Veraneando en serio?

Posted: under O tempo.

Rematamos mes e xa temos o mes de agosto enriba, típico mes de vacacións por excelencia, e ti pensando no tempo e en se podes ir a praia ou non, verdade? Pois para todo o mes non, pero para esta semana algo che vou dicir agora deste tempo.

O que temos neste momentos e que podes ver na seguinte imaxe de satélite desta tarde non é outra cousa que unha fronte afectando ao oeste peninsular, mentres que o resto do territorio luce o sol.

Pois ben, a situación non vai a cambiar moito nos vindeiros días. As altas presións van a seguir mandando en liñas xerais, cun lixeiro debilitamento das mesmas polo norte no remate da semana. Isto significa que o sol será o protagonista principal sobre a península con algunhas nubes por aí desperdigadas, con aumento das mesmas xa rematando a semana debido ao achegamento dun sistema frontal feble que anubrará o norte mesmo podería deixar algunha chuvia feble. Pero ollo, que non todo vai ser tranquilidade porque polo leste peninsular existe a posibilidade de que algún chuvasco treboento poda aparecer e deixe algo de chuvia, mesmo forte. Podes ver todo isto na seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores pola tarde para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Se xa está a facer calor, aínda irá máis porque as temperaturas estarán en ascenso xeneralizado en toda a península, chegando a valores bastante calorosos polo centro e sur cara a finais da semana.

O vento estará tranquilo, agás polo sur onde se notará máis e polo noroeste a partir da tarde do mércores avisando da entrada da fronte.

Si, aínda que non estará un tempo de praia, a chuvia vai respetar a Galicia. Non de todo, pero en gran medida si. O litoral das provincias da Coruña e Pontevedra presentará máis nubes que irán a menos segundo nos movamos cara o leste. En dentro desas nubes non se descarta algún orballo alá pola Costa da Morte. De vento sen noticias ata o mércores pola noite e xoves como avanzadilla da entrada dunha fronte feble. Iso si, cada día un chisco máis de calor, pero sen chegar a valores abafantes.

Como les, toca semana de verán case típica co refresco treboento polo leste, así que coidado non te pille unha boa molladura.

Comentarios (0) Xul 31 2017

Tranquilidade meteorolóxica?

Posted: under O tempo.

Ben, despois da pequena ponte que me fixen o luns con isto do Día da Patria Galega o martes, xa retomo a miña actividade neste blogue e che traio a predición para esta fin de semana. E como virá? Seguro que é o que te estás a preguntar, verdade? Pois agora che saco de dúbidas.

De momento o que manda é o sol, agás se estás polo norte e noroeste onde unha fronte está a deixar o ceo con algunha nube e mesmo algún que outro orballo, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, a situación non che vai a cambiar moito. Maioritariamente as altas presións ao oeste da península Ibérica serán as que condicionen o tempo, así que o sol con algunha nube de decoración está garantizado para os vindeiros días. Agora ben, polo noroeste podería rozar algunha fronte feble e deixar algo de chuvia, así como aparecer algún que outro chuvasco treboento polo leste peninsular. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para a tarde do sábado: á esquerda o campo de isóbaras e nebulosidade e á dereita o campo de precipitación.

Iso si, seguirá a calor en gran parte da península, agás polo norte onde relaxará co avance dos días.

O vento estará tranquilo e salvo o noroeste, apenas se notará.

Si, Galicia, ese noroeste do que estou a falar nos parágrafos anteriores será o recuncho onde non haberá tanto sol. A fin de semana non pinta moito de praia porque polo litoral é por onde máis nubes haberá e quedando o leste máis libre delas e mesmo con bastante sol por momentos. Teremos descenso de temperaturas paseniño día a día e paralelamente un aumento da intensidade do vento.

Como les, menos se andas polo noroeste, no resto da península non pinta nada mal esta derradeira fin de semana de xullo e se andas polo noroeste, pois eche o que ten o verán por aquí.

Comentarios (0) Xul 27 2017

Tempo de relax?

Posted: under O tempo.

Aínda estamos recuperándonos da calor destes días, pero ao mesmo tempo mirando cara a fin de semana para ver o que a atmosfera nos ten preparada, non si? Pois xa me poño a analizar mapas e paso a contarcho.

O que ves na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde é que as nubes mandaron sobre o norte e, en menor medida, polo leste penisnular e mesmo polo Cantábrico deixaron algunha que outra chuvia.

