Outra vez a abafar de calor?

Posted: under O tempo.

Comezmos unha semana máis deste mes de xullo que no tempo está vindo un pouco rariño, non si? E que non terá preparado para esta semana? Xa cho conto agora porque telita o que ven.

De momento o que temos xa é moito sol sobre a península Ibérica, pero con algunhas nubes polo norte que mesmo deixaron algunha chuvia moi feble, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde.

Pois ben, parece que a situación se vai a ir estabilizando esta semana e non sei se che gustará porque as altas presións irán collendo sobre a península, co seu centro ao oeste da mesma. Porén, o problema estará na masa de aire quente que entrará polo sur e que nos deixará un aumento de temperaturas moi importante. Vamos, que irá moita calor no centro e sur peninsulares, principalmente, con valores máximos que pasarán tranquilamente dos 40º en moitos puntos, sen descartar que se sobrepasen os 45º. Ademais ven para quedarse uns días a partir do mércores. Podes ver esta masa de aire nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para as tardes do mércores (esquerda) e do venres (dereita) nese ton tan rosáceo.

Do resto, pois esta estabilidade fará que o ceo peninsular esté con moito sol, agás polo norte onde o vento do nordés fará que haxa algunhas nubes, tal e como podes ver nas seguintes imaxes do modelo para os campos de isóbaras, co anticiclón ao oeste da península, e o campo de nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita) previstos para o mércores ao mediodía.

Agás polo oeste, o vento estará moi tranquiliño ao longo desta semana.

Si, tamén chega a estabilidade e a calor a Galicia. Mañá martes aínda quedarían algunhas nubes polo norte e mesmo con algún orballo. Xa, a partir do mércores, as altas presións mandarán traéndonos moito sol ao ceo galego e aumento das temperaturas. Esa masa de aire quente tamén nos afectará, pero en menor medida, pero o suficiente para que se acaden valores moi calorosos no final da semana, especialmente polo interior.  O vento, agás no litoral, non dará problemas e soprará frouxo.

Como les, temos outra semana de moita calor por diante, así que non fagas loucuras e segue os consellos pertinentes que te quero moito tempo para leres este blogue.

Comentarios (1) Xul 10 2017