Chuvia, si ou non?

Posted: under O tempo.

Ben, estamos comezando un novo mes no que seguro estas a pedir que veña un pouco máis húmido do que foi outubro, non si? De momento polo oeste peninsular pinta ben, pero, continuará? E no resto da península? Agora resposto a iso.

Como dicía, o oeste peninsular estivo hoxe bastante anubrado por culpa dunha fronte que deixou algo de auga, non moita, pero algunha ben necesaria si; tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, isto vaise manter e mesmo estender cara o leste. A borrasca culpable destas nubes e chuvia fará que varias frontes cheguen nos vindeiros días e afecten a case toda a península Ibérica. Unicamente o leste ser verá menos afectado. Polo tanto, o ceo con bastante nubes e chuvia será a tónica dominante nos vindeiros días, sen descartar que algunha desta chuvia veña algo rabiosa, con treboada. Podes ver isto nas saídas do modelo GFS previstas para o sábado ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade á esquerda e para o campo de precipitación á dereita.

De temperatura ata o domingo imos andar sen moitos cambios. Será ese día cando notemos un cambio importante xa que a baixada das temperaturas vai a ser considerable, tal e como podes ver se comparas as dúas seguintes imaxes do modelo coa temperatura de hoxe ao mediodía (esquerda) e a prevista para o domingo a esa mesma hora (dereita), notándose principalmente polo norte e centro peninsulares.

Si, tamén irá vento. Comezará a notarse xa o sábado, pero será o domingo cando máis sopre de agrande a sensación de frío.

Si, xa temos a chuvia en Galicia. Xa hoxe caeu algo, non moito a verdade, pero menos que nada é. Así seguirá ata o domingo. Non será unha chuvia moi continua, pero as nubes e os chuvascos estarán garantizados nos vindeiros días. Haberá momentos de chuvia máis intensa e ata momentos de claros e con maior probabilidade canto máis ao oeste. E  si, tamén por aquí imos notar a baixada das temperaturas, así que temos un par de días para ir buscando esa roupiña do frío porque o domingo será cando se note. O vento notarase durante toda a fin de semana.

Como les, toca cambio de tempo. Chega a chuvia e ata parece que chega algo de inverno porque a partir do domingo notarase a baixada térmica, tanto de día coma de noite.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.