Volve o inverno?

Posted: under O tempo.

Desde esta mañá estamos na primavera, non si? E no tempo, que? Segundo esta fin de semana case en verán, pero parece que algún cambio se albisca por aí e que agora paso a contarche.

Polo momento o que manda é o sol sobre a península, salvo polo noroeste onde xa parece que algo tende a cambiar, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, haberá cambios. E importantes dado que unha profunda borrasca vaise achegar ao norte peninsular segundo avance a semana. E que conleva isto? Pois aumento da nebulosidade que traerá precipitacións, descenso de temperaturas e da cota de neve. Así, todo ese cóctel vai facer que o inverno chegue de novo á península anubrandose o norte peninsular, chegando ao centro na metade e final de semana, con precipitacións que serán en forma de neve en altitudes próximas aos 500 metros na xornada do xoves. Mentres todo isto ocorre polo norte e centro, no resto da península estarase máis tranquilo porque só aparecerán nubes e a probabilidade de chuvia será baixa. Podes ver isto resumido nas saídas do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e precipitación (dereita).

Ao mesmo tempo teremos a entrada dunha masa de aire frío que enfriará as temperaturas dun xeito importante en todo o territorio peninsular, pero especialmente polo norte facendo que baixe a cota de neve e se vexa folerpas, e máis que folerpas, en pleno mes de marzo. Podes apreciar claramente este descenso nas seguintes imaxes do modelo para o campo de temperaturas: á esquerda as de hoxe ao mediodía e á dereita as previstas para o vindeiro xoves a esa mesma hora.

E como o vento non quería faltar a esta festa, pois tamén fará acto de presenza aumentando a súa intensidade a medida que pasa a semana.

Si, toca cambio de tempo en Galicia e volta o frío, a chuvia, a neve e o vento. Xa no día de hoxe as nubes estiveron cubrindo o ceo do país e así seguirá durante esta semana e deixando chuvia e neve que no xoves podería verse en localidades sobre os 400-500 metros de altitude. A baixada das temperaturas notarase e ben, voltando o frío, nada que ver coas temperaturas calorosas destes días pasados e que se notará aínda máis co aumento da intensidade do vento.

Como les, volta de novo o inverno co frío e a chuvia/neve neste comezo de primavera, así que toca abrigarse e ter coidado.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.