Friaxe, non si?

Posted: under O tempo.

Carallo, que frío!!! Seguro que esta é a expresión que máis estás a dicir nestes días, verdade? Si, a verdade é que vai frío e co vento aínda se sente máis. E seguiremos así? A ver…

De momento vemos como as nubes están restrinxidas ao norte peninsular e mesmo están a deixar algo de chuvia e neve en zonas altas, tal e como podes ver na seguinte imaxe do satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, a situación non vai cambiar moito nos vindeiros días. As altas presións ao oeste das illas Británicas e as baixas presións sobre Centroeuropa seguirán traendo aire frío de latitudes máis altas e, polo tanto, mantendo este frío con nós. Ao mesmo tempo esta humidade que traen debido á súa orixe marítima fai que se forme nebulosidade polo norte e nos deixe precipitacións, sendo en forma de neve, e de xeito importante, por riba dos 600 metros. Mentres isto ocorre polo norte, no centro e sur seguirán con bastante sol, aínda que algunha nube para deslucir o ceo azul. Faite unha idea desta situación coas seguintes imaxes do modelo previstas para o vindeiro sábado ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) onde podes ver as altas e baixas presións xunto cos nubes que se forman e o campo de precipitación (dereita).

Si, como xa che dixen, seguirá o frío, tanto de día como de noite, durante mañá venres e a fin de semana, así que toca seguir abrigados e ter coidado coas xeadas nocturnas que prometen ser importantes en moitos puntos da península.

O vento tamén se une a esta festa de temporal de frío e neve porque polo norte e nordeste vai soprar con certa intensidade facendo que a sensación de frío sexa importante.

Si, en Galicia seguiremos co frío que estamos tendo, tanto polo día como polas noites con moitos puntos por debaixo dos 0º e xeadas xeneralizadas. Aínda veremos bastante o sol, aínda que non quente, menos canto máis ao norte onde teremos nubes e non se descarta que deixen algo de chuvia, neve na montaña norte luguesa, en calquer momento. O vento irá a menos segundo avance a fin de semana.

Como les, segue con nós, uns días máis, este temporal de frío e neve que nos ten ateridos durante esta semana á espera de ver que nos ten a atmosfera preparada para a vindeira semana de ponte festiva, pero iso xa cho contarei con calma o luns.

Comentarios (0) Nov 30 2017

Máis frío?

Posted: under O tempo.

Estamos rematando este mes de novembro tan seco que case non se recorda o que é chover, salvo casos específicos e de pouca duración polo norte e noroeste peninsulares, e toca ver que nos deparará a atmosfera no que queda ata decembro, así que vou ver os mapas e contarcho.

O que tivemos hoxe é case un adianto do que se nos ven esta semana, así que toma nota da seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde con máis nubes no centro e sur e menos cara o norte e, con matices, veremos algo moi parecido ao longo da semana.

Pois ben, como che adiantei, teremos unha península dividida en dúas partes en canto á predición. Por unha banda, teremos bastantes nubes polo norte debido á entrada de aire frío que aportará moita humidade e mesmo deixarán algo de chuvia, neve en lugares cuxa altitude supere os 500 metros. Por outro lado, as zonas centro e sur peninsulares veranse influenciadas por unha baixa ao norte das illas Canarias desprazándose cara o sur peninsular e que favorecerá a inestabilidade e, polo tanto, a formación de nubes e precipitación, por momentos importante. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Si, baixan as temperaturas aínda máis. Ao longo desta semana teremos a entrada dunha masa de aire frío procedente case do polo norte e que fará que baixen as temperaturas, notándose especialmente nas máximas e na cota de neve que poderá baixar ata os 500 metros no norte peninsular. Podes ver canto baixan, máis ou menos, se comparas as dúas seguintes imaxes da temperatura deste mediodía de hoxe e a prevista para o vindeiro xoves a esa mesma hora.

En canto ao vento algún imos ter durante toda a semana, notándose especialmente no litoral norte e en todo o litoral mediterráneo.

E si, tamén chegará o frío a Galicia. Máis do que fixo onte e hoxe. Notarase sobre todo no final da semana en todo o país. Acompañando ao frío estará o vento do norte que provocará unha sensación térmica de fai máis frio. Ah, tamén haberá algo de chuvia, pero esta restrinxida ao norte, mentres que canto máis ao sur, máis sol.

