E o tempo?

Posted: under O tempo.

Estamos a rematar unha semana digamos que relativamente tranquila nisto do tempo sobre a península, non si? Agora toca mirar cara a fin de semana para ver se continúa ou, pola contra, hai algún cambio. Vou a elo xa mesmo.

Iso si, as nubes seguen cubrindo parte da península, polo leste, mentres ao oeste tócalle gozar cun bo sol, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, estas condicións anticiclónicas aínda se manterán no día de mañá venres sobre toda a península, así que o sol e poucas nubes será o que se vexa sobre o ceo peninsular. Será o sábado cando a situación vaia cambiando. Comezará polo o oeste e irase estendendo cara o leste coa entrada dunha fronte, esa que ves na imaxe de satélite no Atlántico, que nubrará o ceo e deixará chuvia, sendo menos probable canto máis ao nordeste e importantes polo sueste durante toda a fin de semana. Xa o domingo polo oeste comeza a estabilizarse a situación e baixa a probabilidade de chuvia. Podes ver isto claramente nas seguintes imaxes do modelo previstas para o sábado ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Mañá aínda teremos un día de calor sobre gran parte da península; calor para estarmos en inverno, pero tocando ao seu fin na fin de semana cun descenso térmico que se notará moito máis no norte e xa o domingo en todo o territorio peninsular.

O vento de levante que está azotando á zona do estreito de Xibraltar irá cesando co paso do día de mañá para tranquilizarse na fin de semana menos polo oeste e sueste que será onde aumente a súa intensidade, sobre todo o domingo.

E despois da tregua de hoxe e mañá no tempo galego vennos un sábado onde o paso dunha fronte voltará a nubrar o ceo galego deixando tamén chuvias xeneralizadas e remitindo o domingo cando a súa probabilidade será máis baixa. Tamén baixarán as temperaturas na fin de semana, mentres que mañá aínda non, así que toca outra vez un día caloroso de inverno. O vento fará acto de presenza rematando a fin de semana.

Como les, outra vez unha fin de semana algo revolta sobre a península. Nada raro nesta época do ano, así que toca levalo con calma.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.