Virán cambios?

Posted: under O tempo.

Comezamos esta semana a cabalo entre os meses de outubro e novembro, cun día festivo no medio e que seguro que te ten preocupada/o con isto do tempo debido a este “verán” que estamos a ter no comezo do outono, non si? Tocará ver se cambia ou non, así que non me enredo e paso a contarcho.

De momento seguimos sen cambios, co sol de protagonista sobre a península Ibérica, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, desta vez si vai a haber cambios. No serían no día de mañá martes nin na primeira metade do día festivo do mércores, pero xa logo si. Co remate da semana unha baixa vaise a instalar ao oeste da peninsula e provocando que as frontes volten de visita e deixen algo de chuvia. Concretando, mañá e pasado pola mañá aínda teremos bastante sol, pero será xa na tarde do mércores cando as nubes entrarán polo oeste e irán anubrando de oeste a leste e deixando chuvia principalmente nese oeste e con menor probabilidade canto máis ao leste. Podes ver isto coas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para medianoite do mércores ao xoves para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

De temperatura temos que polo centro es sur manteranse se moitos cambios, mentres que polo norte irán ascendendo pouquiño a pouco co avance da semana, tanto as máximas como as mínimas.

O vento estará presente durante case toda a semana, notándose principalmente polo sur neste comezo de semana e no remate da mesma polo oeste co achegamento da fronte.

Si, vai chegar a chuvia a Galicia. Aínda non será ata o mércores pola tarde cando comecen a entrar as frontes, pero xa che adianto que o remate da semana vai vir pasada por auga. Antes toca mañá cun día moi semellante ao de hoxe. Agora ben, frío non irá porque as temperaturas estarán en ascenso, ao igual que a intensidade do vento.

Como les, o “verán” este de outubro parece que toca ao seu fin e chega un tempo máis axeitado para esta época do ano. Agora queda ver se ven para quedarse ou non. Iso xa cho conto o xoves.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.