Marchará a calor por fin?

Posted: under O tempo.

Seguimos baixo os efectos desta calor abafante, non si? Xa che conto agora mesmo cando remata porque, xa che adianto, parece que haberá boas novas, pero con matices e a iso vou agora mesmo.

Polo momento no norte peninsular hai poucas novas do sol, mentres que no resto da península segue a ser o protagonista e mesmo quentando, aínda que con algunha que outra treboada, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, parece que algúns cambios si vai a haber nesta fin de semana. A entrada de aire frío en altura fará que as temperaturas se relaxen, especialmente polo norte peninsular e aumente en certa medida a inestabilidade. Polo tanto, haberá máis nubes no ceo que polo norte e mesmo poderán deixar algunhas gotas de chuvia xunto coa posibilidade dalgunha treboada na fin de semana polo centro e leste peninsulares. Podes comprobar isto nas saídas do modelo GFS previstas para o sábado pola tarde para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

E si, baixan as temperaturas. Por fin, dirás. Polo centro e sur notarase pouco e será no resto onde notaremos esa baixada ata valores máis acaidos para esta época do ano.

O vento seguirá a estar tranquilo, agás polo oeste na fin de semana onde aumentará a súa intensidade e un pouco menos polo sur.

Refrescaremos en Galicia. Si, aínda que non o creas, esa é a nova para os vindeiros días. Deixaremos os valores altos de temperatura e voltaremos a valores máis normais para esta época do ano con máximas pouco sobre os 30º nos puntos quentes do país que todos sabemos. Tamén haberá máis nubes polo norte e non se descarta algunha chuvia feble. O vento comezará a aumentar na fin de semana polo litoral, estando practicamente ausente antes.

Como les, parece que polo norte relaxaremos coa calor e no resto non tanto, pero si algo menos e todo isto sen chuvia apenas.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.