Marchará o frío pronto?

Posted: under O tempo.

Chegou o frío, non si? Xa che dixen o xoves que tiveses preparada a roupa que baixaban as temperaturas. Espero que fixeras caso porque como se pode comprabar vai máis máis frío que días pasado. E que? Seguirá con nós? Agora cho digo.

Este vento frío ven do norte que tamén é o culpable das nubes que podes ver na seguinte imaxe de satélite do comezo desta tarde no litoral cantábrico e que mesmo deixaron algunha chuvia, mentres que no resto da península é o sol o que manda.

Pois ben, a situación vai seguir sen moitos cambios coas altas presións mandando sobre a península Ibérica, pero permitindo o paso dunha fronte moi feble no día de mañá martes e afectando ao norte peninsular ao seu paso durante toda a semana. Deste xeito, o norte peninsular presentará máis nubes e algunhas chuvias nos vindeiros días, e mesmo as primeiras nevaradas en puntos pirenaicos, mentres que o resto do territorio peninsular seguirá con sol, tal e como podes ver resumido nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitacións (dereita).

E si, xa che digo que continuará este frío. Non haberá moitos cambios nas temperaturas, tanto máximas como mínimas, porque o vento seguirá a ser principalmente do norte aportando ar frío.

En maior ou menor medida o vento estará presente sobre a península durante toda semana, notándose especialmente no remate da mesma.

Si, tamén se manterá este frío en Galicia, con máis sol canto máis ao sur e máis nubes canto máis ao norte e deixando algo de chuvia, sendo o día de máis nebulosidade e maior probabilidade de chuvia o de mañá martes. O vento do norte seguirá a notarse e facendo que a sensación de frío sexa un pouco maior do que realmente fará.

Como les, parece que chegou o inverno aínda que a neve non veña desta vez e só sexan o Pirineos os lixeiramente afectados por algunha que outra folerpa. O que toca é seguir abrigado nos vindeiros días.

Comentarios (0) Nov 06 2017