Tempo de Entroido!!!

Posted: under O tempo.

Xa estamos no xoves de comadres que da o pistoletazo de saída aos días grandes do Entroido. Tes o disfraz listo? O do tempo xa cho conto agora mesmo.

De momento as nubes cubren gran parte de península, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde e cuxa noticia foi que deixaron chuvia de barro. Non é que caira o barro directamente da nube, senon que ao chover e haber unha masa de pó sahariano no ar, a mezcla deu como resultado esa chuvia marrón.

Pois ben, a situación non vai cambiar moito nos vindeiros días. Será o domingo e máis no comezo da semana cando estes cambios se noten máis, sobre todo polo noroeste. Polo tanto, as altas presións estarán presentes sobre a península Ibérica aportando estabilidade, así que o tempo con bastante sol e pouca nube está case asegurado, agás polo norte onde haberá máis nubes e mesmo algo de chuvia, neve por riba dos 1200 metros. Xa o domingo comeza a cambiar algo polo noroeste coa entrada dunha fronte e que leva asociado o aumento da nebulosidade xunto coa posibilidade de algo de chuvia pola tarde. Resumido isto en imaxes telo nas seguintes saídas do modelo previstas para a medianoite do sábado ao domingo co campo de isóbaras e nebulosidade á esquerda e o campo de precipitación á dereita.

E con todo isto tamén se acaba a calor polo norte cunha baixada de temperaturas a partir de mañá venres. Polo centro e sur retrasarase a baixada ata o domingo.

O vento mañá estará tranquilo, agás no val do Ebro onde si se notará máis, pero xa na fin de semana desaparece. No resto da península, na fin de semana, toca tranquilidade, menos polo noroeste onde o notaremos máis como aviso da chegada da fronte.

Xa no comezo da semana continuaremos sen moitos cambios, con bastante sol e máis nubes canto máis ao norte e mesmo algunhas gotas de chuvia.

Pois o Entroido en Galicia ven rariño. O sol estará presente ata o domingo cando chegarán as nubes e con elas algunha chuvia feble, máis probable polo litoral atlántico. Xa o domingo e no comezo da semana seguiremos con bastantes nubes e a posibilidade de que chova algo e fastidie un pouco estas de Entroido ata o enterro da sardiña o mércores. De temperatura andaremos ben, sen este calor destes días porque irán baixando co paso dos dáis e mesmo con algo e frío pola noite. O vento comezará a notarse na fin de semana polo norte e o domingo xa en todo o país, pero tampouco moito, manténdose no comezo da semana.

Como les, toca un Entroido en seco en gran parte da península Ibérica; quedando o noroeste máis nubrado e esperando que a chuvia se porte ben para non fastidiarnos o Entroido.

Ah, vémonos despois do enterro da sardiña, por se o luns me botades de menos.

Comentarios (0) Feb 23 2017

Veraneando?

Posted: under O tempo.

Xa estamos noutra semana, víspera do Entroido, non si? Xa tes o disfraz listo? De momento o tempo para esas datas aínda é cedo para facerche unha predición fiable, pero o desta semana é o seguinte.

Como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde, a ausencia de nubes sobre a península é case total, salvo os extremos norte e sur onde si as hai e mesmo con algo de chuvia.

Pois ben, o conto é que as altas presións serán as que manden sobre o tempo da península Ibérica ao longo deste semana, así que o ceo con bastante sol e pouca nube será o que mande. Iso si, algunha nube máis polo norte e sur si haberá, sen descartar que cara mediados e finais de semana polo sur traian consigo algunha treboada. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo previstas para a medianoite do mércores cara o xoves para os campos de isóbaras e nebulosidade á esquerda e campo de precipitación á dereita.

De temperatura imos a andar ben, mesmo calorosos, especialmente polo sur peninsular e con tendencia á baixa polo norte co avance da semana.

O vento será protagonista, e moito, polo sueste e sur peninsulares co levante soprando con bastante intensidade, mentres no resto estará máis tranquilo.

