Despois da tempestade, a calma?

Posted: under O tempo.

Que? Aínda coas treboadas no lombo? Foi esta unha semana movidiña, sobre todo hoxe onde da calor pasamos a inestabilidade, así sen anestesia nin nada, verdade? E agora é cando te estarás a preguntar se o tempo se vai compor ou non, así que xa paso a respostarche.

Como puideches comprobar, case non fai falta que che poña a imaxe de satélite desta tarde para comprobalo, as treboadas foron as protagonistas no día de hoxe en moitos puntos da península Ibérica onde deixaron chuvias importantes.

Pois ben, a situación de inestabilidade vai a continuar nos vindeiros días. A bolsa de ar frío seguirá por riba da península alimentando a inestabilidade e ata entrada a fin de semana non a abandonará. Polo tanto, mañá vernes continuará a alta probabilidade de chuvascos treboentos en calquer punto da xeografía peninsular, coa zona centro como á de máis alta probabilidade, tal e como podes ver nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para mañá venres pola tarde para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e precipitación (dereita).

Xa cara a fin de semana esta probabilidade tenderá a remitir, quedando aínda algún que outro chuvasco, pero con cambios polo norte con aumento da nebulosidade e mesmo algo de chuvia, mentres o sur queda máis libre dela. Para os mesmos campos de antes tes o resumo disto nas seguintes imaxes do modelo.

As temperaturas en xeral estarán tranquilas, en lixeiro descenso, notándose sobre todo polo leste. Todo isto ata o sábado porque o domingo mantéñense e mesmo polo sur poderían ascender un chisco.

O vento, agás polo norte, estará tranquilo porque soprará con intensidade frouxa, mentres que nesas zonas que che comentaba será un pouco máis intenso.

Despois das treboadas de hoxe, Galicia irá recuperando a normalidade pouquiño a pouco aínda que non de todo. Si, as altas presións veñen e deixarán un venres e, sobre todo, un sábado de moito máis sol e baixa probabilidade de chuvia. Xa o domingo voltarían algunhas nubes a ceo galego para deslucir e deixar unha xornada non de tanto sol. De temperaturas sen moitos cambios cunha lixeirisima tendencia ao ascenso. E o vento deixándose notar no litoral, especialmente polas Rías Baixas, mentres que no resto relativamente relaxados.

Como les, despois da tempestade ven a calma. Ou iso parece que é o que como se nos presenta a fin de semana.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.