Que nolo ía dicir!!!

Posted: under Deportes.

Pois iso mesmo, quen nos ía dicir a comezos de temporada que o COB (Clube Ourense Baloncesto) ía quedar no segundo posto da liga regular e partir con factor cancha en toda a serie de play-offs cara o ascenso á ACB; si á ACB.

Alá polo mes de agosto expresaba a miña opinión de como estivemos a piques de irnos á LEB Prata e mira ti por onde, agora estamos máis preto da ACB que desa LEB Prata.

Agora que xa rematou a temporada regular e xusto a unhas horas de comezar a loitar polo ascenso á ACB nos play-offs tócame facer un primeiro balance de como vin ao COB durante este tempo, tanto nos partidos que vin no Pazo Paco Paz como algún que outro que puidemos ver na televisión a través da canle local Teleminho.

Viuse un equipo unido, que había compañeirismo e unión no vestiario o que deu un punto máis a canto loitar na pista. A plantilla está equilibrada e malia as baixas, estas foron cubertas con solvencia polos seus substitutos. En canto ao xogo despregado, é aí onde eu non o vin tan claro. Si, non pensaba nas 20 victorias en outubro e se me preguntabas que esperaba che ía contestar que con non sufrir me chegaba, pero tamén hai que recoñecer que en determinados partidos, e case en liñas xerais, hai cousas que mellorar. Me explico. Abusamos moito do tiro exterior coma se os nosos interiores fosen mancos e/ou coxos. No serán os mellores interiores da liga, pero poden xogar ben e marcar o seu territorio, como fixeron Busma, Fieler e Rejón nalgúns partidos. Que hai que sacar partido a un dos mellores xogos exteriores da liga? Pois si, pero sen facer o noso ataque en función diso. Ah, e controlar a Suka-Uma e o seu instinto de querer ser Jordan. Non sei se estas arroutadas súas son de iniciativa propia ou é orde desde a banda, ou unha mezcla das dúas; pero que as modere e que hai máis xogadores na plantilla totalmente válidos para xogarse o tiro cando o partido está que ferve. E as Rejonadas, tamén de cando en vez nos “deleita” con algunha das súas e que nos deixa a grada cun certo cabreo.

Deixando de lado as cuestións persoais de determinados xogadores, vou comentar agora outras cousas a mellorar desde a banda. Sigo vendo o pouco poder de reacción que ten o entrenador ante determinadas situacións. Foron varias ocasións nas que o entrenador, ante un resultado adverso durante o partido, se lle vía perdido, case sen saber que facer, e cando o facía era tarde. Non cambiar cando o parcial do equipo contrario era claro, tanto en mover ao banquillo coma o pedir un tempo morto que cortara o xogo do equipo contrario. Cousas deste estilo foron as que nos costaron algunha derrota na casa (quizais nos privou iso de sermos primeiros) e que algún partido moi claro ao noso favor fose máis axustado. Si, segue sen gustarme Gonzalo. Xa o dixen cando rematou a temporada pasada e o manteño agora. Recoñezo a gran campaña que está facendo, pero hai algo no seu basket que non me acaba de convencer e tan equivocado non debo estar cando nas gradas, polo menos por onde me sento eu, tamén se comenta isto mesmo.

Non quería rematar estes comentarios sobre a temporada regular sen personalizar, neste caso para ben, o que está sendo o COB esta temporada. Ese personalismo chámase Pedro Rivero. O mellor base da liga, así de simple, así de claro. Dirixe ao equipo, anota puntos; é o lider do equipo. Xa se sabe, se o base xoga ben, o equipo xoga ben. E este está sendo caso esta temporada. Esperemos que siga así nos play-offs.

Xa para ir rematando, toca felicitar á directiva polo traballo feito. Poderase estar o non dacordo con moitas cousas, pero traballo si están facendo e especialmente na campaña de marketing que están a levar a cabo, non so promocionando o COB pola cidade e provincia, senon tamén nas redes sociais onde, desde aquí, felicito aos encargados o twitter, facebook, páxina web e montaxes audiovisuais varios.

E si, xa remato, que amago e amago, e non paro do escribir, citándote para esta noite no Pazo Paco Paz no comezo da parte final deste sono que estamos a ter os ourensáns en ver ao noso equipo de baloncesto de novo entre os grandes, na ACB.

FORZA COB!!!!!!

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.