Tranquilidade meteorolóxica?

Posted: under O tempo.

Ben, despois da pequena ponte que me fixen o luns con isto do Día da Patria Galega o martes, xa retomo a miña actividade neste blogue e che traio a predición para esta fin de semana. E como virá? Seguro que é o que te estás a preguntar, verdade? Pois agora che saco de dúbidas.

De momento o que manda é o sol, agás se estás polo norte e noroeste onde unha fronte está a deixar o ceo con algunha nube e mesmo algún que outro orballo, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, a situación non che vai a cambiar moito. Maioritariamente as altas presións ao oeste da península Ibérica serán as que condicionen o tempo, así que o sol con algunha nube de decoración está garantizado para os vindeiros días. Agora ben, polo noroeste podería rozar algunha fronte feble e deixar algo de chuvia, así como aparecer algún que outro chuvasco treboento polo leste peninsular. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para a tarde do sábado: á esquerda o campo de isóbaras e nebulosidade e á dereita o campo de precipitación.

Iso si, seguirá a calor en gran parte da península, agás polo norte onde relaxará co avance dos días.

O vento estará tranquilo e salvo o noroeste, apenas se notará.

Si, Galicia, ese noroeste do que estou a falar nos parágrafos anteriores será o recuncho onde non haberá tanto sol. A fin de semana non pinta moito de praia porque polo litoral é por onde máis nubes haberá e quedando o leste máis libre delas e mesmo con bastante sol por momentos. Teremos descenso de temperaturas paseniño día a día e paralelamente un aumento da intensidade do vento.

Como les, menos se andas polo noroeste, no resto da península non pinta nada mal esta derradeira fin de semana de xullo e se andas polo noroeste, pois eche o que ten o verán por aquí.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.