Virán cambios?

Posted: under O tempo.

Comezamos esta semana a cabalo entre os meses de outubro e novembro, cun día festivo no medio e que seguro que te ten preocupada/o con isto do tempo debido a este “verán” que estamos a ter no comezo do outono, non si? Tocará ver se cambia ou non, así que non me enredo e paso a contarcho.

De momento seguimos sen cambios, co sol de protagonista sobre a península Ibérica, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, desta vez si vai a haber cambios. No serían no día de mañá martes nin na primeira metade do día festivo do mércores, pero xa logo si. Co remate da semana unha baixa vaise a instalar ao oeste da peninsula e provocando que as frontes volten de visita e deixen algo de chuvia. Concretando, mañá e pasado pola mañá aínda teremos bastante sol, pero será xa na tarde do mércores cando as nubes entrarán polo oeste e irán anubrando de oeste a leste e deixando chuvia principalmente nese oeste e con menor probabilidade canto máis ao leste. Podes ver isto coas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para medianoite do mércores ao xoves para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

De temperatura temos que polo centro es sur manteranse se moitos cambios, mentres que polo norte irán ascendendo pouquiño a pouco co avance da semana, tanto as máximas como as mínimas.

O vento estará presente durante case toda a semana, notándose principalmente polo sur neste comezo de semana e no remate da mesma polo oeste co achegamento da fronte.

Si, vai chegar a chuvia a Galicia. Aínda non será ata o mércores pola tarde cando comecen a entrar as frontes, pero xa che adianto que o remate da semana vai vir pasada por auga. Antes toca mañá cun día moi semellante ao de hoxe. Agora ben, frío non irá porque as temperaturas estarán en ascenso, ao igual que a intensidade do vento.

Como les, o “verán” este de outubro parece que toca ao seu fin e chega un tempo máis axeitado para esta época do ano. Agora queda ver se ven para quedarse ou non. Iso xa cho conto o xoves.

Comentarios (0) Out 30 2017

Seguimos sen chover?

Posted: under O tempo.

Ben, estamos a piques de rematar esta semana que, como che contei o luns, veu de verán, pero, seguirá? Paso a contarcho xa mesmo.

A situación é non nova para ti e non é outra que moito sol sobre o ceo peninsular, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde.

Pois ben, xa me gustaría dicirche que isto vai a cambiar nos vindeiros días, pero non vai ser así. As altas presións seguirán a estar sobre a península Ibérica provocando que a ausencia de nubes e, polo tanto, da chuvia continúe. Agora ben, o vento do norte provocará certa nebulosidade no litoral norte e que mesmo deixe algunha que outra chuvia nesa zona. O resusmo disto pódelo ver nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro sábado ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Polo menos de temperatura relaxará un pouco, especialmente polo norte peninsular onde se notará máis, sobre todo nas diurnas.

O vento estará tranquilo, agás polo noroeste e especialmente no val do Ebro onde durante toda a fin de semana se deixará notar e ben.

Si, tampouco chegará a chuvia a Galicia. Calquera diría que sempre chove!! De momento temos por diante outra fin de semana de moito sol, algunha nube polo norte. As temperaturas ralaxaranse un chisco, non moito, pero baixarán un par de gradiños xunto con pouco vento, pero aumentando a súa intensidade cara o sábado e domingo no litoral atlántico.

Como les, seguimos con este verán en outubro e que, polo de agora, non ten pinta de rematar este mes e, como mínimo, tocará esperar a novembro para ver se temos cambios na situación meteorolóxica.

Comentarios (0) Out 26 2017

De novo verán?

Posted: under O tempo.

Estamos rematando outubro e parece que voltamos ao verán, non si? Uns días de chuvia para refrescar e volta a ela co anticiclón, ou iso parece. Será verdade?

De momento toca o que ves na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde e que non é outra cousa que un ceo practicamente azul e certa calor durante o día, aínda que con mañás fresca de máis.

