Tempo de relax?

Posted: under O tempo.

Aínda estamos recuperándonos da calor destes días, pero ao mesmo tempo mirando cara a fin de semana para ver o que a atmosfera nos ten preparada, non si? Pois xa me poño a analizar mapas e paso a contarcho.

O que ves na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde é que as nubes mandaron sobre o norte e, en menor medida, polo leste penisnular e mesmo polo Cantábrico deixaron algunha que outra chuvia.

Pois ben, parece que a situación vaise manter nos vindeiros días. As altas presións influenciarán á península Ibérica, pero non de xeito completo. Así, polo norte aínda se esperan algunhas nubes e mesmo con algo de chuvia, mentres no resto do territorio peninsular o sol será o protagonista, pero ollo, que polo leste poderán aparecer algún chuvasco treboento. Podes ver isto nas saídas do modelo GFS previstas para o sábado ao mediodía: á esquerda os campos de isóbaras e nebulosidade e á dereita o de precipitación.

De temperatura imos andar ben. As altísimas temperaturas xa case son historia e estaremos en valores máis normais para esta época do ano polo centro e sur, mentres que polo norte chegarán a eles co previsto ascenso progresivo das temperaturas segundo avancen os días.

Co vento só polo oeste haberá problemas porque soprará con certa intensidade porque no resto da península apenas se notará.

O tempo para Galicia non pinta mal. Irase compondo e o sol irá collendo sitio no ceo do país, agás polo noroeste onde haberá máis nubes e mesmo algunha gota se podería escapar na mañá do sábado, pero en xeral, tempo bastante agradable porque de temperatura imos estar ben, sen calor de máis; con valores normais para esta época do ano. O vent estará tranquilo en liñas xerais, agás na fin de semana pola zona da Rías Baixas soprará con certa intensidade.

Como les, non pinta mal a fin de semana. A calor gorda marchou, ven calor normal e con bastante sol e quizais algunha que outra treboada polo leste peninsular.

Comentarios (0) Xul 20 2017