E de tempo como andaremos?

Posted: under O tempo.

Estamos rematando este mes de marzo que no meteorolóxico nos trouxo de todo: desde un amago de verán ata un amago de inverno duro. Agora toca ver como comeza o mes de abril e se fai caso ao dito de “en abril, augas mil”. De momento só che conto como ven esta primeira fin de semana do mes.

Se ves a seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde verás como o sol é o protagonista xeral sobre a península, coa excepción do rincón noroeste onde as nubes son as que mandan e mesmo xa están a deixar chuvia.

Pois ben, a situación vai cambiar nas vindeiras horas coa entrada da fronte que xa podes ver na imaxe anterior. Durante esta madrugada e mañá venres recorrerá todo o norte peninsular deixando o ceo nubrado e con precipitacións, algunhas delas importantes e en forma de treboada. Xa para o leste e sur estará moito máis tranquilo, aínda que con nubes. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para mañá ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Xa na fin de semana a situación irase compoñendo e aínda que polo norte quedarána as nubes coa chuvia, no centro e sur xa máis sol con continuación na xornada do domingo onde en practicamente toda a península a estabilidade será a tónica dominante e, polo tanto, con baixa probabilidade de precipitación malia algunha nube. O resumo visual disto telo nas seguintes imaxes do modelo previstas para a medianoite do sábado ao domingo para os mesmos campos anteriores.

Iso si, tralo paso destas frontes entra aire frío e fai que as temperaturas baixen e deixen estes valores tan agradables de hoxe e mañá, sendo xa máis frescas na fin de semana.

O vento estará presente por todo o norte peninsular, notándose principalmente polo nordeste durante a fin de semana.

E si como xa estás a comprobar, despois de dous días de relativa tranquilidade, volta a chuvia a Galicia e por momentos importantes nesta vindeira madrugada e mañá pola tarde, quedando o tempo intermedio con algún que outro chuvasco. Xa a partir da tarde do sábado a situación irase compoñendo e o domingo promete ser tranquilo. Con isto tamén teremos un pouco máis de fresco dado que as temperaturas baixarán mañá e o sábado, recuperándose un chisco o domingo. O vento cesará tamén o domingo, pero mentres tocará sufrilo un par de días.

Como les, aínda queda algo de tempo perralleiro para mañá e o sábado polo norte, pero xa logo todo se axeita para rematar o domingo con día bastante xeitoso.

Comentarios (0) Mar 30 2017

Tranquilizándose o tempo?

Posted: under O tempo.

Estamos xa rematando este mes de marzo que tanto contraste meteorolóxico nos está a dar, así que agora toca ver que nos depara esta semana a atmosfera, así que paso a contarcho agora mesmo.

Como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde, as nubes son as protagonistas sobre a península Ibérica cubríndoa na súa meirande parte e mesmo deixando precpitacións en moitos puntos dela.

Pois ben, xa che digo que esta inestabilidade vai a ir rematando polo menos uns días. A partir de mañá martes a atmosfera estabilizarase e o sol será moito máis protagonista que as nubes, aínda que seguirán presentes, pero con moi baixa probabilidade de chuvia, tal e como mostran as saídas do modelo GFS para este mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Xa o xoves comeza a cambiar o conto co achegamento dunha profundo borrasca ás illas británicas e cuxa fronte asociada comezará a afectar á península polo oeste na tarde dese día e logo se estenderá ao resto, pero iso xa cho conto mellor o xoves.

En canto ás temperaturas, éstas irán en ascenso progresivo segundo avancen os días da semana, notándose moito máis nas diurnas, non sendo tanto nas nocturnas.

De vento a península estará relativamente tranquila, agás dúas zonas: o noroeste e, sobre todo, polo sur onde si se notará e máis, especialmente esta última zona.

Si, chega unha tregua ao tempo en Galicia deixándonos un martes e mércores e case o xoves. Aínda que as nubes seguirán presentes, serán menos e con baixa probabilidade de chuvia ata o xoves pola tarde que será cando, coa entrada da fronte, aumenta a nebulosidade e trae consigo chuvia. Polo menos non irá frío porque as temperaturas irán subindo, malia ao vento que aportará esa parte de sensación de frío maior que o que nos marque o termómetro.

Como les, toca máis tranquilidade e estabiliade ao tempo da que estivemos a ter en días e semanas pasadas, así que a gozar del á espera de novos cambios o día que cheguen.

Comentarios (0) Mar 27 2017

Primavera? Non, case inverno…

Posted: under O tempo.

Que? Estamos en primavera, non si? Pero, a que non o parece? Pois non, non o parece porque como xa ben saberás nevou en moitos lugares, mesmo en Madrid capital. Xa o dicía o meu avó Ramón, “aínda queda a neve do cuco”. E canto vai durar isto? Marchará este frío? Agora cho digo.

