E o COB, que?

Posted: under Deportes.

Xa fai uns cantos meses que rematou a liga e deportivamente o COB estaba salvado do descenso e digo deportivamente porque administrativamente estivo a piques de non o estar ata que o venres pasado, despois da votación da Comisión Delegada da FEB (Federación Española de Baloncesto), cando se deu luz verde para a ampliación da Liga LEB Ouro a 15 equipos e que o COB fose ese 15º equipo nela.

Antes de facer a miña análise toca porse en antecedentes. Alá polos comezos do mes de abril rematou a liga na que o COB conseguiu manter a categoría, non sen sufrimento, e despois dunha temporada mala, tal e como xa escribin aquí. Fai un mes e uns días rematou o prazo de inscrición na vindeira temporada da liga LEB Ouro e cal foi a nosa sorpresa? Pois que o COB non se inscribiu en tempo e forma xunto co equipo de Basquet Coruña. A FEB deulle un prazo duns días para subsanar os erros e poder entregar a documentación. Así o fixeron os dous equipos. Ata aquí todo ben. Agora é cando comeza o conto que tivo e aínda ten á cidade de Ourense revolta.

A cuestión desta revolución entre siareiros, xornalistas e directiva entre as redes sociais, comunicados de prensa e artigos de opinión radica no porqué da non inscrición en tempo e forma, aparte doutro tipo de reproches.

Como soe ser habitual, as institucións pasaron un pouco de todo. Si, as cousas non están para equipos profesionais e hai outras prioridades; iso din. Totalmente dacordo, pero como máximos accionistas, deberían velar un pouco e se prometen determinada cantidade de cartos, toca cumplir e entregalos, senon que non os prometeran. Porque supoño que calquera directiva, sexa cal sexa, adaptará o seu presuposto contando con esa cantidade. Eu o faría.

Pois ben, ante esa falta de diñero, co que a directiva contaba tramitouse o papeleo, pero entón cal foi o problema? Pois que os cartos non chegaron e na directiva se viron sen poder tramitar os avais e de aí que non se puidese entregar a documentación. Creome esta versión, pero tamén hai que darlle un tirón de orellas á directiva por non ser previsores. Non é a primeira vez que desde as institucións os cartos chegan tarde e daquela maneira, así que non estaba mal ter un plan B que evitase o que pasou. É dicir, que o que se conseguiu despois para entregar todo á FEB no prazo ampliado, penso eu que se podía ter previsto antes e se non había noticias das institucións a 1 ou 2 días vista de rematar o prazo executar a inscrición e logo arranxar coas institucións. É a miña modesta opinión. Que podo estar errado? Por suposto, descoñezo como son os trámites e todo o papeleo que hai que facer, así como cal é a excusa das institucións e o como conseguir os cartos, pero se se conseguiron despois, telo xa previsto non estaba de máis.

Por este retraso na inscrición xunto coa actitude da FEB é onde se orixinou o debate todo na sociedade ourensá, ou polo menos, na baloncestística e que xa vos comentaba anteriormente. Primeiramente vou falar do “problema” xerado e deixo para o final o tema FEB.

O problema xerado foi comezar a atacar á directiva actual pola súa xestión, mais ben errónea xestión, en vez de arrimar o hombreiro para ver como se solucionaba o problema. Opinións de todo tipo, tanto nas redes sociais coma na prensa foron lidas na semana pasada cun encendido ataque e non menos resposta, como é lóxico, polos actuais dirixentes. Volveu a sair o tema de que había/hai grupos que están dispostos a coller o COB e que non lle deixan. O mesmo conto de todos o veráns, pero ao final nada, en vez de sumar, quedan aí esperando a que o COB “agonice” e poidan collelo, resucitalo e porse a medalla. Tamén é verdade que a comunicación por parte dos actuais dirixentes non foi a máis axeitada, mais ben houboa tarde. Se foran informando do proceso e dos atrancos que se ían atopando quizais a solución chegaría antes e non habería que andar esperando a unha resolución especial por parte da FEB. Así que, agora que o conto está resolto e xogaremos na LEB Ouro a vindeira temporada, é hora de estar todos unidos, esquecer a diverxencias e por ao COB por diante de todo que para iso é o noso equipo e agora aínda máis trala desgraciada desaparición do Clube Deportivo Ourense.

Obviamente todo isto fixo que a planificación da temporada vaia con retraso. Como dixo en twitter o entrenador, este mes e pico de incertidume fixo que fixaches feitos e/ou apalabrados se esfumaran. Supoño que durante os vindeiros días nos irán contando cousas e anunciando xogadores. De todos os xeitos, isto non pode ser excusa se durante a temporada as cousas veñen mal dadas, esperemos que non. Agora ben, parte da culpa tena o propio COB por non facer os deberes ao seu debido tempo e depois a FEB polo seu cachondeo, por chamalo dalgún xeito á hora de decidir.

Si, por último, toca falar deste cachondeo da FEB, da súa actitude durante todo este proceso e que deixa moito que desexar. Sábese de sobra que o que lle importan as súas ligas, LEB Ouro e LEB Prata, é pouco ou nada. Son como un gran no cu co que teñen que tragar para estar entretidos durante a temporada á espera de que cada verán os distintos equipos lle deixen os seus xogadores para participar en torneos, tanto masculinos coma femeninos, e dada a calidade que teñen, se colguen medallas e os directivos da FEB podan sair na foto. E este ano aínda foi peor dado que ao organizares o campionato do mundo en España, a atención e actos aínda era maior, así que as súas ligas era o menor problema. Aínda así, non é de recibo que para decidir se se ampliase a liga ou non tivese que pasar mes e medio cando o resto de equipos estaban dacordo nesa ampliación favorecendo a competitividade da liga. Se o ían facer, pois que o fixeran no primeiro momento, cando foi analizada a documentación e subsanados os fallos por parte do COB e do Basquet Coruña e deixar en espera a Planasa Navarra, que deportivamente non merecía o ascenso, ata que arranxasen os seus problemas COB e Basquet Coruña e non momento de estar os dous solucionados, admitilos conxuntamente, non a un si e a outro non. Non quero pensar nunha man negra na FEB para fastidiarnos, penso que non a merecemos como clube histórico que somos. Polo tanto, a actitude da FEB co COB foi de puteo inmerecido e innecesario, xunto con pseudo-desplantes ao non conceder entrevistas entre presidentes. Esperemos que durante os vindeiros meses sirva para que se restablezan unhas relacións máis cordiais entre ambas institucións polo ben do baloncesto.

Resumindo, o COB fixon mal os deberes e é culpa súa ao non ter previsto un plan B que evitase isto ante os antecedentes e saber “como as gastan as institucións ourensanas”. Despois está o pitorreo da FEB co COB e como lle tomou o pelo durante mes e medio ata que tivo que tragar coa liga de 15 que me da que non quería. E por último, a sociedade baloncestística ourensana tampouco axudou ante tal situación e dedicouse a intentar recoller o que quedase do COB.

Polo tanto, agora que xa se sabe en que categoría imos xogar e hai unha directiva disposta a seguir dirixindo o clube, axudemos todos e poñamos ao COB por diante de todo, deixando a un lado as diferenzas que poida haber, sexan do tipo que sexa, e unámonos polo ben do COB sen renunciar a unha crítica constructiva polo ben do clube que todos levamos dentro.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.