Refrescando?

Posted: under O tempo.

Ben, estás farta/o de calor, non si? A verdade é que xa lle chega ben, así que vou ver o que me din os mapas e paso a contarche o que ven para esta semana.

Como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde, as nubes son as que mandan polo norte e asi se nota un certo refresco do ambiente, mentres que no resto da península o sol segue a mandar e mesmo a quentar.

Pois ben, parece que en certa medida esta situación vai a ir cambiando. As altas presións non serán tanto porque se nos van cara o Atlántico e, polo tanto, da paso a que as borrascas que andaban polo norte de Europa nos afecten, principalmente polo norte peninsular. E con isto teremos entrada de aire frío nas capas medias e altas da atmosfera. En que se traduce isto? Tradúcese en que polo centro en norte peninsulares haberá bastante inestabilidade con nubes e chuvias, algunhas delas de tipo treboento. Xa canto máis ao sur e leste a probabilidade será menor e haberá máis sol. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Si, por fin vai refrescar. Cada día que pase desta semana irá facendo menos calor e será sobre todo polo norte e centro e en menor medida polo leste onde se producirá este descenso.

E con todo isto tamén teremos un aumento da intensidade do vento desde mañá martes e notarase en toda a península, nalgúns punto de xeito importante.

Bueno, cambia o tempo en Galicia. Se a semana pasada fervíamos de calor, ésta toca cambio case radical porque xa non só é o descenso das temperaturas, de ata 15º nas máximas, senon tamén porque chega a chuvia. Serán días de moita nube e chuvia, por momentos importante, por outros menos e algúns sen ela. E para completar a festa tamén chega o vento e soprará con certa intensidade a partir do mércores.

Como les, toca cambio de tempo. Marcha a calor e chega algo de chuvia ao norte, non ao sur, pero alí o que notarán é que xa non sufrirán tanta calor.

Comentarios (0) Xuñ 26 2017

Marchará a calor por fin?

Posted: under O tempo.

Seguimos baixo os efectos desta calor abafante, non si? Xa che conto agora mesmo cando remata porque, xa che adianto, parece que haberá boas novas, pero con matices e a iso vou agora mesmo.

Polo momento no norte peninsular hai poucas novas do sol, mentres que no resto da península segue a ser o protagonista e mesmo quentando, aínda que con algunha que outra treboada, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, parece que algúns cambios si vai a haber nesta fin de semana. A entrada de aire frío en altura fará que as temperaturas se relaxen, especialmente polo norte peninsular e aumente en certa medida a inestabilidade. Polo tanto, haberá máis nubes no ceo que polo norte e mesmo poderán deixar algunhas gotas de chuvia xunto coa posibilidade dalgunha treboada na fin de semana polo centro e leste peninsulares. Podes comprobar isto nas saídas do modelo GFS previstas para o sábado pola tarde para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

E si, baixan as temperaturas. Por fin, dirás. Polo centro e sur notarase pouco e será no resto onde notaremos esa baixada ata valores máis acaidos para esta época do ano.

O vento seguirá a estar tranquilo, agás polo oeste na fin de semana onde aumentará a súa intensidade e un pouco menos polo sur.

Refrescaremos en Galicia. Si, aínda que non o creas, esa é a nova para os vindeiros días. Deixaremos os valores altos de temperatura e voltaremos a valores máis normais para esta época do ano con máximas pouco sobre os 30º nos puntos quentes do país que todos sabemos. Tamén haberá máis nubes polo norte e non se descarta algunha chuvia feble. O vento comezará a aumentar na fin de semana polo litoral, estando practicamente ausente antes.

Como les, parece que polo norte relaxaremos coa calor e no resto non tanto, pero si algo menos e todo isto sen chuvia apenas.

Comentarios (0) Xuñ 22 2017

Relaxa a calor?

Posted: under O tempo.

Xa rematou esta fin de semana tan calorosa que tivemes e aínda hoxe tamén lle chegou de carallo coa calor, non si? Agora toca ver, se dunha vez por todas, voltamos a unhas temperaturas máis axeitadas e non esta calor extrema que nos ten fritos e iso será o que tentarei contarche de aquí en diante.

Como vas na imaxe de satélite desta tarde, xa hai bastantes nubes sobre a península Ibérica e que estiveron a deixar algunha que outra treboada que refrescou o ambiente.

Pois ben, a situación é que aínda que as altas presións van a seguir predominando, a entrada de aire frío nas capas medias e altas da atmosfera fará que refresque un pouco e mesmo de lugar a formación de treboadas que en calquer punto da península relaxen a sensación de calor. Resumindo isto telo nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o mércores pola tarde para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Si, aínda fará calor, pero xa co paso dos días será menos. Non moita menos, pero xa fora de avisos importantes e notándose máis polo norte.

O que si é que seguiremos sen apenas vento, salvo algo pola zona do estreito de Xibraltar.

