Inestabilidade de maio?

Posted: under O tempo.

Ben, aquí estou de volta coas cousas do tempo. Sinto esta ausencia, pero asuntos varios nestas semanas deixáronme pouco tempo libre para este blogue. Espero que a partir de hoxe volte a rutina das miñas predicións semanais e a iso me poño agora mesmo coa desta semana.

Como puideches comprobar o día non veu todo despexado, pero foise facendo co avance das horas ata esta primeira hora da tarde onde xa só quedan algunhas poucas nubes sobre a península, tal e como podes ver na seguinte imaxe do satélite.

Pois ben, a situación non che vai quedar así esta semana. Só o día de mañá se parecerá algo en canto a ceo con bastante sol e poucas nubes, pero coa posibilidade de treboadas polo noroeste. Xa a partir do mércores chega de visita unha fronte que afectará ao norte peninsular ese día e os seguintes deixando o ceo con moita nube e chuvia, algunha dela de tipo treboento. Canto máis ao sur, menos influencia desta fronte e, polo tanto, menos nubes, máis sol e baixa probabilidade de precipitación. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

De temperatura imos andar ben ata finais de semana e ata máis que ben, sobre todo polo sur peninsular, porque virá algo de calor estes 3 días para xa logo baixar.

O vento estará relativamente tranquilo en liñas xerais. Unicamente se notará algo polo noroeste e, especialmente, toda a semana no sur soprando o vento de levante con certa intensidade.

Si, tregua onte e hoxe en Galicia e xa volta a auga. Mañá martes será en forma de treboada, pero xa nos seguintes días un pouco máis continua coa paso da fronte. Todo isto con temperatura ata mesmo algo calorosas, sobre todo mañá e descendendo ao final da semana. O vento respetará e ata o xoves non se deixará notar algo.

Como ves, toca tempo inestable, a tónica habitual nesta época do ano con restos de fronte e treboadas.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.