E si, en Galicia tamén teremos este veranciño en febreiro. Só o xoves parece que unha fronte rozará o noroeste do país deixando máis nubes e mesmo algo de chuvia, namentres que o resto dos días o sol estará garantizado. No interior cando a néboa levante tamén o estará. As temperaturas serán agradables, mesmo con calor nas horas centrais do día, pero xa baixando os seus valores ao final da semana. O vento, salvo mañá polo litoral noroeste, estará tranquiliño esta semana.

Como les, toca unha pequena ración de verán para rematar este mes de febreiro co Entroido petando xa á porta.

Comentarios (0) Feb 20 2017

E o tempo?

Posted: under O tempo.

Estamos a rematar unha semana digamos que relativamente tranquila nisto do tempo sobre a península, non si? Agora toca mirar cara a fin de semana para ver se continúa ou, pola contra, hai algún cambio. Vou a elo xa mesmo.

Iso si, as nubes seguen cubrindo parte da península, polo leste, mentres ao oeste tócalle gozar cun bo sol, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, estas condicións anticiclónicas aínda se manterán no día de mañá venres sobre toda a península, así que o sol e poucas nubes será o que se vexa sobre o ceo peninsular. Será o sábado cando a situación vaia cambiando. Comezará polo o oeste e irase estendendo cara o leste coa entrada dunha fronte, esa que ves na imaxe de satélite no Atlántico, que nubrará o ceo e deixará chuvia, sendo menos probable canto máis ao nordeste e importantes polo sueste durante toda a fin de semana. Xa o domingo polo oeste comeza a estabilizarse a situación e baixa a probabilidade de chuvia. Podes ver isto claramente nas seguintes imaxes do modelo previstas para o sábado ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Mañá aínda teremos un día de calor sobre gran parte da península; calor para estarmos en inverno, pero tocando ao seu fin na fin de semana cun descenso térmico que se notará moito máis no norte e xa o domingo en todo o territorio peninsular.

O vento de levante que está azotando á zona do estreito de Xibraltar irá cesando co paso do día de mañá para tranquilizarse na fin de semana menos polo oeste e sueste que será onde aumente a súa intensidade, sobre todo o domingo.

E despois da tregua de hoxe e mañá no tempo galego vennos un sábado onde o paso dunha fronte voltará a nubrar o ceo galego deixando tamén chuvias xeneralizadas e remitindo o domingo cando a súa probabilidade será máis baixa. Tamén baixarán as temperaturas na fin de semana, mentres que mañá aínda non, así que toca outra vez un día caloroso de inverno. O vento fará acto de presenza rematando a fin de semana.

Como les, outra vez unha fin de semana algo revolta sobre a península. Nada raro nesta época do ano, así que toca levalo con calma.

Comentarios (0) Feb 16 2017

Tranquilizándose o tempo?

Posted: under O tempo.

Que tal de fin de semana? Se estiveches por Galicia non tan mal porque no resto da península, manda carallo, non si? E a semana como virá? Agora cho digo.

Nestes momentos, na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde, podes ver como as nubes seguen a ser as protagonistas sobre a península Ibérica e mesmo con chuvia en bastantes puntos.

Pois ben, a situación vaise a ir estabilizando pouco a pouco en gran parte do territorio peninsular. Volveremos á rutina co mapa cambiado con respeito a esta fin de semana. Mentres polo oeste e noroeste peninsulares aínda terán a influencia dunha fronte, no resto a estabilidade será o que predomine, aínda que todo se iguale ao rematar a semana.

Vou por partes. Mañá martes e aínda o mércores as nubes con chuvia serán as protagonistas polo oeste, manténdose algunha outra nube no resto, pero collendo xa sitio o sol, tal e como podes ver nas seguintes imaxes do modelo previstas para mañá martes ao mediodía: á esquerda os campos de isóbaras e nebulosidade e á dereita o campo de precipitación.

Xa logo, para rematar a semana as condicións anticiclónicas collerán sitio por riba da península aportando estabilidade, malia algunhas nubes e mesmo unha baixa probabilidade de chuvia polo Mediterráneo; como mostran as imaxes do modelo previstas para o xoves ao mediodía para os mesmos campos anteriores.

Con todo isto aparece outro fenómeno meteorolóxico típico destas situaciones estables e que non é outro que a néboa, así que en moitos puntos do interior estarán presentes durante as primeiras horas do día.

