Verán con xeito?

Posted: under O tempo.

Xa case estamos na metade do mes e cunha ponte á vista no comezo da vindeira semana, así que hoxe toca estender un pouco máis a predición porque de seguro que estás a facer plans, non si? Pois alá vou.

O que temos enriba nosa aínda son nubes se te atopas polo norte peninsular, mentres que a medida que estés máis preto do sur o que terás é o sol, pero non quentando tanto debido á entrada de aire frío do día de onte e que fixo que algo refrescase. Para ver o estado do ceo só tes que centrarte na seguinte imaxe de satélite desta tarde e comprobar o que che acabo de dicir.

Pois ben, a situación non che vai cambiar moito no sentido do estado do ceo porque no da temperatura si. Este aire frío que fixo baixar as temperaturas con valores moi por baixo dos habituais en agosto polo norte vaise a retirar e pouco a pouco irán subindo os valores nos termómetros. Seguiremos con moito sol, algunhas nubes polo litoral cantábrico, durante os vindeiros días con tendencia, xa entrada a semana, a perderse algo de influencia anticiclónica polo norte e que poda chegar algunha fronte que anubre máis o ceo e deixe algo de precipitacións. Iso si, aínda quedará a posibilidade dalgún chuvasco treboento no día de mañá e menos na fin de semana. Resumindo, ata o domingo e case o luns moito sol con temperaturas en ascenso, calorosas polo centro e sur e xa a partir do martes máis nubes polo norte e mesmo algo de chuvia, sen descartar treboadas e con temperaturas en descenso nesas zonas. E agora en imaxes coas saídas do modelo GFS previstas para este sábado ao mediodía (imaxes superiores) e as previstas para a medianoite do luns ao martes (imaxes inferiores) para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e precipitación (dereita).

Como dicía, as temperaturas irán subindo pouco a pouco, notándose sobre todo polo norte (como non co “frío” que fixo estes días) e volvendo a valores calorosos non centro e sur peninsulares. Co comezo da semana volta o descenso ao norte e non tanto no resto.

O vento de levante con intensidade importante acompañará polo sur e sueste peninsulares durante os vindeiros días, xunto co vento do norte polo litoral atlántico. No resto todo máis tranquilo, moi pouco vento en xeral.

E si, imos encadenar varios días de sol seguidos en Galicia. Polo menos ata o luns respetaría este sol que comezou hoxe a quentar de novo, así que toca ter o “kit de praia” listo porque poderemos gozar del como mínimo ata o luns. Xa logo parece que as condicións cambian e o anticiclón retírase un pouco e chegarían algunhas nubes. Iso si, todo isto hai que collelo con pinzas e tomalo como unha tendencia e, en termos deportivos, hai que ir indo “partido a partido” como está sendo este verán en Galicia. Como dicía, as temperaturas voltarán a valores máis típicos de agosto con máis calor polo interior e Rías Baixas xunto cunha diminución da intensidade do vento que seguirá a ser do nordés.

Como les, non pinta mal nin a fin de semana nin a ponte, salvo se te atopas polo norte porque por aí si se esperan algo de cambios no comezo da vindeira semana.

Non hai comentarios

No comments yet.

Leave a comment

Tes que iniciar sesión para publicar comentarios.