Ponte de contrastes

Posted: under O tempo.

Si, xa sei que hoxe non é xoves, pero é que tendo en conta que hai unha ponte á vista, paso un día antes coa miña predición para podas planear mellor o que facer estes 3 días seguidos.

O que temos enriba é o que podes ver na seguinte imaxe de satélite correspondente a esta tarde e que non é outra cousa que bastante sol sobre a Península, con nubes polo norte, noroeste e nordeste que mesmo deixaron algún que outro chuvasco.

satélitePois ben, o conto é que a Península vai vivir contrastes dependendo da zona na que estés. Mentres que o norte peninsular e en especial o noroeste se verán afectados por unha baixa situada no Atlántico, o resto da Península verase máis tranquila coas altas presións mandando.

Traducindo isto para que o entendas ven a ser que polo norte as nubes serán as protagonistas deixando chuvia; sendo o noroeste o máis afectado deixando cantidades importantes de precipitación durante todos os días. Pola contra, fora desas zonas da Península o que primará será o sol, aínda con algunha nube, pero sol ao fin e o cabo e ata quentará, especialmente polo sudeste onde a calor chegará ben, rozando os 30º e mesmo os podería superar nalgún punto coa fin da ponte.

En imaxes isto se resume nas dúas seguintes previstas para a medianoite do venres ao sábado: á esquerda o campo de isobaras onde podes ver ben a posición das altas e das baixas presións que vos contaba antes e á dereita tes o campo de nebulosidade con precipitación coa distribución da precipitación que che acabo de contar.

nubes chuvia venres sábado presión venres sábadoAs temperaturas, como dicía, serán calurosas polo sur e leste peninsulares, mentres que polo norte non tanto, pero non serán frías dado que ascenderán un chisco con respeito aos valores que estamos tendo estes días.

O vento tranquiliño en toda a Península, agás polo noroeste onde si o notaremos un chisco máis.

Si, nese noroeste tan chuvioso que veño comentando está Galicia. Se queres sol vaite preparando para escapar de aquí porque apenas se vai ver. O que verás é o ceo gris con chuvia durante toda a ponte. Polo menos non fará frío dado que as temperaturas non variarán moito das que estamos a ter estes días, mentres que o vento si estará con nos toda a ponte.

Como les, haiche ben diferenza do tempo segundo por onde teñas pensado estar nesta ponte, así que dito isto, escolle ti segundo o tempo onde o queres gozar.

Comentarios (0) Abr 29 2015

Tregua e volta ás andadas…

Posted: under O tempo.

Estás enchoupada/o? Esta sería a pregunta máis acaída despois desta fin de semana, non si? Pero ben, tranquilidade que xa chego eu para contarche se te enchouparás máis ou, polo contrario, tes para secarte.

De momento o que temos son algunhas nubes polo norte peninsular deixando algún chuvasco que outro e algunhas outras espalladas por aí, pero, en liñas xerais, bastante sol; como podes observar na seguinte imaxe de satélite correspondente a esta mesma tarde.

satélitePois ben, esta aparente tranquilidade atmosférica vai a seguir un par de días máis. É dicir, as baixas presións iranse retirando e deixaranos un martes e mércores bastante estables con bastante sol, aínda que polo norte penisular apareza algunha nube e deixa algo de precipitación, tal e como nos mostra o modelo nas seguintes imaxes previstas para a madrugada do martes ao mércores para as isobaras (esquerda) e nebulosidade con precipitación (dereita).

nubes chuvia martes mércores presión martes mércoresXa a partires do xoves chegan os cambios, e claro, se hai sol e cambio, que toca? Chuvia. Pois si, chega unha fronte moi activa polo noroeste que irá deixando importantes precipitacións polo norte e moitas menos canto máis ao sur, onde quizais nin se enteren dela. O reflexo disto no modelo son as seguintes imaxes das mesmas variables de antes previstas para o mediodía do xoves.

nubes chuvia xoves presión xovesDe temperatura imos ir subindo, pero pouquiño a pouco, mentres que o vento estará tranquilo, agás o xoves polo noroeste coa entrada da fronte onde aumentará un chisco a súa intensidade.

Galicia vivirá unha tregua nas xornadas de mañá martes e a primeira metade do mércores con bastante sol. Xa a partires da tardiña do mércores chega a fronte e irá anubrando o ceo e deixando precipitacións que durante o xoves ten pinta de que lle han chegar de carallo. As temperaturas sen moitos cambios neste comezo de semana e rematarán a semana algo máis altas, pero non moito. Do vento non haberá novas ata a tarde do mércores que será cando aumente e se deixe notar xa todo o xoves.