Pois ben, parece que a situación vaise manter nos vindeiros días. As altas presións influenciarán á península Ibérica, pero non de xeito completo. Así, polo norte aínda se esperan algunhas nubes e mesmo con algo de chuvia, mentres no resto do territorio peninsular o sol será o protagonista, pero ollo, que polo leste poderán aparecer algún chuvasco treboento. Podes ver isto nas saídas do modelo GFS previstas para o sábado ao mediodía: á esquerda os campos de isóbaras e nebulosidade e á dereita o de precipitación.

De temperatura imos andar ben. As altísimas temperaturas xa case son historia e estaremos en valores máis normais para esta época do ano polo centro e sur, mentres que polo norte chegarán a eles co previsto ascenso progresivo das temperaturas segundo avancen os días.

Co vento só polo oeste haberá problemas porque soprará con certa intensidade porque no resto da península apenas se notará.

O tempo para Galicia non pinta mal. Irase compondo e o sol irá collendo sitio no ceo do país, agás polo noroeste onde haberá máis nubes e mesmo algunha gota se podería escapar na mañá do sábado, pero en xeral, tempo bastante agradable porque de temperatura imos estar ben, sen calor de máis; con valores normais para esta época do ano. O vent estará tranquilo en liñas xerais, agás na fin de semana pola zona da Rías Baixas soprará con certa intensidade.

Como les, non pinta mal a fin de semana. A calor gorda marchou, ven calor normal e con bastante sol e quizais algunha que outra treboada polo leste peninsular.

Comentarios (0) Xul 20 2017

Cambiando o tempo?

Posted: under O tempo.

Ben, xa non sei que dicir da calor destes días. Despois dunha fin de semana moi calorosa onde se batiron records históricos de temperatura, só queda saber se esta calor abafante marcha ou non e, de seguro, que o teu comentario é que se vaia xa dunha vez, non si? Vou ver se é verdade e contarcho.

Como ves o sol segue sobre a península Ibérica no día de hoxe e quentando, pero xa con algunha nube de evolución aparecendo por aí e algunhas brétemas no litoral oeste, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, esta estabilidade e esta calor vai a ir tocando ao seu fin. As altas presións retiraranse cara o oeste e a masa de aire cálido, culpable de toda esta calor, marchará. E que provocará isto? Pois que unha fronte chegará polo norte a partir do mércores anubrando máis o ceo principalmente polo norte, pero xa desde o martes aportando aire frío nas capas medias e altas da atmosfera. Isto significa que xa mañá martes poderían aparecer algunhas nubes entrando polo oeste xunto coa posibilidade dalgún que outro chuvasco treboento polo centro e norte peninsulares. Xa a partir do mércores esta posibilidade se estende a todo o norte e leste peninsulares e esa fronte deixará moitas máis nubes polo norte e mesmo algo de chuvia, treboenta nalgún caso ata finais de semana. Polo sur, xa menos nubes e seguirán co sol, pero quentando menos. Podes ver isto resumido nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para a tarde do mércores para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Como xa dixen, as temperaturas estarán en descenso. Si, marchará esta calor abafante e volveremos a valores máis típicos desta época do ano. Iso si, pouquiño a pouco co paso dos días será este descenso. Se non me cres, podes ver este descenso se comparas as seguintes imaxes da temperatura: á esquerda a deste mediodía de luns e á dereita á prevista para o xoves a esa mesma hora.

En canto ao vento, mañá aínda o vento de levante fará das súas polo sur, pero xa con tendencia a ir remitindo nos seguintes días. No resto da península estará tranquilo, agás polo oeste onde co remate da semana irá aumentando a súa intensidade.

Si, tamén marchará a calor de Galicia. Onte e hoxe foron día de carallo, pero xa co avance dos días a masa de aire quente marcha e recuperaremos valores máis normais e tranquilos, sobre todo pola noite. A culpabilidade disto estará na entrada dunha fronte no día de mañá que xa irá anubrando o ceo galego polo oeste e continuará o mércores deixando algunha chuvia, máis probable e intensa polo oeste do país e menos canto máis ao leste. Despois o xoves a probabilidade de chuvia sería baixa, pero aínda con nubes que irán a menos. O vento estará presente ao longo da semana notándose un pouco, por momento máis e por momentos menos.

Como les, polo menos a calor marcha. Voltaremos a valores normais do verán, pero se os valores extremos destes días.

Comentarios (0) Xul 17 2017

Marchará a calor?

Posted: under O tempo.

Buff, vai moita calor, verdade? Xa cho dicía o luns pasado e os prognósticos estanse a cumprir porque parece que isto aínda non acabou, ou si? Agora cho digo.

O que ves na seguinte imaxe de satélite é como o anticiclón e o vento de compoñente norte están a afectar á península Ibérica con ceo practicamente despexado, agás esa boina de nubes que é o Cantábrico.