Pois ben, isto non che vai cambiar moito con respeito ao que aconteceu onte e hoxe, así que as altas presións van seguir sobre a península Ibérica aportando estabilidade e, por conseguinte, moito sol e pouca nube, tal e como podes observar na saída do modelo GFS prevista para o vindeiro mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

E con tanto sol tamén irá calor durante esta semana con temperaturas máis altas que os valores típicos desta época do ano. Iso si, pola noite refrescará e ben con oscilacións térmicas importantes nalgúns puntos do territorio peninsular.

O vento estará tranquilo, agás na zona do estreito de Xibraltar onde o vento de levante soprará con certa intensidade.

Si, a chuvia volta a lonxarse de Galicia e toca outra vez sol e calor. Semana de ceo azul con algunha que outra nube para estropealo, simplemente iso. E con calor porque as temperaturas ascenderán un chisco, pero ollo, que pola noite xa irá fresquete de máis, non te esquezas. E todo isto aderezado con moi pouco vento.

Como les, temos por diante outro veranciño para rematar este mes de outubro. Si, xa case che podo adiantar que non vai chover no que queda de mes, pero iso xa cho confirmo o xoves coa predición.

Comentarios (1) Out 23 2017

Marcha a chuvia?

Posted: under O tempo.

Estamos rematando esta semana na que, por fin, chegou a chuvia a toda a península Ibérica e que tanta falta facía. Agora queda saber se isto foi flor duns días ou ven para quedarse máis tempo e recuperarnos da seca que estamos tendo, así que tentar aportarche máis información sobre como será a fin de semana.

Como podes ver na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde, xa bastantes puntos da península gozaron de sol, agás o norte e oeste onde as nubes e a chuvia deixaron un día pestoso e de outono.

Pois ben, aínda queda unha fronte por vir e será no día de mañá venres para logo dar paso, pouco a pouco, á entrada das altas presións. Así, mañá polo noroeste e norte peninsulares as nubes coa chuvia serán as protagonistas e desprazandose cara o leste e perdendo forza co seu avance. Xa o sábado quedarían algúns chuvascos polo norte e xa moito sol no resto da península que xa será en todo o territorio peninsular na xornada do domingo. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para os vindeiros días para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita): na parte superior para o venres, no medio o sábado e na parte inferior o domingo.

Tamén iremos recuperando as temperaturas dado que estarán en ascenso co paso dos días, notándose principalmente polo sur peninsular.

De vento tamén iremos ben porque polo litoral norte e oeste deixarase notar, ao igual que no val do Ebro.

Si, aínda queda chuvia en Galicia que segue facendo falta. Como dicía mañá teremos o paso doutra fronte que deixará ceo gris con algo de chuvia, sendo máis intensa na tardiña e noite e algún chuvasco para o sábado. Xa o domingo comezarán a chegar as altas presións aportando estabilidade con máis sol. As temperaturas estarán en ascenso, mentres que o vento estará presente toda a fin de semana, sobre todo polo litoral.

Como ves, aínda queda algo de chuvia, pero non moita porque as altas presións xa están a petar na porta e querendo vir a partir do domingo. O luns confírmoche se ven para quedarse ou só de visita fugaz.

Comentarios (0) Out 19 2017

Tempo de chuvia?

Posted: under O tempo.

Xa pasou o furacán Ophelia, pero a noticia de hoxe non é esa. É a dos incendios que nos están a afectar e que coa “axuda” deste fenómeno meteorolóxico e varios factores máis deixaron o desastre que deixaron no noso país. Agora esperando pola chuvia con xeito, non só para apagar estes lumes, senon tamén para encher embalses e refrescar o ambiente, non si? Xa che conto como ven a semana en nada.

