Acabaríase a tranquilidade?

Posted: under O tempo.

Estamos a piques de rematar este mes de abril que non fixo caso ao dito de “abril, augas mil” porque no que levamos de mes pouca chuvia se rexistrou na península, pero, compensará nos días estes que nos quedan? Xa che respondo en nada.

O que temos sobre a península, mais concretamente polo leste peninsular é unha masa compacta de nubes que estiveron a deixar precipitacións, algunhas importantes, nestas zonas; mentre que no resto o sol, con algunha nube, iso si, foi o protagonista. Poder ver isto na seguinte imaxe do satélite correspondente a esta mesma tarde.

Pois ben, a situación vaiche ser moi distinta nos próximos días coa sucesión de dous fenómenos meteorolóxicos e cuxas consecuencias sobre a península van a ser parecidas coa diferenza da zona na que se producen.

Por unha banda, mañá venres e o sábado teremos a entrada dunha baixa polo suroeste peninsular que deixará un ceo nubrado con precipitacións, algunhas delas importantes e en forma de treboada, polo sur e centro peninsulares, quedando o norte máis libre da súa influencia, pero con nubes, tal e como podes ver nas imaxes do modelo GFS previstas para a medianoite do venres ao sábado para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Pola outra banda, temos o domingo para que unha borrasca se achegue á península polo norte e mandando unha fronte que afectará principalmente ao norte peninsular deixando bastante nube e chuvia, mentres que a medida que baixamos cara o sur e se vai cara o leste perde intensidade e as nubes serán menos e a chuvia menos probable. O resumo disto telo nas seguintes imaxes previstas para o vindeiro domingo ao mediodía para as mesmas variables de antes.

As temperaturas non terán un comportamento claro nos vindeiros días. Unicamente mañá baixarán case de forma xeneralizada, mentres que na fin de semana ascenderán polo sur de xeito moderado, mentres que polo norte non será tanto ese ascenso.

O vento seguirá presente mañá polo noroeste e sur peninsular descendendo nesta última zona co avance dos días e aumentando no resto da península xa entrada a fin de semana.

E si, xa tocaba chuvia a feito en Galicia, pero ata o domingo nada. Mañá venres aínda teremos un día tranquilo con bastante sol, pero xa coas nubes aparecendo ás últimas horas da tarde para deixarnos un sábado con moitas máis e mesmo algo de chuvia polo sur do país mentres esperamos que na madrugada deste sábado cara o domingo entre unha fronte e nubre máis o ceo e deixe chuvia máis continua de oeste a leste. Xa logo o domingo quedarán chuvias máis intermitentes con menos nubes. Coa entrada desta fronte tamén aumentará a intensidade do vento, así que o domingo irá bastante e antes algo menos. Iso si, as temperaturas mañá suben un chisco para voltar a baixar na fin de semana.

Como les, acabouse a tranquilidade e voltamos a un tempo de inestabilidade máis típico desta época do ano que non unhas altas presións durante case un mes seguido para comezar o mes de maio xa con tempo máis estable.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.