O mesmo conto de todos os anos…

Posted: under Deportes.

Xa pasasaron un par de semanas desde que rematou para o Clube Ourense Baloncesto (COB) a temporada e toca facer balance do que foi ésta, desde o meu humilde punto de vista como socio do clube que son.

Se fai uns meses escribía neste mesmo blogue as miñas primeiras impresións sobre o comezo da temporada e comentaba as boas impresións que me deixara o equipo no comezo da mesma; agora teño que dicir o contrario e calificar a temporada como mala en liñas xerais. Voume a explicar.

Partindo da base que o obxectivo era non descender, poderíase dicir que si se cumpliu, pero tendo en conta a plantilla que había, coido que o lugar máis acaído tiña que ser o de andar polo medio da táboa e, se tal, entrando dos últimos no play-off de ascenso. Xogadores de contrastada categoría na liga, xunto coa do entrenador e un non mal comezo de tempada dando a cara contra algúns dos favoritos ao ascenso; podían facer crecer as ilusións nunha temporada tranquila e sen sobresaltos.

Todo o contrario foi o que ocorreu ao longo da temporada onde só se gañaron 3 partidos na casa e con derrotas que doen en moitos deles. De ir gañando de máis de 15 puntos ao descanso, deixáronse remontar para acabar perdendo. Ademais, a sensación de non xogar a nada estivo presente en moitos partidos, sen ideas claras en ataque deixando todo para o lanzamento exterior, sen que o xogo interior impuxese o seu poder, salvo nos partidos de finais de temporada, unha vez Moretín volveu da súa lesión. Unido a isto está o aspecto defensivo onde apenas houbo intensidade o que fixo que nos meteran moitas canastas e provocara as nosas derrotas. Todo isto non ten un único culpable, aínda que a maior parte desa culpa si debería caer sobre e non é outro que no entrenador. Gonzalo en moitos partidos non soupo facer que o equipo xogase e, para máis, o seu poder de reacción tampouco estivo á altura non transcurso de moitos partidos. Pero non só vai levar a culpa o entrenador, os xogadores tamén teñen a súa parte xa que algúns deles non deron, desde o meu punto de vista, todo o que se esperaba deles, centrándome en dous xogadores que, por caché e experiencia, deberían ser decisivos e non o foron tanto. Estes xogadores son Huertas e Kale que, por un ou outro motivo, rendiron intermitentemente sen mostrar unha regularidade ao longo da temporada e o equipo notouno.

Polo tanto, agora que por un verán non hai que andar pensando en comprar praza, toca só pensar na confección da plantilla e na persoa que a dirixa, porque si, penso que Gonzalo non demostrou que deba seguir ao fronte do equipo. De non cesalo mediada a temporada xa o menos malo era que rematase a temporada e logo que veña outro, antes de hipotecar a vindeira temporada traendo a un entrenador a falta de 5 partidos (cando o Pazo era un clamor co “Gonzalo vete ya!!”) que, de seguro, pediría firmar o que quedaba desta e a seguinte. Así da tempo a buscar un novo entrenador e preparar a temporada con calma. Sobre os xogadores, penso que hai boa base para traballar e que sigan uns cantos e, na medida do posible, traer xogadores novos e así evitar o de todos os anos co borrón e conta nova, configurando unha plantilla de cero. Dentro destes xogadores, e me mollo, penso que tanto Rivero, Morentin, Zamroz, Riley e posiblemente algún outro como Huertas, deberían seguir e completar o resto con xogadores que aporten e se comprometan co equipo e, sobre todo, acertar coa parella de estranxeiros para que sexan os que aporten ese plus definitivo que se espera deles.

Desde o punto de vista directivo poderíase dicir que mal non o fixeron. Despois de todo o que aconteceu no verán pasado que si collían eles o clube, o collía o grupo de Armando Álvarez ou entre os dous, foron eles os que deron o paso e tomaron o mando no COB e coas súas ideas e traballo chegamos ao final da temporada, a pesares de ter un medio de comunicación local en contra e vertendo informacións contrarias á súa xestión. Habería cousas que fixeran mal, é de humanos o errar, pero esa campaña é difícil de entender para un socio coma min e facendo comparacións con ex-presidentes dunhas temporadas atrás, non co inmediatamente anterior. Deixando os aspectos “políticos” sobre a directiva, toca falar do deportivo. Xa teñen falado que este seu proxecto é a medio prazo e comprendo que teñan dúbidas en canto a manter o entrenador (aínda que dependendo das informacións que leas unhas digan unha cousa e outros case a contraria), pero aínda que non contiuase, esa perspectiva de proxecto non se perde se se inclúe aos xogadores, de aí o que comentaba no parágrafo anterior sobre a continuidade da plantilla. Polo tanto, e visto que a idea da directiva con Antonio Gavilanes á cabeza é seguir, non estaría mal un cambio na dirección deportiva mantendo a base do que hai en canto a xogadores e facer unha plantilla competitiva que nos devolva ao lugar que debemos estar, no medio da táboa, como mínimo, e de aí tirar ata arriba ata onde se poida.

Resumindo, estamos como todos os veráns, pero neste caso con praza fixa para repetir na categoría e só co pensamento de configurar o equipo, fora de preocupacións administrativas de compra de praza e interrogantes en canto á dirección do clube.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.