Cara outro veranciño?

Posted: under O tempo.

Comezamos nova semana que no meteorolóxico está sendo bastante revolta nalgúns puntos da península Ibérica, polo centro e sur; mentres que polo norte gozamos dunha maior tranquilidade. Pero, canto durará isto? A resposta é a seguinte.

Podes ver isto moi ben coa imaxe de satélite de primeira hora desta tarde onde se pode ver toda esa nebulosidade que está a causar ese tempo tan desapacible e como no resto xa hai menos nubes e mesmo bastante sol.

Pois ben, a situación tenderá cara a estabilización. A DANA que está a provocar toda esa inestabilidade irá perdendo forza pouquiño a pouco, mentres que polo norte seguirá a situación relativamente estable, aínda que ese vento do norte faga acumular nebulosidade e algo de precipitación. É dicir, polo norte moito máis sol con algunha nube e polo centro e sur bastante nube e precipitacións, moitas delas importantes e remitindo segundo avancen os días. Resumido isto en imaxes temos as seguintes do modelo previstas para o mediodía do mércores para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Tamén teremos ascenso de temperaturas volvendo a valores menos fríos e mesmo rematando a semana con valores máis que agradables en moitos puntos da península.

O vento estará preseste toda a semana, sendo especialmente forte polo centro e sur e amainando polo norte co paso dos días.

E aínda que non o creas, a semana en Galicia pinta ben, bastante ben porque ven con moito sol co avance dos días e quentando porque as temperaturas subirán e mesmo superarán os 20º no remate da semana en moitos lugares do país. A medida que suben as temperaturas, diminúe o vento, así que máis agradables imos a estar a medida que pasa a semana.

Como les, toca outra semana máis de primavera-verán polo norte e non tanto canto máis cara o sur debido a esa inestabilidade que irá tocando ao seu fin.

Comentarios (0) Mar 13 2017