Friaxe, non si?

Posted: under O tempo.

Carallo, que frío!!! Seguro que esta é a expresión que máis estás a dicir nestes días, verdade? Si, a verdade é que vai frío e co vento aínda se sente máis. E seguiremos así? A ver…

De momento vemos como as nubes están restrinxidas ao norte peninsular e mesmo están a deixar algo de chuvia e neve en zonas altas, tal e como podes ver na seguinte imaxe do satélite de primeira hora desta tarde.

Pois ben, a situación non vai cambiar moito nos vindeiros días. As altas presións ao oeste das illas Británicas e as baixas presións sobre Centroeuropa seguirán traendo aire frío de latitudes máis altas e, polo tanto, mantendo este frío con nós. Ao mesmo tempo esta humidade que traen debido á súa orixe marítima fai que se forme nebulosidade polo norte e nos deixe precipitacións, sendo en forma de neve, e de xeito importante, por riba dos 600 metros. Mentres isto ocorre polo norte, no centro e sur seguirán con bastante sol, aínda que algunha nube para deslucir o ceo azul. Faite unha idea desta situación coas seguintes imaxes do modelo previstas para o vindeiro sábado ao mediodía para os campos de isóbaras e nebulosidade (esquerda) onde podes ver as altas e baixas presións xunto cos nubes que se forman e o campo de precipitación (dereita).

Si, como xa che dixen, seguirá o frío, tanto de día como de noite, durante mañá venres e a fin de semana, así que toca seguir abrigados e ter coidado coas xeadas nocturnas que prometen ser importantes en moitos puntos da península.

O vento tamén se une a esta festa de temporal de frío e neve porque polo norte e nordeste vai soprar con certa intensidade facendo que a sensación de frío sexa importante.

Si, en Galicia seguiremos co frío que estamos tendo, tanto polo día como polas noites con moitos puntos por debaixo dos 0º e xeadas xeneralizadas. Aínda veremos bastante o sol, aínda que non quente, menos canto máis ao norte onde teremos nubes e non se descarta que deixen algo de chuvia, neve na montaña norte luguesa, en calquer momento. O vento irá a menos segundo avance a fin de semana.

Como les, segue con nós, uns días máis, este temporal de frío e neve que nos ten ateridos durante esta semana á espera de ver que nos ten a atmosfera preparada para a vindeira semana de ponte festiva, pero iso xa cho contarei con calma o luns.

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.