Veraneando en serio?

Posted: under O tempo.

Rematamos mes e xa temos o mes de agosto enriba, típico mes de vacacións por excelencia, e ti pensando no tempo e en se podes ir a praia ou non, verdade? Pois para todo o mes non, pero para esta semana algo che vou dicir agora deste tempo.

O que temos neste momentos e que podes ver na seguinte imaxe de satélite desta tarde non é outra cousa que unha fronte afectando ao oeste peninsular, mentres que o resto do territorio luce o sol.

Pois ben, a situación non vai a cambiar moito nos vindeiros días. As altas presións van a seguir mandando en liñas xerais, cun lixeiro debilitamento das mesmas polo norte no remate da semana. Isto significa que o sol será o protagonista principal sobre a península con algunhas nubes por aí desperdigadas, con aumento das mesmas xa rematando a semana debido ao achegamento dun sistema frontal feble que anubrará o norte mesmo podería deixar algunha chuvia feble. Pero ollo, que non todo vai ser tranquilidade porque polo leste peninsular existe a posibilidade de que algún chuvasco treboento poda aparecer e deixe algo de chuvia, mesmo forte. Podes ver todo isto na seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores pola tarde para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Se xa está a facer calor, aínda irá máis porque as temperaturas estarán en ascenso xeneralizado en toda a península, chegando a valores bastante calorosos polo centro e sur cara a finais da semana.

O vento estará tranquilo, agás polo sur onde se notará máis e polo noroeste a partir da tarde do mércores avisando da entrada da fronte.

Si, aínda que non estará un tempo de praia, a chuvia vai respetar a Galicia. Non de todo, pero en gran medida si. O litoral das provincias da Coruña e Pontevedra presentará máis nubes que irán a menos segundo nos movamos cara o leste. En dentro desas nubes non se descarta algún orballo alá pola Costa da Morte. De vento sen noticias ata o mércores pola noite e xoves como avanzadilla da entrada dunha fronte feble. Iso si, cada día un chisco máis de calor, pero sen chegar a valores abafantes.

Como les, toca semana de verán case típica co refresco treboento polo leste, así que coidado non te pille unha boa molladura.

Comentarios (0) Xul 31 2017