Pois ben, este conto vaiche seguir igual. As altas presións xunto coa masa de aire quente van a continuar na península Ibérica durante os vindeiros días. Así que, o sol seguirá a ser o protagonista, agás polo norte onde novamente o vento do norte provocará a aparición dalgunhas nubes e que mesmo poderían deixar algo de chuvia. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o sábado ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Agora ben, o domingo poderían chegar algo de cambios, pero tranquilidade que tampouco serán moitos e unicamente sería a posibilidade de que aparecesen nubes de evolución e mesmo algún chuvasco treboento para refrescar o ambiente.

Si, a calor vai a seguir na fin de semana. Seguirá esta vaga de calor que está afectando ao centro e sur da península, pero con temperaturas tamén máis altas do normal polo norte.

De vento imos estar relaxados ao longo da fin de semana, agás polo noroeste e sueste onde ser notará un pouco máis.

Si, tamén teremos calor en Galicia. Xa levamos un par de días que lle está a chegar, pero sinto dicirche que aínda queda ata o comezo da semana que ven para que se marche porque seguiremos con valores por riba dos 30º en moitos puntos do país e sen descartar que se alcancen os 40º nalgún punto do interior galego. Como podes supoñer o sol será o que mande. Algunha nube pola Mariña Luguesa, pero tempo seco e soleado toda a fin de semana. O único a destacar será o vento porque polo litoral e nalgún punto de terra se podería deixar notar con certa importancia.

Como les, seguimos baixo os efectos da masa de aire cálido que chegou mediada a semana e que tanto lle gusta a península porque non da marchado, así que toca levalo o mellor que se poida e obedecer as indicicacións que se nos dan para mitigar o seu efecto.

Comentarios (0) Xul 13 2017

Outra vez a abafar de calor?

Posted: under O tempo.

Comezmos unha semana máis deste mes de xullo que no tempo está vindo un pouco rariño, non si? E que non terá preparado para esta semana? Xa cho conto agora porque telita o que ven.

De momento o que temos xa é moito sol sobre a península Ibérica, pero con algunhas nubes polo norte que mesmo deixaron algunha chuvia moi feble, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde.

Pois ben, parece que a situación se vai a ir estabilizando esta semana e non sei se che gustará porque as altas presións irán collendo sobre a península, co seu centro ao oeste da mesma. Porén, o problema estará na masa de aire quente que entrará polo sur e que nos deixará un aumento de temperaturas moi importante. Vamos, que irá moita calor no centro e sur peninsulares, principalmente, con valores máximos que pasarán tranquilamente dos 40º en moitos puntos, sen descartar que se sobrepasen os 45º. Ademais ven para quedarse uns días a partir do mércores. Podes ver esta masa de aire nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para as tardes do mércores (esquerda) e do venres (dereita) nese ton tan rosáceo.

Do resto, pois esta estabilidade fará que o ceo peninsular esté con moito sol, agás polo norte onde o vento do nordés fará que haxa algunhas nubes, tal e como podes ver nas seguintes imaxes do modelo para os campos de isóbaras, co anticiclón ao oeste da península, e o campo de nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita) previstos para o mércores ao mediodía.

Agás polo oeste, o vento estará moi tranquiliño ao longo desta semana.

Si, tamén chega a estabilidade e a calor a Galicia. Mañá martes aínda quedarían algunhas nubes polo norte e mesmo con algún orballo. Xa, a partir do mércores, as altas presións mandarán traéndonos moito sol ao ceo galego e aumento das temperaturas. Esa masa de aire quente tamén nos afectará, pero en menor medida, pero o suficiente para que se acaden valores moi calorosos no final da semana, especialmente polo interior.  O vento, agás no litoral, non dará problemas e soprará frouxo.

Como les, temos outra semana de moita calor por diante, así que non fagas loucuras e segue os consellos pertinentes que te quero moito tempo para leres este blogue.

Comentarios (1) Xul 10 2017

Despois da tempestade, a calma?

Posted: under O tempo.

Que? Aínda coas treboadas no lombo? Foi esta unha semana movidiña, sobre todo hoxe onde da calor pasamos a inestabilidade, así sen anestesia nin nada, verdade? E agora é cando te estarás a preguntar se o tempo se vai compor ou non, así que xa paso a respostarche.

Como puideches comprobar, case non fai falta que che poña a imaxe de satélite desta tarde para comprobalo, as treboadas foron as protagonistas no día de hoxe en moitos puntos da península Ibérica onde deixaron chuvias importantes.

