Máis sol e calor?

Posted: under O tempo.

Estamos rematando a semana e a tranquilidade parece que vai chegando a toda a península, porque nalgúns puntos foi unha semana bastante movida no meteorolóxico. E que? Como ven o conto para a fin de semana? Pois ven así.

Na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde podes ver como o sol é o protagonista sobre a península, agás algunhas nubes polo suroeste.

Pois ben, o conto este non vai ter moitas variacións nos vindeiros días. As altas presións seguirán predominando sobre a península Ibérica aportando moita estabilidade. Isto traducirase en moito sol e con temperaturas máis que agradables. Unicamente polo suroeste poderán aparecer nubes e mesmo deixar algo de chuvia mañá e con menor probabilidade na fin de semana, tal e como podes ver nas seguintes imaxes do modelo previstas para o vindeiro sábado ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Si, como xa che dixen, fará calor. Unha pouca máis que a que estamos tendo estes días, así que temos por diante unha fin de semana próxima ao verán e ademáis con cada vez menos vento, agás polo sur onde si seguirá presente durante a fin de semana.

E traquila/o porque a chuvia non vai facer acto de presenza en Galicia nos seguintes días. Segue a estabilidade e salvo algunha nube polo norte e algunha néboa polo interior, o ceo azul está practicamente asegurado no noso país. Ademais veñen temperaturas altas para esta época do ano, por riba dos 20º en moitos puntos do suroeste e interior, xunto con moi pouco vento.

Como les, temos por diante unha fin de semana caralluda con isto do tempo, así que tocará gozar dela, algúns ata facendo deporte duro como este que vos escribe.

Comentarios (0) Mar 16 2017