Primavera? Non, case inverno…

Posted: under O tempo.

Que? Estamos en primavera, non si? Pero, a que non o parece? Pois non, non o parece porque como xa ben saberás nevou en moitos lugares, mesmo en Madrid capital. Xa o dicía o meu avó Ramón, “aínda queda a neve do cuco”. E canto vai durar isto? Marchará este frío? Agora cho digo.

O que temos enriba son os restos do paso do sistema frontal do martes/mércores deixando chuvascos espallados por case toda a península en forma de chuvia e neve en moitos puntos, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, esta situación de baixas presións vai a continuar nos seguintes días. Deste xeito, a inestabilidade continuará con moita nube sobre a península Ibérica e deixando precipitacións que serán en forma de neve por riba dos 500/600 metros no día de mañá e subindo progresivamente ata os 1000 metros no remate da fin de semana. Unicamente polo sueste se librarán disto porque malia as nubes, a probabilidade de precipitación será menor. Deixoche as imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro sábado ao mediodía para que te fagas mellor á idea disto que che acabo de contar: á esquerda os campos de isóbaras e nebulosidade e á dereita o campo de precipitación.

O frío este de marzo aínda continuará uns días. Iso si, con lixeira tendencia ao ascenso, especialmente polo sur. Será o domingo xa cando se note máis o ascenso en case toda a península.

O vento seguirá presente, por momentos máis e por momentos, menos; pero sin librarnos del na fin de semana e facendo que a sensación de frío sexa un pouco maior.

E si, en Galicia imos seguir con este tempo tan farragoso de agora chove, agora non (nalgúns sitios neva), ata se ve o sol. É dicir, a inestabilidade permanece e os chuvascos seguirán presentes, sendo por momentos máis probables (mañá venres e o domingo pola tarde) e por outros menos (sábado e domingo pola mañá), pero con ambiente húmido. O que si irán subindo as temperaturas un chisco, tampouco moito; manténdose o vento presente durante toda a fin de semana.

Como les, mantense este tempo máis de inverno que de primavera durante a fin de semana, así que tocará abrigarse e andar co paraugas a man.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.