Tamén irá marchando a calor de Galicia, pasiño a pasiño, pero xa rematando a semana con 5 ou máis graos menos de máximas con respeito a estes días e, sobre todo, máis fresco pola noite. Destacar as treboadas. Xa no día de hoxe nalgún punto lle tocou a loteria dela e nos vindeiros días voltará a tocarlle ou tocaralle a outro sitio, sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense. E todo isto sen apenas vento.

Como les, seguiremos con calor, pero xa menos. Aínda así chegaralle ben en moitos puntos, pero sen ser tan abafante e mesmo con certa frescura debido ás treboadas.

Comentarios (0) Xuñ 19 2017

Máis calor?

Posted: under O tempo.

Se estás lendo é que sobreviviches á calor destes días e xa estarás ata as narices, por non usar outra expresión, del, non si? Agora che conto o que ven, pero…

Iso si, como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde, nalgúns sitios esta calor foi refrescada cunha boa ración de treboada.

Pois ben, a situación, sinto dicirche, non vai cambiar; mais ben ao contrario porque manterase igual e aínda con máis calor. Si, subirán as temperaturas e moitos puntos da península superarán os 40º e por riba dos 30º en practicamente o resto. Agora ben, polo centro e sur peninsulares voltará a posibilidade de que pola tarde aparezan as treboadas e refresque polas tardiñas. O resumo visual disto telo nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para a tarde do sábado: á esquerda o campo de isóbaras coas altas presións mandando e o campo de nebulosidade coas nubes de evolución e á dereita o campo de precipitación coa precipitación asociada a esas nubes de evolución.

Como xa che dixen fará moita calor, así que atenta/o aos avisos pertinentes e toma a correspondentes precaucións.

O vento non axudará a mitigar esta calor infernal porque apenas haberá, salvo polo litoral norte e litoral sur onde se notará un pouco máis e ata por momentos con certa intensidade.

E si, en Galicia tamén irá calor, moita calor nos sospeitosos habituais do interior de Ourense, sur de Lugo e Baixo Miño onde os 40º estarán aí e por riba dos 30º tamén en case todo o país, menos polo norte onde o vento que fará refrescará o ambiente. Iso si, algunha nube de evolución podería aparecer pola montaña ourensá na fin de semana.

Como les, toca seguir papando moita calor, así que a coidarse porque o luns quérote aquí para saber cando remata esta “ola de calor” que temos enriba.

Comentarios (0) Xuñ 15 2017

Sobrevivindo á calor?

Posted: under O tempo.

Buff, vaia calor vai!!! Seguro que é o que estás a dicir desde fai uns días, non si? Pois raźon non che falta. Agora seguro que o que queres saber é cando marchará, así que vou ver se cho digo.

Como ves na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde, o sol é protagonista en liñas xerais, aínda que algunha nube polo litoral cantábrico se pode apreciar xunto coas nubes de evolución que deixaron algunha que outra treboada por Castela e León.

Pois ben, a situación non vai cambiar a grandes rasgos porque as altas presións van a seguir mandando sobre a península Ibérica xunto coa masa de aire cálido. E isto en que se traduce? No mesmo que estamos a ter estes días: pouca nube, moito sol e moita máis calor. Agora ben, hai un matiz que compre salientar e que non é outro que o da posibilidade, lixeira, pero posibilidade, dalgunha treboada polo centro e norte ao longo da semana. Podes ver isto resumido nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

E si, como xa che adiantei seguirá a calor. Moita calor polo centro e sur peninsulares con valores máximos por riba dos 40º e por riba dos 30º en gran parte da península. Podes apreciar isto nos valores morados no centro e sur da península das seguintes imaxes do modelo previstas para mañá martes (esquerda), o mércores (centro) e o xoves (dereita) para o campo de temperatura a 850hPa, sobre os 1500 metros de altura.

De vento, como podes supoñer, tranquilos; agás un aumento cara finais de semana polo oeste peninsular.

Si, en Galicia tamén paparemos calor. En gran parte do país acadaranse máximas por riba dos 30º co litoral norte un pouco máis relaxados. De ceo haberá bastante sol, pero ollo que poderían aparecer as treboadas en zonas altas e do interior e deixar algún que outro chuvasco que refresque o ambiente. De vento relativamente en calma ata mediada a semana que será cando polo litoral atlántico aumente a súa intensidade.

Como les, toca seguir papando calor, e moito; así que extremar precaucións e moito coidado que te quero o xoves por aquí para contarche se isto remata ou non.

Comentarios (0) Xuñ 12 2017

Asados?

Posted: under O tempo.

Bueno, estamos rematando a semana e xa sudando un pouco coa calor, verdade? Pois agora che conto se isto vai seguir ou teremos tregua.

Como podes ver na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde os efectos do sol son case completos sobre a península Ibérica con algunha que outra nube estorbando polo noroeste.