Como les, temos por diante unha semana máis que fría e ademáis con chuvia nunha parte do territorio peninsular onde boa falta fai, así que toca tomar as debidas precaucións porque o xoves volve eu por aquí para dicirche como comeza o mes de decembro.

Comentarios (0) Nov 27 2017

E a fin de semana, que? Chuvia ou sol?

Posted: under O tempo.

Que? A semana veu con xeito en canto a chuvia, non si? Bueno, se estás polo noroeste porque no resto da península quedache a velas vir. E que? Aínda quedará chuvia ou non? Paso a responderche agora mesmo.

Como ves na imaxe de satélite desta mesma tarde, as nubes estiveron polo noroeste e mesmo deixaron algunha que outra gota de chuvia, non moita, pero algo si.

Pois ben, aínda queda algo para mañá venres, pero xa logo as altas presións voltarán a coller sitio sobre a península Ibérica. Mañá teremos o paso dun sistema frontal que anubrará polo norte, centro e oeste peninsulares e deixará chuvia, por momentos ata ben xeitosa, mentres que no resto do territorio peninsular só algunhas nubes, tal e como podes ver nas imaxes do modelo GFS previstas para mañá a primeira hora da tarde para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Xa o sábado, despois de acabar de pasar a fronte pola mañá, teremos que as altas presións irán entrando de novo sobre a península estabilizando a situación e, polo tanto, deixando unha tarde de sábado e domingo con bastante sol e pouca nubes, como podes ver nas seguintes imaxes do modelo previstas para o domingo ao mediodía para as mesmas variables anteriores.

Nas temperaturas non haberá variación ata a fin de semana. Tras o paso da fronte entrará aire frío e fará que baixen xa notándose tanto sábado como domingo, especialmente nas mínimas. Con esta baixada de temperaturas tamén baixa a cota de neve, así que en zonas altas do Cantábrico e Pirineos poderían caer algunhas folerpas de neve.

O vento estará presente con certa intensidade por todo o litoral, sen distincións. No interior unicamente polo noroeste e o val do Ebro terán algunha incomodidade con él.

Si, como xa puideches comprobar, regresou a chuvia a Galicia. Non foi moita, ben é certo, pero menos que nada si e aínda queda algunha para mañá, nalgúns puntos importante e unha pouca menos para a mañá do sábado. Xa logo voltamos ao sol e algunha nube espallada. Tamén voltará o frío na fin de semana coa baixada de temperaturas que nos provocará a entrada de aire frío despois do paso da fronte. O vento non nos abandonará ata o domingo, estando presente tanto mañá como pasado e xa amainando o domingo.

Como les, chega algo de chuvia ao noroeste peninsular e non da chegado ao resto, pero si o frío de novo, así que toca novamente toca tirar de roupa de abrigo.

Comentarios (0) Nov 23 2017

E a chuvia, virá?

Posted: under O tempo.

Seguimos a voltas con este tempo incambiable con bastante frío de noite e ata agradable de día, non si? Xa estás farta/o? Pois imos ver entón se esta semana, por fin, temos algún cambio no tempo.

Hoxe segue a cousa igual, con moito sol sobre a península e apenas nubes, tal e como podes comprobar na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde.

Pois ben, xa che digo que algún cambio haberá. Si, aínda que non o creas, chegará algo de chuvia. A onde e como? Ben, mañá martes aínda seguiremos igual e será o mércores, xa pola tarde, cando unha fronte entre polo noroeste traendo consigo nubes e algo de chuvia a esa zona. Ao resto da península só algunhas nubes e menos canto máis ao leste e sur. Xa cara o final da semana irase inestabilizando o resto do territorio peninsular, pero non moito. Podes ver isto nas imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores pola tarde para os campos de isóbaras (coa baixa achegándose) e o campo de nebulosidade á esquerda e o campo de precipitación á dereita.

Coa temperatura non haberá cambios significativos. Unicamente un lixeiro ascenso cara o final da semana, notándose especialmente nas mínimas polo oeste.

E claro, coa entrada da fronte tamén aumenta a intensidade do vento, así que polo noroeste a partir do mércores notarase bastante máis e non tanto no resto da península.

