De novo tocan treboadas?

Posted: under O tempo.

Comezamos esta última semana de maio xa cun tempo máis fresco co de días pasados, verdade? Agora toca ver como se nos presenta esta semana e para iso estou eu aquí, así que a elo vou agora mesmo.

O que temos por riba nosa é unha alternancia de nubes e claros con algún que outro chuvasco que caeu polo norte principalmente, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, esta inestabilidade vai a continuar en certa medida ao longo desta semana. Quizais o oeste e sur peninsulares estarán máis tranquilos, aínda que con algunhas nubes e bastante sol, pero con baixa probabilidade de chuvia. O conto cambia se nos imos ao leste, pero sobre todo polo nordeste onde esta inestabilidade vai a ser maior e as treboadas serán moi probables cando chegue a tarde dos días desta semana. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para a tarde do vindeiro mércores para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Tamén co paso dos días iremos recuperando valores de temperatura máis cálidos, especialmente polo sur cun ascenso térmico progresivo.

O vento dará tregua en liñas xerais, agás polo sur peninsular onde se notará un pouco máis.

E si, chega unha relativa tranquilidade ao tempo de Galicia. Aínda que se manterá certa inestabilidade, ésta unicamente provocará que o ceo non esté azul e haxa nubes, sen descartar algunha chuviera nas zonas altas de Lugo e Ourense, aínda que con baixa probabilidade. Tamén teremos ascenso térmico e poderanse rozar os 30º en moitos puntos do sur de Lugo e interior de Ourense. E todo isto con pouco vento.

Como les, toca unha calma chicha no tempo menos se andas polo nordeste peninsular onde as treboadas estarán á orde do día nas xornadas vespertinas.

Comentarios (0) Mai 29 2017

Tempo de treboadas?

Posted: under O tempo.

Se aguantaches a calor destes días daraste conta de que xa estamos a xoves e a fin de semana está á volta da esquina, así que é hora de que che conte como ven o tempo  para ela.

De momento o que temos sobre a península son algunha que outra treboada polo noroeste e o ceo máis despexado no resto con bastante calor en xeral ben repartida, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, esta situación de inestabilidade vai a continuar. Hai aire moi quente en superficie e está entrando aire frío nas capas medias e altas da atmosfera provocando a súa inestabilización. Deste xeito, o ceo peninsular alternará as nubes cos claros, sendo estas nubes polo norte e especialmente polo oeste nubes de evolución que poderán deixar chuvascos importante, moitos deles de caracter treboento. Podes ver isto resumido nas saídas do modelo GFS previstas para o vindeiro sábado ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

E si, coa entrada deste aire frío as temperaturas van a ir relaxándose. Primeiramente polo oeste e logo, xa co remate da fin de semana, no resto do territorio peninsular.

O vento en liñas xerais estará tranquilo, agás polo sueste onde se notará un chisco máis.

Si, aínda quedan treboadas para Galicia. Mañá teremos o paso dunha fronte e con ceo máis anubrado e chuvia, para logo dar paso a unha fin de semana onde os chuvascos, moitos deles con treboadas, volverán a estar presentes nalgúns puntos do país. Polo menos irá refrescando porque as temperaturas irán baixando día a día e todo isto con apenas nada de vento.

Como les, toca fin de semana roñoso en moitos lugares do oeste peninsular e roñoso de carallo porque as treboadas teñen pinta de vir rabudas.

Comentarios (0) Mai 25 2017

Caloret?

Posted: under O tempo.

Ben, estamos a luns e xa algo quentes de máis con esta calor que nos chegou, verdade? E xa pedindo que relaxe? Pois vouche contestar se iso vai pasar en nadiña.

Como ves hoxe o ceo peninsular presentou moi poucas nubes e o sol foi o protagonista e quentando xa bastante, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, parece que este conto vai a continuar sen moitos cambios ao longo da semana, é dicir, as altas presións dominarán sobre a península Ibérica provocando estabilidade. E isto en que se traduce? No que estás a pensar, sol e calor, bastante calor. Algunha nube si haberá, pero só para deslucir o ceo azul pleno. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o mércores ao mediodía onde á esquerda tes o campo de isóbaras e nebulosidade coas altas presións e esas nubes que rompen o ceo azul e á dereita o campo de precipitación, coa súa ausencia durante a semana.

Si, aínda virá máis calor. Mañá unha lixeira tregua, pero logo outra vez ascenso térmico e máis calor para o remate da semana, tal e como podes comprobar ao comparar as seguintes imaxes do campo de temperatura: á esquerda a do mediodía de hoxe venres e á dereita a prevista para o vindeiro xoves a esa mesma hora.

E con tanta estabilidade, pouco vento. Unicamente na zona sur e sueste peninsulares o vento de levante se deixará notar algo, por momentos bastante.

Si, toca papar calor en Galicia. O sol mandará sobre o ceo galego coa posibilidade da aparición dalgunha nube de evolución cara finais de semana, pero con calor, bastante calor con moitos puntos do interior de Lugo e Ourense por riba dos 30º. E todo con apenas vento, agás mañá polo litoral coruñés.

Como les, toca semana de verán con bastante sol e calor sobre a península, así de sinxelo.

