E de tempo como andaremos?

Posted: under O tempo.

Estamos rematando este mes de marzo que no meteorolóxico nos trouxo de todo: desde un amago de verán ata un amago de inverno duro. Agora toca ver como comeza o mes de abril e se fai caso ao dito de “en abril, augas mil”. De momento só che conto como ven esta primeira fin de semana do mes.

Se ves a seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde verás como o sol é o protagonista xeral sobre a península, coa excepción do rincón noroeste onde as nubes son as que mandan e mesmo xa están a deixar chuvia.

Pois ben, a situación vai cambiar nas vindeiras horas coa entrada da fronte que xa podes ver na imaxe anterior. Durante esta madrugada e mañá venres recorrerá todo o norte peninsular deixando o ceo nubrado e con precipitacións, algunhas delas importantes e en forma de treboada. Xa para o leste e sur estará moito máis tranquilo, aínda que con nubes. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para mañá ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Xa na fin de semana a situación irase compoñendo e aínda que polo norte quedarána as nubes coa chuvia, no centro e sur xa máis sol con continuación na xornada do domingo onde en practicamente toda a península a estabilidade será a tónica dominante e, polo tanto, con baixa probabilidade de precipitación malia algunha nube. O resumo visual disto telo nas seguintes imaxes do modelo previstas para a medianoite do sábado ao domingo para os mesmos campos anteriores.

Iso si, tralo paso destas frontes entra aire frío e fai que as temperaturas baixen e deixen estes valores tan agradables de hoxe e mañá, sendo xa máis frescas na fin de semana.

O vento estará presente por todo o norte peninsular, notándose principalmente polo nordeste durante a fin de semana.

E si como xa estás a comprobar, despois de dous días de relativa tranquilidade, volta a chuvia a Galicia e por momentos importantes nesta vindeira madrugada e mañá pola tarde, quedando o tempo intermedio con algún que outro chuvasco. Xa a partir da tarde do sábado a situación irase compoñendo e o domingo promete ser tranquilo. Con isto tamén teremos un pouco máis de fresco dado que as temperaturas baixarán mañá e o sábado, recuperándose un chisco o domingo. O vento cesará tamén o domingo, pero mentres tocará sufrilo un par de días.

Como les, aínda queda algo de tempo perralleiro para mañá e o sábado polo norte, pero xa logo todo se axeita para rematar o domingo con día bastante xeitoso.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.