E a chuvia, virá?

Posted: under O tempo.

Seguimos a voltas con este tempo incambiable con bastante frío de noite e ata agradable de día, non si? Xa estás farta/o? Pois imos ver entón se esta semana, por fin, temos algún cambio no tempo.

Hoxe segue a cousa igual, con moito sol sobre a península e apenas nubes, tal e como podes comprobar na seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde.

Pois ben, xa che digo que algún cambio haberá. Si, aínda que non o creas, chegará algo de chuvia. A onde e como? Ben, mañá martes aínda seguiremos igual e será o mércores, xa pola tarde, cando unha fronte entre polo noroeste traendo consigo nubes e algo de chuvia a esa zona. Ao resto da península só algunhas nubes e menos canto máis ao leste e sur. Xa cara o final da semana irase inestabilizando o resto do territorio peninsular, pero non moito. Podes ver isto nas imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores pola tarde para os campos de isóbaras (coa baixa achegándose) e o campo de nebulosidade á esquerda e o campo de precipitación á dereita.

Coa temperatura non haberá cambios significativos. Unicamente un lixeiro ascenso cara o final da semana, notándose especialmente nas mínimas polo oeste.

E claro, coa entrada da fronte tamén aumenta a intensidade do vento, así que polo noroeste a partir do mércores notarase bastante máis e non tanto no resto da península.

Si, desta vez ven. Si, choverá en Galicia esta semana. Non será gran cousa polo leste do país, pero polo oeste chegaralle. Mañá martes outro día igual que estes pasados ata que o mércores chegue a fronte e traia as nubes e a chuvia que quedarán con nós ata a fin de semana afectando principalmente ás provincias de A Coruña e Pontevedra. Polo menos xa non irá tanto frío polas noites porque as temperaturas mínimas subirán, manténdose con poucos cambios as máximas. O que aumentará será o vento porque desaparecerá esta calma e o notaremos e ven co paso dos días ata a fin de semana.

Como les, tocan cambios. De momento só afectan ao noroeste peninsular, pero tranquilidade que rematando a semana chegarían a toda a península. Será na fin de semana cando cambie en liñas xerais.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.