O que temos enriba son os restos do paso do sistema frontal do martes/mércores deixando chuvascos espallados por case toda a península en forma de chuvia e neve en moitos puntos, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, esta situación de baixas presións vai a continuar nos seguintes días. Deste xeito, a inestabilidade continuará con moita nube sobre a península Ibérica e deixando precipitacións que serán en forma de neve por riba dos 500/600 metros no día de mañá e subindo progresivamente ata os 1000 metros no remate da fin de semana. Unicamente polo sueste se librarán disto porque malia as nubes, a probabilidade de precipitación será menor. Deixoche as imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro sábado ao mediodía para que te fagas mellor á idea disto que che acabo de contar: á esquerda os campos de isóbaras e nebulosidade e á dereita o campo de precipitación.

O frío este de marzo aínda continuará uns días. Iso si, con lixeira tendencia ao ascenso, especialmente polo sur. Será o domingo xa cando se note máis o ascenso en case toda a península.

O vento seguirá presente, por momentos máis e por momentos, menos; pero sin librarnos del na fin de semana e facendo que a sensación de frío sexa un pouco maior.

E si, en Galicia imos seguir con este tempo tan farragoso de agora chove, agora non (nalgúns sitios neva), ata se ve o sol. É dicir, a inestabilidade permanece e os chuvascos seguirán presentes, sendo por momentos máis probables (mañá venres e o domingo pola tarde) e por outros menos (sábado e domingo pola mañá), pero con ambiente húmido. O que si irán subindo as temperaturas un chisco, tampouco moito; manténdose o vento presente durante toda a fin de semana.

Como les, mantense este tempo máis de inverno que de primavera durante a fin de semana, así que tocará abrigarse e andar co paraugas a man.

Comentarios (0) Mar 23 2017

Festexando o noso día!!!

Posted: under O tempo.

Hoxe, como todo os 23 de marzo desde 1950, a xente relacionada coa meteoroloxía e baixo o amparo da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) estamos de festa celebrando o “Día Meteorolóxico Mundial”.

Mediante un tema escollido “ad hoc” cada ano é sobre o que se fan xirar todas as actividades desenvolvidas este día. Neste ano o lema é “ENTENDENDO AS NUBES” pola transcendencia que teñen non só nas predicións e os avisos meteorolóxicos, senón tamén polo seu vital papel no ciclo da auga e todo o sistema climático. Todo isto sen ter en conta, desde o punto de vista estético e visual, as súas formas e como “decoran” o ceo dando unhas imaxes expectaculares. Se queres máis información, só tes que pasarte por esta web da OMM (https://public.wmo.int/es/D%C3%ADa-Meteorol%C3%B3gico-Mundial-2017) para o día de hoxe e terás moita máis información sobre este tema.

Outro ano máis, en MeteoGalicia abrimos (aínda máis) as nosas portas para que poidas coñecer de primeira man o noso traballo diario; tanto desde o punto de vista de facer as predicións e subilas á web, pasando pola execución dos modelos numéricos de predición atmosférica e oceanográfica, antendendo aos medios de comunicación, recollendo datos das estacións meteorolóxicas e un largo etcétera de traballo diario.

E xa, para rematar, só me queda desexarche un moi bo día e teñas en conta o noso traballo meteoróxico no teu día a día, tanto para ben como cando erremos nas predicións.

Comentarios (0) Mar 23 2017

Volve o inverno?

Posted: under O tempo.

Desde esta mañá estamos na primavera, non si? E no tempo, que? Segundo esta fin de semana case en verán, pero parece que algún cambio se albisca por aí e que agora paso a contarche.

Polo momento o que manda é o sol sobre a península, salvo polo noroeste onde xa parece que algo tende a cambiar, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, haberá cambios. E importantes dado que unha profunda borrasca vaise achegar ao norte peninsular segundo avance a semana. E que conleva isto? Pois aumento da nebulosidade que traerá precipitacións, descenso de temperaturas e da cota de neve. Así, todo ese cóctel vai facer que o inverno chegue de novo á península anubrandose o norte peninsular, chegando ao centro na metade e final de semana, con precipitacións que serán en forma de neve en altitudes próximas aos 500 metros na xornada do xoves. Mentres todo isto ocorre polo norte e centro, no resto da península estarase máis tranquilo porque só aparecerán nubes e a probabilidade de chuvia será baixa. Podes ver isto resumido nas saídas do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e precipitación (dereita).

Ao mesmo tempo teremos a entrada dunha masa de aire frío que enfriará as temperaturas dun xeito importante en todo o territorio peninsular, pero especialmente polo norte facendo que baixe a cota de neve e se vexa folerpas, e máis que folerpas, en pleno mes de marzo. Podes apreciar claramente este descenso nas seguintes imaxes do modelo para o campo de temperaturas: á esquerda as de hoxe ao mediodía e á dereita as previstas para o vindeiro xoves a esa mesma hora.