Como les, polo norte teremos unha lixeira tregua ata que para rematar a semana chegue unha fronte e nos cambie o conto, mentres que no resto da Península apenas se note este cambio de tempo.

Comentarios (0) Abr 27 2015

Que nolo ía dicir!!!

Posted: under Deportes.

Pois iso mesmo, quen nos ía dicir a comezos de temporada que o COB (Clube Ourense Baloncesto) ía quedar no segundo posto da liga regular e partir con factor cancha en toda a serie de play-offs cara o ascenso á ACB; si á ACB.

Alá polo mes de agosto expresaba a miña opinión de como estivemos a piques de irnos á LEB Prata e mira ti por onde, agora estamos máis preto da ACB que desa LEB Prata.

Agora que xa rematou a temporada regular e xusto a unhas horas de comezar a loitar polo ascenso á ACB nos play-offs tócame facer un primeiro balance de como vin ao COB durante este tempo, tanto nos partidos que vin no Pazo Paco Paz como algún que outro que puidemos ver na televisión a través da canle local Teleminho.

Viuse un equipo unido, que había compañeirismo e unión no vestiario o que deu un punto máis a canto loitar na pista. A plantilla está equilibrada e malia as baixas, estas foron cubertas con solvencia polos seus substitutos. En canto ao xogo despregado, é aí onde eu non o vin tan claro. Si, non pensaba nas 20 victorias en outubro e se me preguntabas que esperaba che ía contestar que con non sufrir me chegaba, pero tamén hai que recoñecer que en determinados partidos, e case en liñas xerais, hai cousas que mellorar. Me explico. Abusamos moito do tiro exterior coma se os nosos interiores fosen mancos e/ou coxos. No serán os mellores interiores da liga, pero poden xogar ben e marcar o seu territorio, como fixeron Busma, Fieler e Rejón nalgúns partidos. Que hai que sacar partido a un dos mellores xogos exteriores da liga? Pois si, pero sen facer o noso ataque en función diso. Ah, e controlar a Suka-Uma e o seu instinto de querer ser Jordan. Non sei se estas arroutadas súas son de iniciativa propia ou é orde desde a banda, ou unha mezcla das dúas; pero que as modere e que hai máis xogadores na plantilla totalmente válidos para xogarse o tiro cando o partido está que ferve. E as Rejonadas, tamén de cando en vez nos “deleita” con algunha das súas e que nos deixa a grada cun certo cabreo.

Deixando de lado as cuestións persoais de determinados xogadores, vou comentar agora outras cousas a mellorar desde a banda. Sigo vendo o pouco poder de reacción que ten o entrenador ante determinadas situacións. Foron varias ocasións nas que o entrenador, ante un resultado adverso durante o partido, se lle vía perdido, case sen saber que facer, e cando o facía era tarde. Non cambiar cando o parcial do equipo contrario era claro, tanto en mover ao banquillo coma o pedir un tempo morto que cortara o xogo do equipo contrario. Cousas deste estilo foron as que nos costaron algunha derrota na casa (quizais nos privou iso de sermos primeiros) e que algún partido moi claro ao noso favor fose máis axustado. Si, segue sen gustarme Gonzalo. Xa o dixen cando rematou a temporada pasada e o manteño agora. Recoñezo a gran campaña que está facendo, pero hai algo no seu basket que non me acaba de convencer e tan equivocado non debo estar cando nas gradas, polo menos por onde me sento eu, tamén se comenta isto mesmo.

Non quería rematar estes comentarios sobre a temporada regular sen personalizar, neste caso para ben, o que está sendo o COB esta temporada. Ese personalismo chámase Pedro Rivero. O mellor base da liga, así de simple, así de claro. Dirixe ao equipo, anota puntos; é o lider do equipo. Xa se sabe, se o base xoga ben, o equipo xoga ben. E este está sendo caso esta temporada. Esperemos que siga así nos play-offs.

Xa para ir rematando, toca felicitar á directiva polo traballo feito. Poderase estar o non dacordo con moitas cousas, pero traballo si están facendo e especialmente na campaña de marketing que están a levar a cabo, non so promocionando o COB pola cidade e provincia, senon tamén nas redes sociais onde, desde aquí, felicito aos encargados o twitter, facebook, páxina web e montaxes audiovisuais varios.

E si, xa remato, que amago e amago, e non paro do escribir, citándote para esta noite no Pazo Paco Paz no comezo da parte final deste sono que estamos a ter os ourensáns en ver ao noso equipo de baloncesto de novo entre os grandes, na ACB.

FORZA COB!!!!!!

Comentarios (0) Abr 24 2015

A pola fronte…

Posted: under O tempo.

