Fin de semana treboento?

Posted: under O tempo.

Ben, estamos ás portas da fin de semana e despois de tanta calor xa estás que ferves para que chegue algo de auga para refrescar, non si? Pois imos ver se será nesta fin de semana ou non.

De momento de chuvia nada, como podes ver na seguinte imaxe de satélite onde, salvo polo norte, no resto da península o sol foi o que mandou e quentando ben outro día máis.

Pois ben, parece que a situación vai a cambiar nos vindeiros días, mais concretamente na fin de semana porque mañá venres aínda haberá estabilidade con bastante sol. Aínda non está moi clara a situación concreta, pero a xeral si e non é outra que o descolgue dunha DANA (Depresión Aislada en Niveles Altos) que vai a afectar á península Ibérica. Digo que a situación concreta aínda non está clara porque segundo se coloque a DANA vai provocar máis ou menos chuvascos treboentos con maior ou menor intensidade. En xeral, a probabilidade é alta en toda a península, pero, como digo, segundo a posición exacta da DANA as consecuencias serán maiores ou menores. Para ilustrar isto póñoche as dúas seguintes imaxes do modelo probabilístico de ensembles  con 21 membros do WRF que usamos en MeteoGalicia:

1.- Aquí podes ver o campo de isóbaras en superficie e en capas medias previsto para a madrugada do sábado ao domingo onde unha baixa se vai a situar ao oeste da península Ibérica en liñas xerais, pero maís ou menos preto desprazándose a DANA con ela sobre a mesma.

2.- Aquí podes ver a precipitación acumulada para o domingo pola tarde onde, como podes ver, cada membro do ensemble coloca os núcleos importantes de precipitación segundo a posición da DANA.

Resumindo, mañá venres aínda día de bastante sol e calor, o sábado xa poderían aparecer as primeiras treboadas e o domingo sería o día da festa completa podendo caer a treboada en calquer punto da península Ibérica e cunha intensidade forte nalgún sitio con saraiba e aparato eléctrico importante.

Seguiremos coa calor en liñas xerais; cunha lixeira relaxación polo norte. Aínda asi a sensación de bochorno estará presente toda da fin de semana.

Como co problema da chuvia vai ser suficiente, desta vez o vento non dará problemas e estará tranquilo.

Si, a predición en Galicia tampouco é moi sinxela tendo dous escenarios posibles a conta da baixa esa que se instalará ao oeste da península Ibérica. A primeira opción e a máis probable é que teñamos unha fin de semana de bastante sol coa aparición de treboadas tanto na tarde do sábado coma do domingo, sendo importantes nalgúns puntos. A outra opción, menos probable, pero para ter en conta, é que a borrasca se achegue máis á Galicia e nos deixe moitas máis nubes e chuvia máis a feito debido a que a súa fronte asociada nos afecte, manténdose a alta probabilidade de treboadas pola entrada de aire frío en capas medias e altas da atmosfera. O que si, voltaremos a ter algo de calor, o normal para esta época do ano e pouco vento. Todo isto despois dun venres moi semellante ao que foi este xoves.

Como les, toca unha fin de semana bastante movido no meteorolóxico, pero aínda coa incertidume de saber onde caerá o gordo das treboadas. Aínda así, estaría ben estar preparados para tomar as medidas adecuadas porque en calquer punto as chuvascos poden ser moi importante e máis despois de tanto sen chover e coa terra tan seca.

Comentarios (0) Ago 24 2017