Despois da tempestade, calma?

Posted: under O tempo.

Divertida fin de semana, non si? “Divertida” se estiveches polo centro e leste peninsulares porque o ceo non parou de ruxir con tanta treboada, mentres polo oeste estivemos máis tranquilos. Cando rematará isto? Paso a dicircho agora mesmo.

Como ves na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde, as nubes xa mandan polo noroeste coa entrada da fronte, quedando o resto do territorio peninsular máis libre delas e, polo tanto, con máis sol.

Pois ben, esas nubes son anticipo dalgún pequeno cambio porque significan a entrada dunha fronte que durante o que queda de día de hoxe e mañá cruzará o norte peninsular nubrando o ceo e deixando precipitacións. Xa logo as altas presións serán as que irán collendo sitio sobre a península deixando un tempo relativamente estable, aínda que con algunhas nubes en toda a península. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita), sendo as da parte superior as previstas para mañá martes ao mediodía e as da parte inferior as previstas para a medianoite do mércores ao xoves.

Ao mesmo tempo que se consolidan as altas presións iremos notando o aumento das temperaturas, especialmente polo centro e sur peninsulares, voltando a valores calorosos a partir de mediada a semana.

O vento estará presente na xornada de mañá polo norte aínda con certa intensidade, mentres que no resto da península estará tranquilo. Será cara finais de semana cando polo sur o vento de levante aumentará a súa intensidade e soprará con certa forza.

Despois duns días tranquilos e como estás a comprobar, a chuvia está de volta. Temos o paso dun sistema frontal que durante esta madrugada aínda deixará chuvia, pero xa logo a atmosfera irase estabilizando cara o resto da semana e o sol será máis protagonista que as nubes. Todo isto cun aumento das temperaturas, voltando a ser calorosas a partir do mércores, e moi pouco vento.

Como les, toca tranquilidade para esta semana nisto do tempo, así que haberá que gozar dela, non vaia a ser.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.