Que? Como levamos esta primavera? E o seu tempo asociado? Creo que non haberá queixa porque estamos no típico, e seguirá? Eu xa o sei e voucho contar en nada, para que vexa o bo que son.

De momento o que temos é sol, pero algo xa ven en camiño, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

satélitePois ben, como podes ver, a baixa que se atopa ao oeste da Península Ibérica está a mandar unha fronte que entra esta noite polo noroeste e se vai a ir estendendo durante os vindeiros días de oeste a leste. A medida que avance vai a ir anubrando o ceo e deixará precipitacións: mañá polo oeste, o sábado xa chegando ao centro peninsular e no domingo cubrindo practicamente toda a Península. Destas precipitacións non hai que descartar que bastantes sexan tipo chuvasco e algún del veña acompañado de aparato eléctrico e saraiba. Agora ben, canto máis ao sur e leste a nebulosidade xunto coa chuvia será menor. Podes ver todo isto moi ben coas seguintes imaxes do modelo previstas para o sábado ao mediodía onde a baixa está ben clara na imaxe do campo de isobaras da esquerda e as nubes coa súa precipitación asociadas á fronte da borrasca na imaxe do campo de nebulosidade con precipitación da dereita.

nubes chuvia sábado presión sábadoE con este aumento das nubes e chegada da chuvia tamén ven unha baixada das temperaturas para a fin de semana, así que tocará coller de novo un abriguiño-chuvasqueiro se vas a andar ao ar libre.

O vento tamén chegará, pero tampouco moito, pero si o suficiente para que se note na fin de semana e nos indique que a fronte está con nos.

E si, Galicia volve a ser Galicia coa súa chuvia e algo de fresquete. Vamos, que somos a porta de entrada da fronte e o ceo estará bastante anubrado nos vindeiros días con precipitacións, máis continuas e importantes o sábado. Como digo, tamén baixarán as temperaturas, pero tranquilidade relativa co vento porque aínda que aumenta co entrada da fronte e se notará, non será para tanto.

Como les, o conto non pinta ben para esta fin de semana e a opción de manta e sofá con televisión non é mal plan.

Comentarios (0) Abr 23 2015

A voltas coa inestabilidade…

Posted: under O tempo.

Comezamos outra semana máis de primavera, e nunca mellor dito, como paso a contarche agora co tempo que se nos ven enriba nos vindeiros días, así que sigue lendo.

O que temos nestes momentos é bastante sol, salvo eses puntos brancos que podes ver na imaxe de satélite e que o tapan un pouco e ata puideron soltar algún chuvasco hoxe.

satélitePois ben, o conto non vai cambiar moito con esta inestabilidade porque serán varias baixas, non moi potentes, pero baixas ao fin e ao cabo as que afectarán á Península nos vindeiros días. Polo tanto, a inestabilidade seguirá ao longo da semana especialmente polo norte peninsulares con chuvascos, moitos deles de caracter treboento. Xa canto máis ao sur, menos inestabilidade e máis sol, aínda que con algunha nube. Podes ver isto resumido nas imaxes do modelo previstas para o mércores ao mediodía para os campos de isobaras (esquerda) onde podes ver a primeira baixa da semana e os campos de nebulosidade con precipitación (dereita) asociada a esa baixa.

nubes chuvia sábado presión sábadoCoas temperaturas non haberá moitos cambios, agás polo noroeste onde si se notará unha lixeira baixada a mediados de semana para recuperarse a finais da mesma.

O vento estará tranquilo en liñas xerais, menos polo sur neste comezo de semana onde o vento de levante fará das súas e xa rematando a semana daralle o relevo o val do Ebro onde será onde máis se note.

Esta inestabilidade tamén afectará a Galicia e ben porque xa mañá pola tarde a chuvia comezará a ser protagonista con chuvascos, e algúns deles con treboada e continuará pola noite e parte do mércores. Logo xa a inestabilidade irá a menos, pero mantendo as nubes no ceo co sol entre medias e nalgún momento algún chuvasco. Coas temperaturas esperamos cambios para o mércores dado que ese día será cando se note unha boa baixada para subir no remate da semana, manténdose coma hoxe no día de mañá martes. Do vento sen moitas novas porque non se notará moito e nos deixará tranquilos esta semana.

Como les, segue a inestabilidade típica de primavera con nos, deixándose notar máis polo norte e menos polo sur, pero hai que ir día a día vendo como avanza o conto e para iso podes atopalo no meu twitter (@omtesouro)

Comentarios (0) Abr 20 2015

Península a medias…

Posted: under O tempo.