O que temos sobre a península é a metade oeste con máis nubes e algo de chuvia e a metade leste máis despexada, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, agora si que o conto vai cambiar. Coa chegada e paso de Ophelia o anticiclón retírase cara o centro do Atlántico e vaise abrir a veda ao paso dos sistemas frontais que irán chegando ao longo desta semana. Polo tanto, espéranos unha semana de bastantes nubes e chuvia sobre a península Ibérica, máis probable e intensa polo oeste, pero tamén caendo algo polo leste. Podes ver un resumo disto nas seguintes imaxes do modelo GFS prevista para o vindeiro mércores ao mediodia para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Con isto tamén chega a baixada de temperaturas. Por fin marcha a calor esta case extraordinaria de outubre e acadaranse temperaturas máis acaídas para esta época do ano.

E neste menú de cambio de tempo non podía faltar o vento que comezará a notarse un pouco máis, especialmente polo noroeste e norte.

Si, chega a chuvia a Galicia. Xa hoxe caeu algo e así seguirá durante toda a semana. O paso de varias fronte deixará bastante nube e chuvia con algún que outro intervalo de menos nubes e algo de sol, pero en xeral será unha semana de chuvia no tempo que boa falta fai. Tamén o será máis fresca coa baixada das temperaturas a valores de outubro e ademáis ventosa porque teremos que a súa intensidade irá en aumento, non tanto como na fin de semana, pero si o suficiente para que moleste, sobre todo no litoral.

Como les, chega a tan ansiada chuvia á península Ibérica e con ela xunto coa baixada térmica, refresca o tempo que boa falta facía.

Comentarios (0) Out 16 2017

Ponte calorosa?

Posted: under O tempo.

Si, xa sei que hoxe non é xoves, pero dado que estamos en véspera dunha ponte, quen poida gozar dela; hoxe adianto a miña predición para que a teñas en conta se planeas algo para os vindeiros días.

De momento, como podes ver na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde, seguimos con este verán en pleno outubro cun ceo con moi poucas nubes e moitos con quentando e ben, máis do que debería segundo a época do ano.

Pois ben, a situación sinóptica vai seguir sendo a mesma coas altas presións sobre a península Ibérica asegurándonos unha ponte de moito sol e temperaturas calorosas coa única diferenza polo leste, xa entrada a fin de semana, onde poderian aparecer algunhas nubes e mesmo algo de chuvia. Podes ver isto resumido nas imaxes do modelo GFS previstas para o próxima medianoite do venres ao sábado para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Como dicía, as temperaturas seguirán con valores por riba da media, calorosas en xeral, especialmente polo centro e sur peninsulares.

Ademáis, haberá pouco vento en liñas xerais. Unicamente polo sur aumentará algo durante a fin de semana, pero non moito.

E si, tamén en Galicia gozaremos do sol e a calor nos vindeiros días facendo que a ponte no meteorolóxico sexa agradable. E ademais con ausencia de vento.

Agora ben, todo isto remata no comezo da semana que ven dado que unha borrasca, que a día de hoxe é a tormenta tropical Ophelia, como ves na imaxe superior, vaise ir achegando cara a península Ibérica segundo as previsións que ven na imaxe inferior.

Aínda é moi cedo para dicir se nos afectará ou non dado que a incertidume da súa traxectoria é moi alta, tal e como podes ver nas seguintes imaxes do ensemble de medio prazo que temos en MeteoGalicia: á esquerda o que din os seus membros para o domingo ao mediodía e á dereita o que din para a medianoite dese domingo ao luns. Se queres ter información de primeira man da súa evolución nos vindeiros días podes vistar a web do National Hurricane Center (http://www.nhc.noaa.gov/).

Como les, temos unha ponte moi tranquila e xeitosa no tempo á espera de que a semana que ven comecen os cambios, ou iso é o que os modelos meteorolóxicos parece que nos queren mostrar.

Comentarios (0) Out 11 2017

Chuvia? Será esta semana?

Posted: under O tempo.

Ben, segue sen chover e facendo calor, non tanta coma se estivesemos en verán, pero para estarmos en outono chégalle ben, non si? Desexando que chova dunha vez, verdade? Imos ver se toca esta semana que remata en ponte.

Hoxe seguimos coa mesma tónica destes días pasados e que non é outra cousa que un ceo con moi pouca nube e con moito sol sobre a peninsula Ibérica, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde.

