descoñezo as interioridades e voume centrar no que veu posteriormente e cales son as miñas sensacións cara esta temporada despois de xa ver ao equipo en acción nesta primeira xornada de liga. Unicamente salientar neste sentido que é primordial unha estabilidade institucional cun proxecto a medio prazo como mínimo para que o equipo progrese mantendo unha base de xogadores que eviten ter que andar cambiando practicamente todo o equipo de temporada en temporada e aumente a masa social que acude ao Pazo xornada tras xornada.

Sobre a confección da plantilla. A elección do entrenador paréceme correcta dada a súa traxectoria na liga, a pesares dunha mala última campaña, aunando experiencia nos banquillos e na liga, así como dos xogadores que militan nela. Destacar a súa integración na cidade e no clube e o ser activo nas redes sociais interactuando cos siareiros. Sobre os xogadores comentar que a confección da plantilla está equilibrada e onde a maior parte dos xogadores teñen ampla experiencia na liga. Solventárose rapidamente os problemas xurdidos pola baixa de dous dos xogadores incorporados e substituídos por outros dous no menor tempo posible para poder integrarse no grupo o máis aixiña posible.

Teño que recoñecer que non vira partidos de pretemporada, así que a opinión que me fixen do equipo viña dada polo que lera na prensa e diversos siareiros comentaron nas redes sociais, así como o coñecemento previo dos xogadores. Agora xa visto o primeiro partido podo dar unha opinión máis persoal sobre o que penso que o equipo nos pode mostrar ao longo da temporada.

En primeiro lugar dicir que as sensacións foron boas, nada que ver coas que tiven despois do primeiro partido da temporada pasada. Parece que teñen medianamente claro ao que queren xogar e conseguir o que o entrenador quere deles. Poderá gustar ou non o estilo, aínda hai que deixar pasar uns partidos para telo máis definido, pero vese que está trazada a folla de ruta.

Sobre os bases dicir que son dous bos directores de xogo, tanto Rivero coma Frutos e que se complementan ben, así como con experiencia na liga. Non serán anotadores, pero, como digo, son directores e xa se sabe, cando o base dirixe o equipo xoga; trasladando á pista o que o entrenador lles indica.

Ao respeito dos escoltas e aleiros dicir que teñen boa pinta, pero algúns deles deben aportar máis e entrar máis en xogo, especialmente Huertas que, se mo permitides, estaría chamado a ser o líder do equipo e parece que aínda non arranca fino. A grata sorpresa nese primeiro partido foi Riley cun moi bo acerto e anotación. Julio necesita estar máis concentrado para non fallar canastas fáciles como as dúas que tivo o sábado e Edu estar aí para cando se lle necesite desde o perímetro.

En canto a xogo interior de Kale non se pode dicir nada, todos e todas o coñecemos e como lin por aí, veu sendo neno e volta sendo un home. Moretín fixo o traballo correcto aportando rebote e anotación, mentres que Iván García estivo máis discreto. De Carter non se poden sacar conclusións dos apenas 5 minutos xogados e recén chegado ao equipo.

En xeral, ten boa pinta este equipo unha vez se corrixan fallos que houbo o sábado centrados principalmente nas perdas de balón e ter máis intensidade defensiva. Correxido iso e unha vez complementados os xogadores co entrenador non deberíamos pasar os problemas que tivemos a temporada pasada e estarmos na metade da táboa de clasificación entrando en play-offs e mesmo disputándoos en condicións co resto de equipos xa que a igualdade na categoría é grande.

Polo tanto, para min o equipo apunta boas maneiras e aínda que temos un comezo complicado con equipos, en teoría, máis fortes, non debemos desilusionarnos e confiar neles.

Nuns meses comprobaremos o acertado ou errado deste post, pero polo momento acepto comentarios e opinións.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.