Sobrevivindo á calor?

Posted: under O tempo.

Buff, vaia calor vai!!! Seguro que é o que estás a dicir desde fai uns días, non si? Pois raźon non che falta. Agora seguro que o que queres saber é cando marchará, así que vou ver se cho digo.

Como ves na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde, o sol é protagonista en liñas xerais, aínda que algunha nube polo litoral cantábrico se pode apreciar xunto coas nubes de evolución que deixaron algunha que outra treboada por Castela e León.

Pois ben, a situación non vai cambiar a grandes rasgos porque as altas presións van a seguir mandando sobre a península Ibérica xunto coa masa de aire cálido. E isto en que se traduce? No mesmo que estamos a ter estes días: pouca nube, moito sol e moita máis calor. Agora ben, hai un matiz que compre salientar e que non é outro que o da posibilidade, lixeira, pero posibilidade, dalgunha treboada polo centro e norte ao longo da semana. Podes ver isto resumido nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

E si, como xa che adiantei seguirá a calor. Moita calor polo centro e sur peninsulares con valores máximos por riba dos 40º e por riba dos 30º en gran parte da península. Podes apreciar isto nos valores morados no centro e sur da península das seguintes imaxes do modelo previstas para mañá martes (esquerda), o mércores (centro) e o xoves (dereita) para o campo de temperatura a 850hPa, sobre os 1500 metros de altura.

De vento, como podes supoñer, tranquilos; agás un aumento cara finais de semana polo oeste peninsular.

Si, en Galicia tamén paparemos calor. En gran parte do país acadaranse máximas por riba dos 30º co litoral norte un pouco máis relaxados. De ceo haberá bastante sol, pero ollo que poderían aparecer as treboadas en zonas altas e do interior e deixar algún que outro chuvasco que refresque o ambiente. De vento relativamente en calma ata mediada a semana que será cando polo litoral atlántico aumente a súa intensidade.

Como les, toca seguir papando calor, e moito; así que extremar precaucións e moito coidado que te quero o xoves por aquí para contarche se isto remata ou non.

Comentarios (0) Xuñ 12 2017