Si, desta vez ven. Si, choverá en Galicia esta semana. Non será gran cousa polo leste do país, pero polo oeste chegaralle. Mañá martes outro día igual que estes pasados ata que o mércores chegue a fronte e traia as nubes e a chuvia que quedarán con nós ata a fin de semana afectando principalmente ás provincias de A Coruña e Pontevedra. Polo menos xa non irá tanto frío polas noites porque as temperaturas mínimas subirán, manténdose con poucos cambios as máximas. O que aumentará será o vento porque desaparecerá esta calma e o notaremos e ven co paso dos días ata a fin de semana.

Como les, tocan cambios. De momento só afectan ao noroeste peninsular, pero tranquilidade que rematando a semana chegarían a toda a península. Será na fin de semana cando cambie en liñas xerais.

Comentarios (0) Nov 20 2017

Tempo aburrido?

Posted: under O tempo.

Ben, xa pasaron os magostos e toca voltar á normalidade e rutina, sen festas polo medio e por iso xa volvo eu coa predición para contarche como se presenta a fin de semana.

Como estás comprobando, as altas presións mandan sobre a península Ibérica e nos deixan o que ves na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde e que non é outra cousa que un ceo azul, sen apenas nubes.

Pois ben, xa che digo que así vai a continuar nos vindeiros días. As altas persións seguirán e, polo tanto, a estabilidade atmosférica mandará facendo que o ceo esté azul, con moi poucas nubes de decoración. Iso si, algunha néboa matinal si podería aparecer. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro sábado ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

As temperaturas seguirán sen moitos cambios: frías pola noite coa posibilidade dalgunha xeada no interior e relativamente agradables durante o día.

O vento unicamente na zona do estreito de Xibraltar se vai notar algo porque no resto bastante tranquilo.

Si, tamén seguiremos estables en Galicia. Non che haberá cambios e seguiremos con este ceo despexado, néboas polo interior nas mañás, frío de noite e primeiras horas con temperaturas máis cálidas contra o medio dia e todo con moi pouco vento.

Como les, seguimos nas mesmas, cun anticiclón quietiño que nos deixa todo este tempo tan solleiro, pero á súa vez frío polas noites.

Comentarios (0) Nov 16 2017

Cambia o tempo?

Posted: under O tempo.

Ben. xa temos con nós o frío e as primeiras nevaradas da temporada, non si? Agora toca saber se haberá máis do mesmo ou, pola contra, cambia a situación nos vindeiros días, así que paso a contarcho agora mesmo.

O que temos sobre a península Ibérica e bastante sol, agás polo norte onde as nubes son as protagonistas e deixando a imaxe curiosa desas ondas de nubes por culpa do vento na cordilleira cantábrica, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde.

Pois ben, a situación non vai cambiar moito. A península Ibérica seguirá baixo as altas presións e o o vento de compoñente norte provocando que o norte esté moito máis anubrado con chuvias e mesmo neve en zonas altas, mentres que no centro e sur peninsulares seguirán co sol. Ves isto moi ben coas imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro sábado ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Non haberá cambios na temperatura en liñas xerais, manténdose en valores moi semellantes aos que estamos a ter, agás polo noroeste onde ascenderán un chisco.

O vento con certa intensidade estará presente polo norte peninsular e o val do Ebro, manténdose tranquillo no resto do territorio peninsular.

En Galicia non che haberá moitos cambios: o norte seguirá coas súas nubes e algunha que outra chuvia e canto máis ao sur iranse abrindo claros deixando unha fin de semana xeitosa en liñas xerais. Ata de temperaturas estaremos ben porque subirán un chisco xa que marchará o vento do norte e virá do oeste e xa non será tan frío.

E si, hoxe barro un pouco para casa e xa che confirmo que o luns tamén en Ourense, día festivo, pintará ben. Así que, temos por diante unha fin de semana longa para poder gozar ben dos magostos que para algo é a nosa festa tradicional.

Como les, non che hai moitos cambios do tempo e seguimos con esta península dividida en dous e coas primeiras nevaradas xa con nós.

Comentarios (0) Nov 09 2017

Marchará o frío pronto?

Posted: under O tempo.