Pois ben, a situación de inestabilidade vai a continuar nos vindeiros días. A bolsa de ar frío seguirá por riba da península alimentando a inestabilidade e ata entrada a fin de semana non a abandonará. Polo tanto, mañá vernes continuará a alta probabilidade de chuvascos treboentos en calquer punto da xeografía peninsular, coa zona centro como á de máis alta probabilidade, tal e como podes ver nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para mañá venres pola tarde para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e precipitación (dereita).

Xa cara a fin de semana esta probabilidade tenderá a remitir, quedando aínda algún que outro chuvasco, pero con cambios polo norte con aumento da nebulosidade e mesmo algo de chuvia, mentres o sur queda máis libre dela. Para os mesmos campos de antes tes o resumo disto nas seguintes imaxes do modelo.

As temperaturas en xeral estarán tranquilas, en lixeiro descenso, notándose sobre todo polo leste. Todo isto ata o sábado porque o domingo mantéñense e mesmo polo sur poderían ascender un chisco.

O vento, agás polo norte, estará tranquilo porque soprará con intensidade frouxa, mentres que nesas zonas que che comentaba será un pouco máis intenso.

Despois das treboadas de hoxe, Galicia irá recuperando a normalidade pouquiño a pouco aínda que non de todo. Si, as altas presións veñen e deixarán un venres e, sobre todo, un sábado de moito máis sol e baixa probabilidade de chuvia. Xa o domingo voltarían algunhas nubes a ceo galego para deslucir e deixar unha xornada non de tanto sol. De temperaturas sen moitos cambios cunha lixeirisima tendencia ao ascenso. E o vento deixándose notar no litoral, especialmente polas Rías Baixas, mentres que no resto relativamente relaxados.

Como les, despois da tempestade ven a calma. Ou iso parece que é o que como se nos presenta a fin de semana.

Comentarios (0) Xul 06 2017

Calor e inestabilidade?

Posted: under O tempo.

Bueno, chegou o verán, non si? Porque despois da semana pasada que tivemos quen o ía crer, verdade? Pois agárrate que esta semana promete, xa cho vou adiantando.

De momento o que temos é moito sol e calor no día de hoxe, onde o sol manda sobre o ceo peninsular, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde.

Pois ben, a semana ven entretida porque teremos a visita dunha bolsa de ar frío en altura que provocará inestabilidade a partir do mércores. Onde? Esa é a cuestión porque en función de onde se sitúe haberá máis ou menos inestabilidade e afectará a unhas zonas ou a outras. Para ver a incertidume que a día de hoxe hai sobre a súa posición só tes que mirar a seguinte imaxe do ensemble do modelo WRF que temos en MeteoGalicia onde cada un dos 21 membros do ensemble mostra unha posición distinta sobre a península Ibérica. A bolsa de ar frío pódela recoñecer como ese círculo amarelo.

E dito isto só me queda traducircho en como o “sufrirás” ti, así que só che digo que mañá aínda toca unha xornada de moito sol e calor, pero xa cas primeiras treboadas que poderían aparecer polo norte. Xa a partir do mércores comeza a festa porque os chuvascos, moitos deles treboentos estarán presentes en case toda a península, quedando o sur un pouco máis libre. Iso si, serán máis ou menos frecuentes e intensos en función de onde se situe finalmente esa bolsa de ar frío que provocará, xunto co ar quente que xa hai en superficie, toda a inestabilidade suficiente para eses chuvascos. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para madrugada do mércores ao xoves para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e precipitación (dereita).

Como che dicía, aínda queda calor para mañá, pero xa logo as temperaturas irán baixando e a calor abafante irá marchando e quedaremos en valores máis frescos.

O vento de levante polo sur aínda continuará soprando e ben no día de mañá para logo ir remitindo no resto da semana. No resto da península pouca noticia del teremos, algún refacho así algo moderado na metada de semana, pero non gran cousa.

E si, tamén a inestabilidade chegará a Galicia. Mañá aínda paparemos calor da boa en case todo o país, pero especialmente no sur de Lugo e interior de Ourense; pero toma nota de que poderían aparecer as primeiras treboadas. A partir do mércores chega a inestabilidade con aumento da nebulosidade e da probabilidade de chuvia, así que ese día e o seguinte serán días grises con chuvia en Galicia e temperaturas máis frescas porque a bolsa esa tan famosa da que estou a falar, fará que o ambiente refresque, ao mesmo tempo que o inestabiliza. O vento soprará frouxo, agás no litoral norte onde soprará con maior intensidade.

Como les, temos por diante unha semana entretida nisto do tempo. Saber a quen lle toca hoxe a lotería dos chuvascos, especialmente os intensos, eche bastante difícil, pero toma nota por se che toca a ti.

Comentarios (0) Xul 03 2017