Tempo de chuvia?

Posted: under O tempo.

Xa pasou o furacán Ophelia, pero a noticia de hoxe non é esa. É a dos incendios que nos están a afectar e que coa “axuda” deste fenómeno meteorolóxico e varios factores máis deixaron o desastre que deixaron no noso país. Agora esperando pola chuvia con xeito, non só para apagar estes lumes, senon tamén para encher embalses e refrescar o ambiente, non si? Xa che conto como ven a semana en nada.

O que temos sobre a península é a metade oeste con máis nubes e algo de chuvia e a metade leste máis despexada, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, agora si que o conto vai cambiar. Coa chegada e paso de Ophelia o anticiclón retírase cara o centro do Atlántico e vaise abrir a veda ao paso dos sistemas frontais que irán chegando ao longo desta semana. Polo tanto, espéranos unha semana de bastantes nubes e chuvia sobre a península Ibérica, máis probable e intensa polo oeste, pero tamén caendo algo polo leste. Podes ver un resumo disto nas seguintes imaxes do modelo GFS prevista para o vindeiro mércores ao mediodia para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Con isto tamén chega a baixada de temperaturas. Por fin marcha a calor esta case extraordinaria de outubre e acadaranse temperaturas máis acaídas para esta época do ano.

E neste menú de cambio de tempo non podía faltar o vento que comezará a notarse un pouco máis, especialmente polo noroeste e norte.

Si, chega a chuvia a Galicia. Xa hoxe caeu algo e así seguirá durante toda a semana. O paso de varias fronte deixará bastante nube e chuvia con algún que outro intervalo de menos nubes e algo de sol, pero en xeral será unha semana de chuvia no tempo que boa falta fai. Tamén o será máis fresca coa baixada das temperaturas a valores de outubro e ademáis ventosa porque teremos que a súa intensidade irá en aumento, non tanto como na fin de semana, pero si o suficiente para que moleste, sobre todo no litoral.

Como les, chega a tan ansiada chuvia á península Ibérica e con ela xunto coa baixada térmica, refresca o tempo que boa falta facía.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.