Chegou o frío, non si? Xa che dixen o xoves que tiveses preparada a roupa que baixaban as temperaturas. Espero que fixeras caso porque como se pode comprabar vai máis máis frío que días pasado. E que? Seguirá con nós? Agora cho digo.

Este vento frío ven do norte que tamén é o culpable das nubes que podes ver na seguinte imaxe de satélite do comezo desta tarde no litoral cantábrico e que mesmo deixaron algunha chuvia, mentres que no resto da península é o sol o que manda.

Pois ben, a situación vai seguir sen moitos cambios coas altas presións mandando sobre a península Ibérica, pero permitindo o paso dunha fronte moi feble no día de mañá martes e afectando ao norte peninsular ao seu paso durante toda a semana. Deste xeito, o norte peninsular presentará máis nubes e algunhas chuvias nos vindeiros días, e mesmo as primeiras nevaradas en puntos pirenaicos, mentres que o resto do territorio peninsular seguirá con sol, tal e como podes ver resumido nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitacións (dereita).

E si, xa che digo que continuará este frío. Non haberá moitos cambios nas temperaturas, tanto máximas como mínimas, porque o vento seguirá a ser principalmente do norte aportando ar frío.

En maior ou menor medida o vento estará presente sobre a península durante toda semana, notándose especialmente no remate da mesma.

Si, tamén se manterá este frío en Galicia, con máis sol canto máis ao sur e máis nubes canto máis ao norte e deixando algo de chuvia, sendo o día de máis nebulosidade e maior probabilidade de chuvia o de mañá martes. O vento do norte seguirá a notarse e facendo que a sensación de frío sexa un pouco maior do que realmente fará.

Como les, parece que chegou o inverno aínda que a neve non veña desta vez e só sexan o Pirineos os lixeiramente afectados por algunha que outra folerpa. O que toca é seguir abrigado nos vindeiros días.

Comentarios (0) Nov 06 2017

Chuvia, si ou non?

Posted: under O tempo.

Ben, estamos comezando un novo mes no que seguro estas a pedir que veña un pouco máis húmido do que foi outubro, non si? De momento polo oeste peninsular pinta ben, pero, continuará? E no resto da península? Agora resposto a iso.

Como dicía, o oeste peninsular estivo hoxe bastante anubrado por culpa dunha fronte que deixou algo de auga, non moita, pero algunha ben necesaria si; tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, isto vaise manter e mesmo estender cara o leste. A borrasca culpable destas nubes e chuvia fará que varias frontes cheguen nos vindeiros días e afecten a case toda a península Ibérica. Unicamente o leste ser verá menos afectado. Polo tanto, o ceo con bastante nubes e chuvia será a tónica dominante nos vindeiros días, sen descartar que algunha desta chuvia veña algo rabiosa, con treboada. Podes ver isto nas saídas do modelo GFS previstas para o sábado ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade á esquerda e para o campo de precipitación á dereita.

De temperatura ata o domingo imos andar sen moitos cambios. Será ese día cando notemos un cambio importante xa que a baixada das temperaturas vai a ser considerable, tal e como podes ver se comparas as dúas seguintes imaxes do modelo coa temperatura de hoxe ao mediodía (esquerda) e a prevista para o domingo a esa mesma hora (dereita), notándose principalmente polo norte e centro peninsulares.

Si, tamén irá vento. Comezará a notarse xa o sábado, pero será o domingo cando máis sopre de agrande a sensación de frío.

Si, xa temos a chuvia en Galicia. Xa hoxe caeu algo, non moito a verdade, pero menos que nada é. Así seguirá ata o domingo. Non será unha chuvia moi continua, pero as nubes e os chuvascos estarán garantizados nos vindeiros días. Haberá momentos de chuvia máis intensa e ata momentos de claros e con maior probabilidade canto máis ao oeste. E  si, tamén por aquí imos notar a baixada das temperaturas, así que temos un par de días para ir buscando esa roupiña do frío porque o domingo será cando se note. O vento notarase durante toda a fin de semana.

Como les, toca cambio de tempo. Chega a chuvia e ata parece que chega algo de inverno porque a partir do domingo notarase a baixada térmica, tanto de día coma de noite.

Comentarios (0) Nov 02 2017