Pois ben, non se albiscan cambios nos vindeiros días na atmosfera peninsular. Si, continuarán as altas presión afectándonos e, polo tanto, aportando moita estabilidade e moito sol. Algunha nube podería aparecer para estropear un ceo completamente azul, pero sen importancia. Da chuvia nada, sen novidades a día de hoxe. O resumo visual disto pódelo ver nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o mediodía do vindeiro mércores para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipatición (dereita).

E si, seguiremos con esta calor durante uns días máis camiño do outubro máis caloroso dos últimos anos que unido a ausencia practicamente total de vento fará que a sensación sexa maior.

Si, seguirá sen chover en Galicia. Aínda que non o creas, outra semana máis de sol e calor neste país que din que é da chuvia, pero este mes de outubro non vai facer honra diso porque, como dicía temos por diante unha semana solleira con temperaturas rozando os 30º en moitos puntos e pouco vento dando unha sensación de case verán.

Como les, máis días de sol e calor en outubro, dando lugar a un verán máis que outono; así que tocará esperar aínda uns días a esa tan demandada chuvia. Veremos se o mércores, antes da ponte, che traio algún cambio no tempo.

Comentarios (0) Out 09 2017

Outono ou verán?

Posted: under O tempo.

Ben, estamos a xoves e seguimos con este tempo tan caloroso, verdade? E ti pedindo auga, non si? Xa sabemos que a seca é grande e ademáis fai falla, pero, virá? Agora cho digo.

De momento hoxe seguimos coas altas presións e moito sol sobre a península Ibérica, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde.

Pois ben, sinto dicirche, así de golpe que a chuvia parece que, en liñas xerais, non vai facer acto de presenza nos vindeiros días. As altas presións seguirán firmes sobre a península aportando estabilidade, así que o sol será o que mande. Poderían aparecer algunhas nubes polo sueste e mesmo deixar algún chuvasco na fin de semana. Deixoche as seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro sábado ao mediodía dos campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita) para que te fagas unha mellor idea de como estará o tempo.

Si, seguirá a calor destes días con tendencia a ir a menos segundo avancen os días.

O vento non dará problemas, agás na zona do val do Ebro e no sur peninsular onde a súa intensidade será un pouco maior.

Si, Galicia gozará dunha fin de semana de sol e calor. A chuvia segue a resistirse, así que tocará un tempo moi semellante ao de hoxe ao longo de toda a fin de semana, tanto en valores de temperatura coma co vento, notándose máis no litoral norte.

Como les, toca unha fin de semana case máis de verán que de outono, así que, mentres non cambia haberá que gozar dela.

Comentarios (0) Out 05 2017

Sol e calor en outubro?

Posted: under O tempo.

Xa estamos en outubro e comezou quente, non si? E seguirá así? Agora che saco de dúbidas para que sepas con detalle como ven a semana.

Como continuación da fin de semana, as nubes son pouco protagonistas no día de hoxe sendo o sol o que manda, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde.

Pois ben, a situación vai continuar nas mesmas. As altas presións seguirán favorecendo a estabilidade atmosférica sobre a península Ibérica facendo que o sol luza durante toda a semana. Unicamente polo norte e leste peninsulares podería presentarse algo de nebulosidade e mesmo que estas nubes deixen caer algunhas gotas. En imaxes podes ver todo isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

E si, seguiremos con esta calor de outubro con temperaturas por riba dos 30º en moitos puntos da península, sobre todo polo centro e sur.

O vento estará presente polo noroeste e sur deixándose notar máis do que gustaría.

Si, seguirá este tempo tan apacible en Galicia nos vindeiros días con moito sol, algunhas nubes polo norte, e temperaturas máis que agradables, rozando e mesmo superando puntualmente os 30º no interior do país. Ademáis ata finais de semana non se notará o vento.

Como les, temos por diante unha semana moi agradable por diante que calquera diría que estamos a comezos de outubro.

Comentarios (0) Out 02 2017