Ao tempo que chega o anticiclón, tamén temos ascenso térmico, así que polo centro e, sobre todo, polo sur chegaremos a valores máis que agradables para rematar a semana e con mínimas sen ser frías.

Ademais o vento tranquilízase en liñas xerais, agás polo leste e, especialmente, polo sur onde se notará bastante máis.

Si, aínda nos queda algo de auga en Galicia, pero só mañá martes e algo o mércores porque logo xa nos deixaría libres dela por uns días. Iso si, que non chova non significa que o ceo estea despexado porque nubes si vai haber toda a semana, pero rematandoa alternarán co sol. Unido a esto teremos ascenso térmico facendo que teñamos máis calor co paso dos días e menos frío polas noites. O vento irá calmando co avance da semana despois dun día de mañá onde aínda se notará, pero xa logo case nada.

Como les, toca ir cara unha situación máis tranquila que a destes días pasados con bastante sol e mesmo calor, así que toca gozar dunha boa semana nisto do tempo.

Comentarios (0) Feb 13 2017

Revolvéndose o tempo?

Posted: under O tempo.

Xa pasamos unha semana relativamente tranquila nisto do tempo se a comparamos coa pasada e todos temos a fin de semana en mente e, polo tanto, pendentes do tempo para poder organizarnos, non si? Pois colle papel e lápiz que vou con el.

Antes de nada móstroche como temos a situación nestes momentos coa imaxe de satélite de primeira hora desta tarde. Nela podes ver como xa temos unha baixa cunha fronte asociada no oeste e que será a protagonista da fin de semana.

Pois ben, como che acabo de contar, esa baixa marcará o tempo na fin de semana. Co seu movemento cara o sur vai a ir mandando frontes que afectarán ao centro, sur e leste peninsulares, quedando o norte un pouco máis libre da súa influencia. Como se traduce isto? Pois en que nesas zonas as nubes serán as protagonistas e deixarán precipitacións, nalgúns puntos importantes; mesmo con en forma de treboada durante mañá venres e a fin de semana. Desta vez, o norte e, sobre todo, o noroeste librase da chuvia dado que a súa probabilidade de ocorrencia é baixa, aínda que as nubes si estarán presentes. Mellor que isto é que vexas o que o modelo nos di e así te fas mellor a idea deste tempo, así que a continuación tes as saídas para o sábado ao mediodía dos campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) coa baixa ao oeste da península e como co campo de precipitación (dereita) tes a precipitación que, por riba dos 1000 metros podería ser en forma de neve.

De temperatura sen moitos cambios con tendencia cara ao ascenso lixeiro co paso da fin de semana, notándose especialmente polo noroeste.

Aínda que non o creas o vento non vai ser tan protagonista porque, salvo o val do Ebro no comezo da fin de semana e en toda a península o domingo onde se notará máis, o resto da península estará relativamente tranquila.

Si, Galicia é dos mellores lugares para esta fin de semana. Non é que vaia facer un sol espléndido porque haberá bastante nube, pero as probabilidades de precipitación son baixas. Mañá aínda haberá algo de chuvia polo sur, pero xa logo nada. De temperatura un pouco máis de calor polo día, mentres que polas noites sen moitos cambios. Vento si ímos ter, notarémolo toda a fin de semana, sendo o domingo o día de menos intensidade.

Como les, toca fin de semana revolta na península con bastante chuvia e mesmo treboadas; librándonos no noroeste onde estaremos un pouquiño máis tranquilos.

Comentarios (0) Feb 09 2017

Adeus ao temporal?

Posted: under O tempo.

Xa estamos no comezo da semana aínda co temporal destes días pasados na cabeza e que tanto deu que falar, sobre todo desde o punto deportivo con moita ignorancia e estupidez como se dixo. Agora toca saber se xa rematou ou, pola contra, voltará algún máis nos vindeiros días, así que non me lio, que me coñezo, e vou a contarcho.

De momento polo noroeste seguimos sen tregua coa chuvia porque, como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde, outra fronte está a afectar a esa zona xunto co norte peninsular, mentres que no resto da península quedan libres da súa influencia.