Ben, estamos rematando esta semana inestable e pensando na fin de semana, non si? E que tempo fará? Esta é a pregunta que te estás facendo, verdade? Pois a resposta xa cha dou agora mesmo.

Seguro que non fai falta que che poña imaxe de satélite para confirmar que hoxe foi un día de bastantes nubes polo norte e máis sol canto máis ao sur da Península, pero aínda así póñocha.

satelitePois ben, este conto vai a seguir en gran medida igual. Seguimos con esta inestabilidade que polo norte se vai ver aumentada co acercamento dunha pequena baixa que na fin de semana se colocará sobre o noroeste peninsular e que traerá con ela máis nubes e chuvia, non só ao noroeste senon tamén por todo o norte peninsular. Non se descarta que esta chuvia sexa en forma de treboada nalgún punto. Xa canto máis ao sur da Península, menos nubes se verán e, polo tanto, máis sol. O resumo en imaxes do modelo é o que podes ver nas seguintes imaxes previstas para o mediodía do sábado: á esquerda tes o campo de isobaras onde podes ver claramente a posición da borrasca e á dereita os campos de nebulosidade e precipitación cos lugares onde é máis probable que caia esa chuvia da que falo.

presión sábado nubes chuvia sábadoAs temperaturas baixarán algo, sendo o norte peninsular onde especialmente se note máis, mentres que no sur non tanto.

Do vento non haberá queixa sempre e cando non estés no polo norte ou noroeste porque alí si se notará un chisco máis, pero tampouco será para tanta queixa.

Se liches o anterior xa supós que se a baixa se coloca no noroeste, pois a Galicia vaille afectar de pleno, non si? Estás no certo, pero non será para tanto. A chuvia estará con nos toda a fin de semana, pero serán os chuvascos os que manden, non chuvia tan continua. Polo tanto, en calquer momento e lugar pode aparecer un chaparrón e mesmo ata o sol podería asomar nalgún momento. En canto á temperatura haberá que ter as chaquetas a man porque refrescará un pouco dado que baixan e o vento molestará algo, non moito, pero si se notará algo durante toda a fin de semana.

Como les, esta fin de semana volvemos a ter a Península partida en dous co tempo, cun norte de máis nubes e chuvia e un sur con moitas menos e mesmo sol.

Comentarios (0) Abr 16 2015

Premio inestable…

Posted: under O tempo.

Xa rematou a fin de semana e temos por diante unha nova semana da que seguro que estás interesada/o do tempo que nos acompañará, non si? Pois xa me poño cos mapas e cho conto.

De momento o que temos enriba é bastante sol, agás algunhas nubes polo surleste tapándoo un chisco e algunhas outras de evolución entre Galicia e Portugal que estiveron a deixar algunha treboada, como podes ver na seguinte imaxe de satélite desta tarde. Xa che mostro tamén, polo mesmo prezo, o que pode ser para esta semana porque esa baixa que ves preto das Canarias vai vir de visita á Península e liala boa.

satélitePois ben, o que che adiantaba. Esa baixa vaise mover cara a Península e irá inestabilizando a atmosfera entrando polo suroeste e movéndos cara o nordeste facendo que a chuvia, máis en forma de chuvascos, sexa a que mande; sen descartar que bastantes destes chuvascos teñan caracter treboento, tal e como che poño nas dúas seguintes imaxes do modelo previstas para o mércores á tarde dos campos de isobaras (esquerda) e nebulosidade con precipitación (dereita).

nubes chuvia mercores presión mercoresAcompañando a esta inestabilización teremos unha baixada das temperaturas, polo que os valores calurosos de hoxe pasan a ser historia e chegan valores máis frescos debido á entrada de aire máis frío.

O vento estará presente tamén, especialmente polo surleste e centro penisular coa tendencia a ir remitindo segundo avance a semana.

Galicia desta tampouco se libra e salvo mañá, os chuvascos voltarán a ser os protagonistas, especialmente o mércores cando en calquer punto do país e en calquer momento poderemos sufrir un e mesmo veña forte, con pinta de treboada. Xa rematando a semana a súa probabilidade irá a menos e, polo tanto, irá habendo menos, menos frecuentes e menos intensos. Tamén nas temperaturas haberá cambios porque irán en descenso co paso dos días, así que esta calor pasará a mellor vida, mentres que o vento deixarase notar un chisco, máis nas zonas altas.

Como les, e se vas ao post que escribía fai unha semana tes case unha copia completa da predición, os chuvascos, algúns deles coas súas treboadas, serán os protagonistas xunto coa baixada das temperaturas que nos indican que o verán aínda non chegou e isto é a primavera.

