A por máis inestabilidade, a medias…

Posted: under O tempo.

Hoxe, aínda que os do tempo estamos de festa coa celebración do noso día, o Día Meteorolóxico Mundial, non me tomo descanso e paso a contarche o que a atmosfera nos ten preparados para esta semana e póñocho a continuación.

Partimos que neste momento o ceo peninsular está cheo de nubes, moitas delas deixando treboadas e co oeste con máis sol, tal e como ves na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

satélitePois ben, o conto vai seguir así durante uns días ata que a finais de semana se comece a atisbar unha situación anticiclónica que poda estabilizar un pouco a atmosfera. Polo tanto mañá martes aínda o ceo peninsular estará bastante anubrado con precipitacións, que por riba dos 600/800 metros serán en forma de neve. Xa de cara ao resto dos días, as nubes irán remitindo en case toda a Península e quedarán restrinxidas ao norte onde si seguirá a chuvia, neve en cotas por riba dos 500 metros, subindo segundo cheguemos ao fin de semana dado que para o xoves se aveciña a entrada dunha fronte. O resumo disto en imaxes do modelo é o seguinte, onde a esquerda tes os campos de isobaras e á dereita os de nebulosidade con precipitación previstos para mañá martes ao mediodía (imaxe superior) e os previstos para medianoite do mércores ao xoves (imaxe inferior).

presión martes nubes chuvia martespresión mércores xoves nubes chuvia mercores xovesComo podes supoñer, se falo de cota de neve é que fará frío. Pois estás no certo, as temperaturas baixarán un chisco mañá martes e mércores e comezarán a recuperarse nos seguintes días, especialmente polo sur.

Do vento tamén hai que falar e non para ben porque estará con nos esta semana deixándose notar e moito mañá martes e mércores e xa non tanto rematando a semana.

O panorama para Galicia non vai pintar tan mal, pero bo tampouco. As nubes estarán presentes toda a semana, alternando con sol mañá martes e o mércores con algún chuvasco, especialmente canto máis ao norte do país. Xa o xoves chega unha fronte con nebulosidade máis compacta e chuvia máis a feito. As temperaturas seguirán a ser frías cun lixeiro ascenso ao rematar a semana pero coa intensidade do vento fará que notemos máis frío. Si, o vento soprará bastante ao longo da semana con tendencia a ir diminuíndo a súa intensidade a partires do xoves.

Como les, a inestabilidade segue con nos e irá remitindo segundo avance a semana, especialmente polo sur peninsular.

Comentarios (0) Mar 23 2015

De festa meteorolóxica!!

Posted: under O tempo.

Hoxe non é un día calquera para os que nos adicamos á meteoroloxía. Como cada 23 de marzo desde 1950, a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) xunto con todos os que formamos parte da comunidade meteorolóxica internacional, celebramos este día como o «Día Meteorolóxico Mundial», o noso día.

Escolleuse esta data desde 1950 cando se creou a Organización Meteorolóxica Mundial despois da Convención da Organización Meteorolóxica Mundial, sendo, ao ano seguinte, designada como unha axencia especializada das Nacións Unidas.

Mediante un tema escollido “ad hoc” cada ano, facemos xirar sobre él as nosas actividades que en MeteoGalicia estamos a celebrar cunha xornada de portas abertas para mostrar á cidadanía o noso traballo diario. As portas están abertas todos os días, pero é hoxe principalmente cando che podemos adicar un pouquiño máis de tempo para explicarche como facemos o noso traballo.

Para este ano o tema escollido é o de “Do coñecemento climático á acción polo clima” para que sexamos conscientes de todas as variables climáticas e como fan que sexa cada clima para comprobarmos que este está cambiando moi rápidamente e, principalmente debido por culpa nosa, e así poder actuar contra ese cambio e mitigar os efectos que se produzan nel e que o futuro do clima se presente mellor do que parece ser que se nos ven enriba.

Comentarios (1) Mar 23 2015