Cambia o tempo?

Posted: under O tempo.

Ben. xa temos con nós o frío e as primeiras nevaradas da temporada, non si? Agora toca saber se haberá máis do mesmo ou, pola contra, cambia a situación nos vindeiros días, así que paso a contarcho agora mesmo.

O que temos sobre a península Ibérica e bastante sol, agás polo norte onde as nubes son as protagonistas e deixando a imaxe curiosa desas ondas de nubes por culpa do vento na cordilleira cantábrica, tal e como podes ver na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde.

Pois ben, a situación non vai cambiar moito. A península Ibérica seguirá baixo as altas presións e o o vento de compoñente norte provocando que o norte esté moito máis anubrado con chuvias e mesmo neve en zonas altas, mentres que no centro e sur peninsulares seguirán co sol. Ves isto moi ben coas imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro sábado ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Non haberá cambios na temperatura en liñas xerais, manténdose en valores moi semellantes aos que estamos a ter, agás polo noroeste onde ascenderán un chisco.

O vento con certa intensidade estará presente polo norte peninsular e o val do Ebro, manténdose tranquillo no resto do territorio peninsular.

En Galicia non che haberá moitos cambios: o norte seguirá coas súas nubes e algunha que outra chuvia e canto máis ao sur iranse abrindo claros deixando unha fin de semana xeitosa en liñas xerais. Ata de temperaturas estaremos ben porque subirán un chisco xa que marchará o vento do norte e virá do oeste e xa non será tan frío.

E si, hoxe barro un pouco para casa e xa che confirmo que o luns tamén en Ourense, día festivo, pintará ben. Así que, temos por diante unha fin de semana longa para poder gozar ben dos magostos que para algo é a nosa festa tradicional.

Como les, non che hai moitos cambios do tempo e seguimos con esta península dividida en dous e coas primeiras nevaradas xa con nós.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.