Marcha a chuvia?

Posted: under O tempo.

Estamos rematando esta semana na que, por fin, chegou a chuvia a toda a península Ibérica e que tanta falta facía. Agora queda saber se isto foi flor duns días ou ven para quedarse máis tempo e recuperarnos da seca que estamos tendo, así que tentar aportarche máis información sobre como será a fin de semana.

Como podes ver na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde, xa bastantes puntos da península gozaron de sol, agás o norte e oeste onde as nubes e a chuvia deixaron un día pestoso e de outono.

Pois ben, aínda queda unha fronte por vir e será no día de mañá venres para logo dar paso, pouco a pouco, á entrada das altas presións. Así, mañá polo noroeste e norte peninsulares as nubes coa chuvia serán as protagonistas e desprazandose cara o leste e perdendo forza co seu avance. Xa o sábado quedarían algúns chuvascos polo norte e xa moito sol no resto da península que xa será en todo o territorio peninsular na xornada do domingo. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para os vindeiros días para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita): na parte superior para o venres, no medio o sábado e na parte inferior o domingo.

Tamén iremos recuperando as temperaturas dado que estarán en ascenso co paso dos días, notándose principalmente polo sur peninsular.

De vento tamén iremos ben porque polo litoral norte e oeste deixarase notar, ao igual que no val do Ebro.

Si, aínda queda chuvia en Galicia que segue facendo falta. Como dicía mañá teremos o paso doutra fronte que deixará ceo gris con algo de chuvia, sendo máis intensa na tardiña e noite e algún chuvasco para o sábado. Xa o domingo comezarán a chegar as altas presións aportando estabilidade con máis sol. As temperaturas estarán en ascenso, mentres que o vento estará presente toda a fin de semana, sobre todo polo litoral.

Como ves, aínda queda algo de chuvia, pero non moita porque as altas presións xa están a petar na porta e querendo vir a partir do domingo. O luns confírmoche se ven para quedarse ou só de visita fugaz.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.