Acabou a medio maratón!!!

Posted: under Calquer cousa, Deportes.

Ben, xa fai 15 días que rematei coa medio maratón, que non ela comigo. Si, o pasado domingo 13 cumprín polas rúas de Zamora, como xa vos adiantara ese día, e corrín os 21.097 quilómetros que a compoñen.

E que? Cumpríronse os obxectivos marcados? Iso é o que te estás a preguntar, non si? Pois a resposta é que SI. Todos. Fai uns días che contaba aquí mesmo cales eran e podo dicir que, con esforzo, foron cubertos con creces.

Este ano tamén baixei das 2 horas de carreira, de feito, fixen 1 hora 57 minutos 54 segundos, así que me sobraron 2 minutos 6 segundos. E o máis importante para min, fixen mellor tempo que o ano pasado, 1 minuto e 1 segundo menos e con moi boas sensacións. Vamos, que cheguei á meta, obviamente canso, pero en mellores condicións que fai un ano.

Todo isto ten máis mérito se se teñen en conta as condicións coas que chegaba. Si, con máis quilómetros de entrenamento, pero con entre 5 e 6 quilogramos de peso máis co que iso supón para o meu ritmo de carreira (1,5 segundos por quilómetro máis lento) e o esforzo que un ten que facer para desprazarse, así que me podo considerar moi contento. Parece que ese maior entrenamento compensou o exceso de peso.

Non quero perder a oportunidade de agradecer publicamente ao meu amigo Gelo que me acompañou nesta miña segunda aventura e me guiou ao longo do camiño facéndome as indicacións axeitadas en cada momento para poder conseguir este gran éxito persoal.

Sobre a carreira en si, pois, coma o ano pasado. Fun de máis a menos, pero non tan brusco como outras veces. A segunda parte da carreira, os últimos 7 quilómetos, volveu a “atragantárseme” nesa parte un pouco rompepernas, pero afronteina mellor que o ano anterior para chegar á meta cun ritmo máis lento que ao comezo da carreira, pero non tan malo como na miña experiencia anterior.

Novamente agradecer á toda esa xente de Zamora que saiu á rúa e nos deu azos a todos os “runners” que dedicamos ese domingo a correr.

Queda marcada esta carreira no meu calendario para voltar o ano que ven e mellorar en todos os aspectos, pero mentres xa pensar nas vindeiras carreiras curtas que aparecen no calendario galego e porque non correr a medio maratón de Pontevedra en outubro. Intentarase, xunto con outros obxectivos persoais.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.