Ponte calorosa?

Posted: under O tempo.

Si, xa sei que hoxe non é xoves, pero dado que estamos en véspera dunha ponte, quen poida gozar dela; hoxe adianto a miña predición para que a teñas en conta se planeas algo para os vindeiros días.

De momento, como podes ver na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde, seguimos con este verán en pleno outubro cun ceo con moi poucas nubes e moitos con quentando e ben, máis do que debería segundo a época do ano.

Pois ben, a situación sinóptica vai seguir sendo a mesma coas altas presións sobre a península Ibérica asegurándonos unha ponte de moito sol e temperaturas calorosas coa única diferenza polo leste, xa entrada a fin de semana, onde poderian aparecer algunhas nubes e mesmo algo de chuvia. Podes ver isto resumido nas imaxes do modelo GFS previstas para o próxima medianoite do venres ao sábado para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Como dicía, as temperaturas seguirán con valores por riba da media, calorosas en xeral, especialmente polo centro e sur peninsulares.

Ademáis, haberá pouco vento en liñas xerais. Unicamente polo sur aumentará algo durante a fin de semana, pero non moito.

E si, tamén en Galicia gozaremos do sol e a calor nos vindeiros días facendo que a ponte no meteorolóxico sexa agradable. E ademais con ausencia de vento.

Agora ben, todo isto remata no comezo da semana que ven dado que unha borrasca, que a día de hoxe é a tormenta tropical Ophelia, como ves na imaxe superior, vaise ir achegando cara a península Ibérica segundo as previsións que ven na imaxe inferior.

Aínda é moi cedo para dicir se nos afectará ou non dado que a incertidume da súa traxectoria é moi alta, tal e como podes ver nas seguintes imaxes do ensemble de medio prazo que temos en MeteoGalicia: á esquerda o que din os seus membros para o domingo ao mediodía e á dereita o que din para a medianoite dese domingo ao luns. Se queres ter información de primeira man da súa evolución nos vindeiros días podes vistar a web do National Hurricane Center (http://www.nhc.noaa.gov/).

Como les, temos unha ponte moi tranquila e xeitosa no tempo á espera de que a semana que ven comecen os cambios, ou iso é o que os modelos meteorolóxicos parece que nos queren mostrar.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.