E como o vento non quería faltar a esta festa, pois tamén fará acto de presenza aumentando a súa intensidade a medida que pasa a semana.

Si, toca cambio de tempo en Galicia e volta o frío, a chuvia, a neve e o vento. Xa no día de hoxe as nubes estiveron cubrindo o ceo do país e así seguirá durante esta semana e deixando chuvia e neve que no xoves podería verse en localidades sobre os 400-500 metros de altitude. A baixada das temperaturas notarase e ben, voltando o frío, nada que ver coas temperaturas calorosas destes días pasados e que se notará aínda máis co aumento da intensidade do vento.

Como les, volta de novo o inverno co frío e a chuvia/neve neste comezo de primavera, así que toca abrigarse e ter coidado.

Comentarios (0) Mar 20 2017

Repito media maratón!!!

Posted: under Deportes.

Si, din que non hai 2 sen 3 e iso vou facer eu correndo a media maratón de Zamora outra vez máis. E aquí estou, acabando de prepararme para comezar a dar zapatilla polos 21.097 metros que separan a Praza Maior de Zamora do Polideportivo Municipal.

Os motivos seguen a ser os mesmos que cando a fixen fai 2 anos: o seguinte paso cando levas correndo moito tempo, o ser máis sinxela que outras que hai nesta época do ano, que a miña parella é zamorana e tamén engado o feito de ter un obxectivo que me incite a sair a correr e non quedarme tirado sen facer deporte.

O obxectivo non deixa de ser o mesmo que nas dúas anteriores edicións: rematala en condicións físicas decentes e en menos de 2 horas. A intención era máis arriscada, pero acontecementos varios (sempre hai algo) impediron que perdera todo o peso que necesitaría, así como entrenar un pouco máis e en mellores condicións por culpa dunha caída que me deixou o xeonllo dereito fastidiado unhas semanas cunha boa ferida. Aínda así, chego con máis quilómetros nas pernas que o ano pasado e creo que cunha pouca mellor forma a pesar de non poder quitarme eses quilos de máis que teño.

Non me lío máis, remato de por todo en orde, quento un pouco e a correr.

Emprázote á semana que ven para ler como me foi.

Comentarios (0) Mar 19 2017

Máis sol e calor?

Posted: under O tempo.

Estamos rematando a semana e a tranquilidade parece que vai chegando a toda a península, porque nalgúns puntos foi unha semana bastante movida no meteorolóxico. E que? Como ven o conto para a fin de semana? Pois ven así.

Na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde podes ver como o sol é o protagonista sobre a península, agás algunhas nubes polo suroeste.

Pois ben, o conto este non vai ter moitas variacións nos vindeiros días. As altas presións seguirán predominando sobre a península Ibérica aportando moita estabilidade. Isto traducirase en moito sol e con temperaturas máis que agradables. Unicamente polo suroeste poderán aparecer nubes e mesmo deixar algo de chuvia mañá e con menor probabilidade na fin de semana, tal e como podes ver nas seguintes imaxes do modelo previstas para o vindeiro sábado ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Si, como xa che dixen, fará calor. Unha pouca máis que a que estamos tendo estes días, así que temos por diante unha fin de semana próxima ao verán e ademáis con cada vez menos vento, agás polo sur onde si seguirá presente durante a fin de semana.

E traquila/o porque a chuvia non vai facer acto de presenza en Galicia nos seguintes días. Segue a estabilidade e salvo algunha nube polo norte e algunha néboa polo interior, o ceo azul está practicamente asegurado no noso país. Ademais veñen temperaturas altas para esta época do ano, por riba dos 20º en moitos puntos do suroeste e interior, xunto con moi pouco vento.

Como les, temos por diante unha fin de semana caralluda con isto do tempo, así que tocará gozar dela, algúns ata facendo deporte duro como este que vos escribe.

Comentarios (0) Mar 16 2017

Cara outro veranciño?

Posted: under O tempo.

Comezamos nova semana que no meteorolóxico está sendo bastante revolta nalgúns puntos da península Ibérica, polo centro e sur; mentres que polo norte gozamos dunha maior tranquilidade. Pero, canto durará isto? A resposta é a seguinte.

Podes ver isto moi ben coa imaxe de satélite de primeira hora desta tarde onde se pode ver toda esa nebulosidade que está a causar ese tempo tan desapacible e como no resto xa hai menos nubes e mesmo bastante sol.

