Calor e inestabilidade?

Posted: under O tempo.

Bueno, chegou o verán, non si? Porque despois da semana pasada que tivemos quen o ía crer, verdade? Pois agárrate que esta semana promete, xa cho vou adiantando.

De momento o que temos é moito sol e calor no día de hoxe, onde o sol manda sobre o ceo peninsular, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde.

Pois ben, a semana ven entretida porque teremos a visita dunha bolsa de ar frío en altura que provocará inestabilidade a partir do mércores. Onde? Esa é a cuestión porque en función de onde se sitúe haberá máis ou menos inestabilidade e afectará a unhas zonas ou a outras. Para ver a incertidume que a día de hoxe hai sobre a súa posición só tes que mirar a seguinte imaxe do ensemble do modelo WRF que temos en MeteoGalicia onde cada un dos 21 membros do ensemble mostra unha posición distinta sobre a península Ibérica. A bolsa de ar frío pódela recoñecer como ese círculo amarelo.

E dito isto só me queda traducircho en como o “sufrirás” ti, así que só che digo que mañá aínda toca unha xornada de moito sol e calor, pero xa cas primeiras treboadas que poderían aparecer polo norte. Xa a partir do mércores comeza a festa porque os chuvascos, moitos deles treboentos estarán presentes en case toda a península, quedando o sur un pouco máis libre. Iso si, serán máis ou menos frecuentes e intensos en función de onde se situe finalmente esa bolsa de ar frío que provocará, xunto co ar quente que xa hai en superficie, toda a inestabilidade suficiente para eses chuvascos. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para madrugada do mércores ao xoves para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e precipitación (dereita).

Como che dicía, aínda queda calor para mañá, pero xa logo as temperaturas irán baixando e a calor abafante irá marchando e quedaremos en valores máis frescos.

O vento de levante polo sur aínda continuará soprando e ben no día de mañá para logo ir remitindo no resto da semana. No resto da península pouca noticia del teremos, algún refacho así algo moderado na metada de semana, pero non gran cousa.

E si, tamén a inestabilidade chegará a Galicia. Mañá aínda paparemos calor da boa en case todo o país, pero especialmente no sur de Lugo e interior de Ourense; pero toma nota de que poderían aparecer as primeiras treboadas. A partir do mércores chega a inestabilidade con aumento da nebulosidade e da probabilidade de chuvia, así que ese día e o seguinte serán días grises con chuvia en Galicia e temperaturas máis frescas porque a bolsa esa tan famosa da que estou a falar, fará que o ambiente refresque, ao mesmo tempo que o inestabiliza. O vento soprará frouxo, agás no litoral norte onde soprará con maior intensidade.

Como les, temos por diante unha semana entretida nisto do tempo. Saber a quen lle toca hoxe a lotería dos chuvascos, especialmente os intensos, eche bastante difícil, pero toma nota por se che toca a ti.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.