Cambiando o tempo?

Posted: under O tempo.

Ben, xa non sei que dicir da calor destes días. Despois dunha fin de semana moi calorosa onde se batiron records históricos de temperatura, só queda saber se esta calor abafante marcha ou non e, de seguro, que o teu comentario é que se vaia xa dunha vez, non si? Vou ver se é verdade e contarcho.

Como ves o sol segue sobre a península Ibérica no día de hoxe e quentando, pero xa con algunha nube de evolución aparecendo por aí e algunhas brétemas no litoral oeste, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, esta estabilidade e esta calor vai a ir tocando ao seu fin. As altas presións retiraranse cara o oeste e a masa de aire cálido, culpable de toda esta calor, marchará. E que provocará isto? Pois que unha fronte chegará polo norte a partir do mércores anubrando máis o ceo principalmente polo norte, pero xa desde o martes aportando aire frío nas capas medias e altas da atmosfera. Isto significa que xa mañá martes poderían aparecer algunhas nubes entrando polo oeste xunto coa posibilidade dalgún que outro chuvasco treboento polo centro e norte peninsulares. Xa a partir do mércores esta posibilidade se estende a todo o norte e leste peninsulares e esa fronte deixará moitas máis nubes polo norte e mesmo algo de chuvia, treboenta nalgún caso ata finais de semana. Polo sur, xa menos nubes e seguirán co sol, pero quentando menos. Podes ver isto resumido nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para a tarde do mércores para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Como xa dixen, as temperaturas estarán en descenso. Si, marchará esta calor abafante e volveremos a valores máis típicos desta época do ano. Iso si, pouquiño a pouco co paso dos días será este descenso. Se non me cres, podes ver este descenso se comparas as seguintes imaxes da temperatura: á esquerda a deste mediodía de luns e á dereita á prevista para o xoves a esa mesma hora.

En canto ao vento, mañá aínda o vento de levante fará das súas polo sur, pero xa con tendencia a ir remitindo nos seguintes días. No resto da península estará tranquilo, agás polo oeste onde co remate da semana irá aumentando a súa intensidade.

Si, tamén marchará a calor de Galicia. Onte e hoxe foron día de carallo, pero xa co avance dos días a masa de aire quente marcha e recuperaremos valores máis normais e tranquilos, sobre todo pola noite. A culpabilidade disto estará na entrada dunha fronte no día de mañá que xa irá anubrando o ceo galego polo oeste e continuará o mércores deixando algunha chuvia, máis probable e intensa polo oeste do país e menos canto máis ao leste. Despois o xoves a probabilidade de chuvia sería baixa, pero aínda con nubes que irán a menos. O vento estará presente ao longo da semana notándose un pouco, por momento máis e por momentos menos.

Como les, polo menos a calor marcha. Voltaremos a valores normais do verán, pero se os valores extremos destes días.

Comentarios (0) Xul 17 2017