Máis frío?

Posted: under O tempo.

Estamos rematando este mes de novembro tan seco que case non se recorda o que é chover, salvo casos específicos e de pouca duración polo norte e noroeste peninsulares, e toca ver que nos deparará a atmosfera no que queda ata decembro, así que vou ver os mapas e contarcho.

O que tivemos hoxe é case un adianto do que se nos ven esta semana, así que toma nota da seguinte imaxe de satélite desta mesma tarde con máis nubes no centro e sur e menos cara o norte e, con matices, veremos algo moi parecido ao longo da semana.

Pois ben, como che adiantei, teremos unha península dividida en dúas partes en canto á predición. Por unha banda, teremos bastantes nubes polo norte debido á entrada de aire frío que aportará moita humidade e mesmo deixarán algo de chuvia, neve en lugares cuxa altitude supere os 500 metros. Por outro lado, as zonas centro e sur peninsulares veranse influenciadas por unha baixa ao norte das illas Canarias desprazándose cara o sur peninsular e que favorecerá a inestabilidade e, polo tanto, a formación de nubes e precipitación, por momentos importante. Podes ver isto nas seguintes imaxes do modelo GFS previstas para o vindeiro mércores ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) e o campo de precipitación (dereita).

Si, baixan as temperaturas aínda máis. Ao longo desta semana teremos a entrada dunha masa de aire frío procedente case do polo norte e que fará que baixen as temperaturas, notándose especialmente nas máximas e na cota de neve que poderá baixar ata os 500 metros no norte peninsular. Podes ver canto baixan, máis ou menos, se comparas as dúas seguintes imaxes da temperatura deste mediodía de hoxe e a prevista para o vindeiro xoves a esa mesma hora.

En canto ao vento algún imos ter durante toda a semana, notándose especialmente no litoral norte e en todo o litoral mediterráneo.

E si, tamén chegará o frío a Galicia. Máis do que fixo onte e hoxe. Notarase sobre todo no final da semana en todo o país. Acompañando ao frío estará o vento do norte que provocará unha sensación térmica de fai máis frio. Ah, tamén haberá algo de chuvia, pero esta restrinxida ao norte, mentres que canto máis ao sur, máis sol.

Como les, temos por diante unha semana máis que fría e ademáis con chuvia nunha parte do territorio peninsular onde boa falta fai, así que toca tomar as debidas precaucións porque o xoves volve eu por aquí para dicirche como comeza o mes de decembro.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.