Pois ben, a situación sinóptica vai darnos unha tregua mediada a semana, pero antes temos que esta fronte que está afectando ao noroeste peninsular nestes momentos vai a seguir o seu camiño cara o leste e será mañá cando se nubre o resto da península e chegue máis chuvia; quedando o leste e sur máis libre diso, tal e como mostran as seguintes imaxes do modelo previstas para mañá ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Como dicía, o mércores teremos tregua porque as altas presións mandarán e deixarán unha península libre de nubes e chuvia, agás o norte onde si haberá. Pódelo ver nas saídas do modelo previstas para o mediodía do mércores coas mesmas variables e que che poño a continuación.

Xa o xoves voltamos ás andadas e unha nova fronte comezará a entrar polo noroeste e seguirá o camiño de sempre coas consecuencias de habituais, como podes ver na saída do modelo para ese día ao mediodía para os mesmos campos anteriores.

En canto ás temperaturas tamén haberá novidades porque despois desta relativa bonanza térmica toca baixada a mediados da semana, é dicir, que volta algo de frío a partir do mércores e con el un descenso da cota de neve ata os 1000 metros e mesmo por debaixo nos Pirineos.

O vento na parte central da península non será noticia. Pola contra, tanto polo noroeste e polo leste, especialmente o val do Ebro, si o será porque deixarase notar e ben durante toda a semana.

E si, semana rara en Galicia. Mentres esta fronte que temos enriba acaba de pasar chegarán tras dela os chuvascos para mañá martes e logo a tregua do mércores con moi pouca nube á espera de que o xoves volte outra fronte nubrando o ceo de oeste a leste e deixando chuvia, por momentos importante. E si, tamén ven algo de frío, así que as temperaturas baixarán a partir do mércores, notándose principalmente nas máximas. O vento dará unha lixeira tregua ata o xoves que será cando volte a soprar e ben.

Como les, xa temos con nos o carrusel de frontes típico desta época do ano e afectando en maior medida ao oeste, norte e centro, quedando o sur e o leste máis tranquilos no referente a súa influencia.

Comentarios (0) Feb 06 2017

De temporal en temporal?

Posted: under O tempo.

Xa temos con nós o primeiro temporal serio da temporada, non si? E agora te preguntarás cando remata, verdade? Pois xa teño a resposta e é a seguinte.

Pero antes de respostar toca ver como está a atmosfera e para iso tes a seguinte imaxe de satélite desta tarde onde a fronte está recorrendo a península deixando moita nube e chuvia ao longo do seu recorrido.

Pois ben, está rematando unha e xa ven a seguinte. Seguen predominando as baixas presións sobre a península achegando frontes, como a que chega mañá e que voltará a anubrar a península de oeste a leste deixando moitas nebulosidade e, sobre todo, precipitación porque promete ser importante polo noroeste. Xa logo durante a fin de semana seguirán as nubes, pero máis relaxadas e con menor probabilidade de chuvia canto máis ao leste e sur. Hai que ter en conta que a cota de neve andará entre os 1000 e 1200 metros con descenso cara o domingo. Como unha imaxe, neste caso dúas, vale máis que mil palabras, podes ver isto resumido nas imaxes do modelo previstas para o sábado ao mediodía: á esquerda o campo de isóbaras e nebulosidade e á dereita o campo de precipitación.

Coas temperaturas non haberá moitas variacións, tanto nas máximas como nas mínimas, así que se moverán en valores semellantes aos destes días, incluíndo valores agradables polo sur peninsular.

Si, do vento non imos zafar porque veñen por diante uns días moi moi ventosos, especialmente polo norte. Polo tanto, moito coidado e sentidiño.

Si, seguimos co temporal sobre Galicia. Ata o domingo non irá remitindo, así que mañá venres outro día moi chuvioso, moito, e con vento importante e moita ondaxe no mar. Xa a medida que entremos e pase a fin de semana irase relaxando a situación con menos chuvia e menos vento, pero aínda con nubes. Bueno, polo menos, as temperaturas darán tregua e seguirán sen moitos cambios.

Como les, toca temporal tras temporal porque aínda non marchou un e xa temos o seguinte pegando na porta á espera de ver cando este tren de frontes toca a súa fin. A ver se cho conto o luns.

Comentarios (0) Feb 02 2017