Pois ben, a situación tenderá cara a estabilización. A DANA que está a provocar toda esa inestabilidade irá perdendo forza pouquiño a pouco, mentres que polo norte seguirá a situación relativamente estable, aínda que ese vento do norte faga acumular nebulosidade e algo de precipitación. É dicir, polo norte moito máis sol con algunha nube e polo centro e sur bastante nube e precipitacións, moitas delas importantes e remitindo segundo avancen os días. Resumido isto en imaxes temos as seguintes do modelo previstas para o mediodía do mércores para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Tamén teremos ascenso de temperaturas volvendo a valores menos fríos e mesmo rematando a semana con valores máis que agradables en moitos puntos da península.

O vento estará preseste toda a semana, sendo especialmente forte polo centro e sur e amainando polo norte co paso dos días.

E aínda que non o creas, a semana en Galicia pinta ben, bastante ben porque ven con moito sol co avance dos días e quentando porque as temperaturas subirán e mesmo superarán os 20º no remate da semana en moitos lugares do país. A medida que suben as temperaturas, diminúe o vento, así que máis agradables imos a estar a medida que pasa a semana.

Como les, toca outra semana máis de primavera-verán polo norte e non tanto canto máis cara o sur debido a esa inestabilidade que irá tocando ao seu fin.

Comentarios (0) Mar 13 2017

Máis sol e calor?

Posted: under O tempo.

Que? Chegou a primavera? É o que te estás a preguntar, non si? De momento parece que é así porque o sol e a calor é o que está primando no tempo. E canto durará? Iso dígocho agora mesmo.

Como dicía, o que manda é o sol, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde onde a ausencia de nubes é practicamente total sobre a península Ibérica.

Pois ben, a situación non vai cambiar moito nos vindeiros día. Malia a debilitación do anticiclón na fin de semana co paso dun sistema frontal, éste vai a seguir mandando. Unicamente isto se traducirá nun aumento da nebulosidade polo norte e mesmo no domingo choverá algo, mentres o resto da península seguirá co seu sol e con temperaturas moi agradables, mesmo calorosas. Podes ver isto nas saídas do modelo previstas para a medianoite do sábado ao domingo para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Si, fará calor, bastante calor polo sur, pero ata o domingo que será cando xa se recuperen as temperaturas cunha baixada das mesmas e se acaden valores máis normais para esta época do ano, notándose especialmente polo norte.

A tranquilidade co vento durará tamén ata o domingo que será cando aumente a súa intensidade notándose máis, sobre todo polo norte co paso da fronte.

Aínda que non o creas tras ler que chega un sistema frontal, Galicia quedará practicamente libre da chuvia. Poderían caer algunhas gotas polo norte o domingo e aumento da nebulosidade, pero o sol será o que destaque; mesmo con calor ata o domingo que será cando xa se relaxe, baixen as temperaturas e aumente o vento, e bastante, despois da ausencia del estes días.

Como les, seguiremos, en gran parte da península, con esta primavera adiantada que se estropea un pouco polo norte rematando a fin de semana.

Comentarios (0) Mar 09 2017

Soleando?

Posted: under O tempo.

Despois deste relax entroideiro que me metín xa estou de volta coas cousas estas do tempo para dicirche o que a atmosfera nos ten preparada para esta semana, así que alá vou.

Hoxe aínda temos bastantes nubes sobre a península Ibérica, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primiera hora desta tarde e que mesmo deixaron algunhas gotas.

Pois bien, a situación vai a ir cambiando nos vindeiros días. Un anticiclón estase achegando polo oeste e vaise a instalar sobre a península. Que significa isto? Que a partir de mediados toda a península estará con moito sol e temperaturas máis que agradables. Antes de chegar a media semana, polo norte teremos algunhas nubes e mesmo con chuvia para ir desaparecendo logo e unirse ao resto do territorio peninsular co sol completo. En imaxes podes ver isto coas saídas do modelo previstas para o vindeiro mércores ao mediodía co campo de isóbaras e nebulosidade á esquerda e o campo de precipitación á dereita.

Como xa che adiantei, ven calor para esta semana. Vaille chegar en moitos sitios. Polo sur xa desde comezo de semana estarán quentiños, mentres que polo norte non tanto; pero xa a partir do mércores as temperaturas case, ou non tan case, primaverales serán as que manden sobre a península Ibérica.

A medida que avancen os días coa afianzamento das altas presións o vento vai a ir amainando, sobre todo polo nordeste que é onde hoxe e aínda mañá se notou bastante.

E si, acábase a chuvia en Galicia por uns días. Aquí aínda queda a posibilidade dalgunha polo oeste para mañá, pero xa logo chega esta primavera adiantada que nos deixará o ceo moi despexado a partir do mércores e con temperaturas por riba dos 20º en moitos puntos do país. Ao mesmo tempo o vento vai a ir cesando e deixandonos sen el no remate da semana.

Como les, toca sacar a manga curta durante o día porque promete unha semana moi agradable, de primevera e rozando o verán.

Comentarios (0) Mar 06 2017