Máis calor?

Posted: under O tempo.

Se estás lendo é que sobreviviches á calor destes días e xa estarás ata as narices, por non usar outra expresión, del, non si? Agora che conto o que ven, pero…

Iso si, como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde, nalgúns sitios esta calor foi refrescada cunha boa ración de treboada.

Pois ben, a situación, sinto dicirche, non vai cambiar; mais ben ao contrario porque manterase igual e aínda con máis calor. Si, subirán as temperaturas e moitos puntos da península superarán os 40º e por riba dos 30º en practicamente o resto. Agora ben, polo centro e sur peninsulares voltará a posibilidade de que pola tarde aparezan as treboadas e refresque polas tardiñas. O resumo visual disto telo nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para a tarde do sábado: á esquerda o campo de isóbaras coas altas presións mandando e o campo de nebulosidade coas nubes de evolución e á dereita o campo de precipitación coa precipitación asociada a esas nubes de evolución.

Como xa che dixen fará moita calor, así que atenta/o aos avisos pertinentes e toma a correspondentes precaucións.

O vento non axudará a mitigar esta calor infernal porque apenas haberá, salvo polo litoral norte e litoral sur onde se notará un pouco máis e ata por momentos con certa intensidade.

E si, en Galicia tamén irá calor, moita calor nos sospeitosos habituais do interior de Ourense, sur de Lugo e Baixo Miño onde os 40º estarán aí e por riba dos 30º tamén en case todo o país, menos polo norte onde o vento que fará refrescará o ambiente. Iso si, algunha nube de evolución podería aparecer pola montaña ourensá na fin de semana.

Como les, toca seguir papando moita calor, así que a coidarse porque o luns quérote aquí para saber cando remata esta “ola de calor” que temos enriba.

Comentarios (0) Xuñ 15 2017