Comentarios (0) Abr 13 2015

Inestabilizados, pero por sitios…

Posted: under O tempo.

Xa remata esta semana na que o ceo estivo a ruxir algún día que outro e botamos a vista cara a fin de semana para ver si isto segue así ou non. Farao? Pois xa cho conto agora.

De momento o que temos enriba son bastantes nubes en xeral sobre toda a Península, deixando o nordeste un pouco máis libre, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

satélirePois ben, aínda a inestabilidade vai a seguir con nos uns dias máis, repartida por zonas da Península segundo o día, pero inestabilidade en xeral. Como se come isto? Con paciencia porque non será unha chuvia continua, senón de chuvascos que mañá venres estarán máis concentrados polo oeste e noroestes peninsulares, librando o resto. O sábado os chuvascos vanse cara o centro e sur, deixando o norte máis libre, pero con aínda nubes. Xa o domingo o conto vai para surleste e menos no resto. Non hai que descartar que estes chuvascos teñan caracter treboento. En imaxes do modelo tes isto nas tres seguintes correspondentes a cada un dos días anteriores ao mediodía para os campos de nebulosidade con precipitación: á esquerda o venres, no centro para o sábado e á dereita o domingo.

nubes chuvia domingo nubes chuvia sábado nubes chuvia venres

A pesares dos chuvascos, as temperaturas irán a máis, é dicir, fará máis calor, pero sen chegar aos valores tan calurosos de días pasados.

Co vento a noticia será que apenas se notará, agás pola costa leste onde si o fará, pero un chisco só.

E si, aínda que non o creas, o tempo en Galicia non irá tan mal. Salvo na xornada de mañá venres cando os chuvacos aínda estarán presentes. Na fin de semana o que mandará no ceo do país será o sol. Si, o sol, o que les e ata quentará un chisco máis do que fixo hoxe e fará mañá e coa ausencia do vento aínda o favorecerá máis.

Como les, por cachos, pero a inestabilidade segue no reduzto noroeste, si Galicia máis concretamente, librando en gran medida dela na fin de semana, mentres no resto aínda haberá que sufrir algún que outro chuvasco.

Comentarios (0) Abr 09 2015

Refrescando e inestabilizando…

Posted: under O tempo.

Xa rematou a Semana Santa con todas e todos de volta ou voltando á nosa rutina habitual despois duns días nos que no meteorolóxico non terás queixa, ou si? Agora ben, canto seguirá isto? Paso a dicircho.

O que temos neste momento é bastante sol polo norte e algún menos polo sur debido a esas nubes que podes ver na imaxe de satélite de primeira hora desta tarde e que mesmo deixaron algunha que outra precipitación.

satélitePois ben, así imos a seguir, pero coa tendencia a inestabilizarse co paso dos días. Imos ver, o anticiclón este que está sobre as illas británicas vai a ir movéndose e deixará paso a que unha pequena baixa, que neste momento está ao suroeste da Península, vaia inestabilizando o tempo aínda un pouco máis nesa zona e se estenda ao resto da Península segundo avancen os días da semana. Polo tanto, os chuvascos estarán á orde do día e non se descarta que algún deles teña caracter treboento. O resumo visual disto en imaxes é o seguinte: á esquerda o campo de isobaras previsto para este mércores ao mediodía onde ves como o anticiclón estase a retirar cara o leste de Europa e a baixa segue no suroreste peninsular e á dereita os campos de nebulosidade e precipitación para o mesmo momento con estes chuvascos que vos comentaba.

nubes chuvia mércores presión mércoresDe todos o xeitos, a aparición da inestabilidade non é a nova máis destacada para esta semana; esa honra lévaa a baixada da temperaturas a partires do mércores, notándose principalmente polo norte, tal e como podes comprobar nas dúas seguintes imaxes do modelo para a temperatura, estando á esquerda a de hoxe luns ao mediodía e a prevista para esa mesma hora do xoves.

temp xoves temp lunsCo vento haberá problemas porque andará toda a semana tocando as narices, especialmente polo sur e surleste peninsulares.

Tranquilidade, que por aquí arriba en Galicia seguiremos como estamos. A inestabilidade vai chegar, pero en menor medida, así que o sol seguirá con nos e será o mércores pola tarde e o xoves cando vexamos máis nubes e con elas algún que outro chuvasco. Do que si non zafamos e da baixada das temperaturas, así que irá refrescando un pouco día a día e co vento deixándose notar ao longo da semana.

Como les, isto do tempo seco e soleado toca á súa fin e chega un tempo máis primaveral con inestabilidade e os chuvascos estes tan puñeteros.

Comentarios (0) Abr 06 2015