Refrescando…

Posted: under O tempo.

Estamos a rematar unha semana máis e que veu con tempo case de verán para estarmos aínda a comezos de marzo, pero isto é cousa dun día ou vai continuar así? Ah, segue lendo e saberalo.

De momento o que temos é bastante sol sobre a Península, agás polo noroeste onde xa as nubes fan acto de presenza debido a fronte que a está cruzar e que podes ver moi ben na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

satélite Pois ben, o que os modelos meteorolóxicos nos deparan para os vindeiros días é que o anticiclón volva a coller o sitio que perdeu hoxe e faga das súas sobre a Península deixando bastante sol en liñas xerais, agás algunhas nubes con chuvia polo Cantábrico no día de mañá venres e na fin de semana polo nordeste, tal e como podes ver nas seguintes imaxes do modelo previstas para o mediodía do sábado para os campos de isobaras (esquerda) e nebulosidade con precipitación (dereita).

presión sábadonubes chuvia sábadoO que hai que destacar nesta fin de semana é a baixada de temperaturas. Marchará a calor destes días; primeiramente polo norte e xa logo na fin de semana en toda a Península. Graficamente tes isto reflexado nas seguintes imaxes da temperatura deste mediodía de xoves (esquerda) e a prevista para o domingo a esa mesma hora (dereita).

temp xovestemp domingoO vento estará presente polo norte e nordeste durante os vindeiros días, mentres que no resto estarán libres del.

Galicia, outra vez máis, quedará libre de frontes. Si, o anticiclón tamén nos afectará e deixará o ceo con moi poucas nubes; algunhas máis cara o norte do país e mesmo solten algunhas gotiñas, pero nada importante. O que si se notará é que fará máis frío dado que estas temperaturas calurosas tocan ao seu fin e voltamos a valores máis acaídos para esta época do ano. O vento non será problema porque, malia que algo se notará, non será gran cousa.

Como les, a calor remata ata novo aviso e toca que refresca a pesares do sol que veremos maioritariamente sobre a Península durante os vindeiros días.

Comentarios (0) Mar 12 2015