Comentarios (0) Mai 22 2017

Tranquilidade no tempo?

Posted: under O tempo.

Xa estamos a rematar esta semana rariña no tempo polo norte peninsular e non tanto cara o sur e pensando en que facer na fin de semana na que o tempo nos traerá, que nos traerá? Isto que che conto agora mesmo.

Hoxe aínda temos a península con algunhas nubes polo norte e leste e xa no resto moitas menos, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, a situación tenderá a estabilizarse nos vindeiros días. As altas presións irán collendo sitio sobre a península Ibérica. Deste xeito, o ceo peninsular estará pouco nubrado ou despexado en liñas xerais con algunhas nubes máis polo norte, pero todo con moi baixa probabilidade de precipitación. Unicamente o domingo aparecerán máis nubes e esa probabilidade de chuvia será un chisco máis alta. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o mediodía do sábado para os campos de isóbaras e nebulosidade á esquerda e do campo de precipitación á dereita.

Ao mesmo tempo que chegan as altas presións as temperaturas estarán en ascendo, pouco a pouco cada día, notándose especialmente este ascendo polo norte.

O vento estará traquilo, agás polo sur porque o vento de levante seguirá a soprar con certa intensidade por toda a costa andaluza.

Si, despois destes días algo rariños no tempo galego toca volver á tranquilidade e pouco a pouco iremos vendo máis sol e a posibilidade de chuvascos será menor, desaparecendo na fin de semana e recuperando temperatura despois da baixada de hoxe e co vento tranquilo durante os vindeiros días.

Como les, toca unha fin de semana estable, con bastante sol e sen moito frío para poder gozar de actividades ao ar libre tranquilamente.

Comentarios (0) Mai 18 2017

DÍA DAS LETRAS GALEGAS: Carlos Casares

Posted: under Política.

Hoxe, 17 de maio, celebramos novamente que o GALEGO é a nosa lingua e pilar fundamental da nosa cultura.

Outro ano máis toca reinvindicar esta nosa lingua que tan inxustamente é tratada polas institucións que nos gobernan. Polo tanto, o único que nos queda é que nós mesmos a defendamos e, cal é a mellor forma? Pois USÁNDOA e FACENDO QUE SE USE, non ahi outra; en todas as súas expresións, tanto oralmente coma na escrita. Calquera forma non supón vergoña algunha; mais ben ao contrario, aumentará o nivel cultural de quen a usa.

O mellor sería non ter que celebrar este día. Iso significaría que o idioma está totalmente vivo e non morrendo, bueno, estano matando pouco a pouco debido ás NON políticas que as institucións que nos gobernan están a quitarlle todo o poder que ten que ter como vehículo principal para o transporte da cultura galega non só no país senon tamén cara o exterior.

Con todo isto na mente, hai que recordar á personaxe da cultura galega escollida para homenaxear neste día de hoxe e este ano e esa é ao escritor, crítico literario e político ourensán Carlos Casares do que tes cumprida información sobre a súa traxectoria tanto na web da súa fundación, coma na Wikipedia.

Agardemos que isto sexa para durar, non só hoxe, e nos conciencemos en que a nosa língua é o noso gran patrimonio como galegos e nos acordemos dela todos os días do ano, non só hoxe.

Comentarios (0) Mai 17 2017

Inestabilidade de maio?

Posted: under O tempo.

Ben, aquí estou de volta coas cousas do tempo. Sinto esta ausencia, pero asuntos varios nestas semanas deixáronme pouco tempo libre para este blogue. Espero que a partir de hoxe volte a rutina das miñas predicións semanais e a iso me poño agora mesmo coa desta semana.

Como puideches comprobar o día non veu todo despexado, pero foise facendo co avance das horas ata esta primeira hora da tarde onde xa só quedan algunhas poucas nubes sobre a península, tal e como podes ver na seguinte imaxe do satélite.

Pois ben, a situación non che vai quedar así esta semana. Só o día de mañá se parecerá algo en canto a ceo con bastante sol e poucas nubes, pero coa posibilidade de treboadas polo noroeste. Xa a partir do mércores chega de visita unha fronte que afectará ao norte peninsular ese día e os seguintes deixando o ceo con moita nube e chuvia, algunha dela de tipo treboento. Canto máis ao sur, menos influencia desta fronte e, polo tanto, menos nubes, máis sol e baixa probabilidade de precipitación. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

De temperatura imos andar ben ata finais de semana e ata máis que ben, sobre todo polo sur peninsular, porque virá algo de calor estes 3 días para xa logo baixar.

O vento estará relativamente tranquilo en liñas xerais. Unicamente se notará algo polo noroeste e, especialmente, toda a semana no sur soprando o vento de levante con certa intensidade.

Si, tregua onte e hoxe en Galicia e xa volta a auga. Mañá martes será en forma de treboada, pero xa nos seguintes días un pouco máis continua coa paso da fronte. Todo isto con temperatura ata mesmo algo calorosas, sobre todo mañá e descendendo ao final da semana. O vento respetará e ata o xoves non se deixará notar algo.

Como ves, toca tempo inestable, a tónica habitual nesta época do ano con restos de fronte e treboadas.

Comentarios (0) Mai 15 2017