Pois ben, isto non vai cambiar moito. Mais ao contrario, haberá menos nubes polo noroeste e subirán as temperaturas co que imos pasar bastante calor, sobre todo polo centro e sur peninsulares pasando dos 30º en moitos puntos e mesmo chegando aos 40º nalgúns deles. Resumindo, tal e como podes ver nas seguintes imaxes do campo de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e de precipitación (dereita) previstos para o vindeiro sábado ao mediodía, salvo algunhas nubes por aí perdidas, o sol será o que mande.

O aumento das temperaturas estará presente ata acadar eses valores tan altos como podes ver se comparas as dúas seguintes imaxes: á esquerda a deste mediodía e á dereita a previstas para o vindeiro domingo a esa mesma hora.

E, como podes supoñer, con esta estabilidade o vento estará ausenta. Apenas se notará algo polo oeste peninsular rematando a fin de semana.

Si, en Galicia tamén irá calor. Non tanta, pero os sospeitosos habituais do interior de Ourense e sur de Lugo pasarán dos 30º. Agás pola costa onde haberá algunha que outra nube, o sol mandará sobre o ceo galego nos vindeiros días con pouco vento, aumentando polo oeste na xornada do domingo.

Como les, toca papar calor do bo nesta fin de semana, así que moito coidado e seguir as recomendacións pertinentes.

Comentarios (0) Xuñ 08 2017

Despois da tempestade, calma?

Posted: under O tempo.

Divertida fin de semana, non si? “Divertida” se estiveches polo centro e leste peninsulares porque o ceo non parou de ruxir con tanta treboada, mentres polo oeste estivemos máis tranquilos. Cando rematará isto? Paso a dicircho agora mesmo.

Como ves na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde, as nubes xa mandan polo noroeste coa entrada da fronte, quedando o resto do territorio peninsular máis libre delas e, polo tanto, con máis sol.

Pois ben, esas nubes son anticipo dalgún pequeno cambio porque significan a entrada dunha fronte que durante o que queda de día de hoxe e mañá cruzará o norte peninsular nubrando o ceo e deixando precipitacións. Xa logo as altas presións serán as que irán collendo sitio sobre a península deixando un tempo relativamente estable, aínda que con algunhas nubes en toda a península. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita), sendo as da parte superior as previstas para mañá martes ao mediodía e as da parte inferior as previstas para a medianoite do mércores ao xoves.

Ao mesmo tempo que se consolidan as altas presións iremos notando o aumento das temperaturas, especialmente polo centro e sur peninsulares, voltando a valores calorosos a partir de mediada a semana.

O vento estará presente na xornada de mañá polo norte aínda con certa intensidade, mentres que no resto da península estará tranquilo. Será cara finais de semana cando polo sur o vento de levante aumentará a súa intensidade e soprará con certa forza.

Despois duns días tranquilos e como estás a comprobar, a chuvia está de volta. Temos o paso dun sistema frontal que durante esta madrugada aínda deixará chuvia, pero xa logo a atmosfera irase estabilizando cara o resto da semana e o sol será máis protagonista que as nubes. Todo isto cun aumento das temperaturas, voltando a ser calorosas a partir do mércores, e moi pouco vento.

Como les, toca tranquilidade para esta semana nisto do tempo, así que haberá que gozar dela, non vaia a ser.

Comentarios (0) Xuñ 05 2017

Máis inestabilidade?

Posted: under O tempo.

Ben, estamos chegando á fin de semana e toca saber o tempo que nos virá, verdade? A semana foi relativamente tranquila en moitos puntos da península, mentres que noutros non tanto, pero, seguirá así? A iso vou agora mesmo.

De momento as nubes mandan polo norte e oeste peninsulares principalmente, mentres que no resto é o sol o que manda, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, este conto da inestabilidade non che vai cambiar moito. Seguiremos con ela ao longo da fin de semana, estando moi presente polo norte, centro e leste peninsulares onde as nubes e a chuvia serán protagonistas e nalgúns puntos esta chuvia será moi importante polo leste. No resto da península estarase máis tranquilo, aínda que con algunha nube e sol. Podes ver isto nas seguintes do modelo GFS previstas para o vindeiro sábado pola tarde para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Coa temperatura polo centro e sur comezarán a fin de semana con esta calor, pero xa logo refrescarán algo, non tanto coma polo norte que xa desde o comezo da fin de semana se irán relaxando con xeito os valores térmicos.

O vento apenas se notará na península, a menos que estés polo oeste e algo no sur no comezo da fin de semana porque aí si que se notará un chisco máis.

Si, apenas choverá en Galicia esta fin de semana. Apunta a que será tranquila, con nubes e claros, temperaturas relaxadas, un chisco máis frescas que hoxe e algunha que outra chuvia feble polo litoral coruñés. Iso si, o vento polo oeste poderá fastidiar bastante porque soprará con certa intensidade mentres que polo interior nin nos enteraremos.

Como les, quedámonos no medio camiño entre o sol pleno e a chuvia xeitosa. Quizais esta chuvia veña rabuda en moitos puntos do leste peninsular.

Comentarios (0) Xuñ 01 2017